Carboeiro, San Lourenzo de

Carboeiro, San Lourenzo de

Antigo mosteiro beneditino situado en Silleda. O cenobio fundouse sobre unha antiga ermida dedicada a san Lourenzo que pertencía ao eremita Egica. O conde don Gonzalo e a súa dona, a condesa dona Tareixa, compraron a ermida e as granxas anexas, segundo consta nunha carta de dotación do 936. O bispo de Lugo consagrou a primitiva igrexa en presenza de san Rosendo e do primeiro abade Fiz. Despois da súa destrución por parte de Almanzor no 997, restaurouno o bispo Pedro de Mezonzo no 999 e, na mesma data, Vermudo II concedeulle un privilexio. Non obstante , o mosteiro continuou recibindo doazóns e privilexios dos monarcas e de moitos particulares ao longo da súa historia. Coa reforma da orde beneditina en 1500 pasou a ser un priorado do mosteiro de San Martiño Pinario. A desamortización do s XIX provocou a venda das súas pertenzas e o seu progresivo abandono ata quedar en ruínas. A construción do mosteiro estivo condicionada polo lugar no que se localiza, un terreo de diferentes alturas á beira do río Deza. O actual conxunto (en fase de reconstrución) consta dunha cripta e dunha igrexa alta. A cripta, situada baixo o deambulatorio da igrexa, organízase, á súa vez, noutro deambulatorio e en tres capelas radiais. No exterior existe unha grande ábsida semicircular na que se abren pequenas seteiras. No interior catro piares cilíndricos dividen o espazo nos mesmos cinco tramos que o deambulatorio da parte alta; este espazo está cuberto por bóvedas de aresta. Comunícase coa igrexa por unha escaleira de caracol que conduce ao deambulatorio. A súa planta é de cruz latina e consta de tres naves organizadas en tres tramos no eixe lonxitudinal e unha no cruceiro de cinco tramos. A cubrición da nave central e da nave do cruceiro era a dúas augas e as laterais, con bóveda de crucería, a unha; as naves laterais teñen bóveda de nervada. A comunicación entre as naves laterais e a central realízase por medio de arcos formeiros. A cabeceira está formada por unha capela maior poligonal que ten, ao seu redor, un deambulatorio articulado en cinco tramos e tres capelas radiais. O arco triunfal é de medio punto. No interior destaca o conxunto dos capiteis con follas estilizadas. A portada principal está formada por arquivoltas semicirculares apoiadas sobre catro columnas pegadas, a arquivolta central está decorada cos 24 anciáns do Apocalipse e no tímpano represéntase o Salvador. As arquivoltas da porta sur son de medio punto, a maior presenta decoración floral e a menor está presidida por un Cristo sedente en actitude de bendicir. O mosteiro foi declarado Ben de Interese Cultural en 1931.

Palabras veciñas

Carboeira | Carboeiro | carboeiro -ra | Carboeiro, San Lourenzo de | Carboentes | Carboentes, Santo Estevo de | carbofurano