carbón

carbón

(< lat carbōne ‘carbón’)

  1. [QUÍM/XEOL]
    1. carbón activo/activado

      Carbón cunha gran superficie específica, caracterizado polo feito de posuír un alto poder de absorción selectiva, con preferencia polos compostos menos polares, que aumenta nunha serie homóloga co punto de ebulición do absorbido. Obtense a partir do carbón vexetal, do animal, da torba ou do lignito, por oxidación selectiva do carbón base, ou ao impregnalo cun produto químico (cloruros, sulfuros, ácido fosfórico, etc) e calcinalo posteriormente. Utilízase na industria pola súa capacidade decolorante e pola súa alta absorbencia nos tratamentos de purificación de distintos produtos químicos, do aceite e das graxas, do azucre e da auga potable. Tamén se utiliza nos filtros das máscaras antigás, e para o tratamento de diarreas e intoxicacións gástricas.

    2. carbón animal

      Carbón que se obtén por medio da carbonización de tecidos animais (case sempre os ósos) e que se utiliza como materia prima para a obtención de carbón activado.

    3. carbón de coque

      Residuo que se obtén da destilación seca dos carbóns bituminosos ou dalgúns combustibles, como o petróleo, mediante o proceso de coquización. É un material coherente, de cor escura e de tamaño, porosidade e dureza variables. A súa composición e as súas propiedades varían segundo o material de partida e, sobre todo, segundo a temperatura de destilación. Así, cando a destilación se realiza a alta temperatura (a máis de 900 graos) obtense un coque rico en carbono e moi resistente á compresión, idóneo como combustible nos altos fornos. Pola contra, o coque que se obtén a baixa temperatura, e que ten máis contido de volátiles, só se recomenda para uso doméstico.

    4. carbón de pedra/carbón mineral

      Materia mineral sólida e combustible de orixe vexetal, cor negra, peso específico 1,0-1,8 e dureza 0,5-2,5. Está composto de carbono, hidróxeno, osíxeno, nitróxeno e outros compoñentes non volátiles (arxila, sílice, carbonatos, óxidos de ferro, etc) que forman, logo da combustión do carbón, as cinsas. A xénese dos carbóns é claramente excepcional tanto no tempo coma no espacio. Só hai dous períodos xeolóxicos ricos en xacementos de carbón: o que vai do Carbonífero inferior ao Permiano e o que se inicia no Cretacio e continúa no Terciario. Por outra banda, aproximadamente o 95 por cento dos carbóns minerais localízanse no hemisferio norte. A observación microscópica dos carbóns minerais permite distinguir catro compoñentes de aspecto diferente, dispostos en bandas: brillantes ou vitrita; semibrillantes ou clarita; mates ou durita; e fibrosas ou fusita. A división máis utilizada destes minerais é a que se basea na cantidade de carbono e na porcentaxe de elementos volátiles. Así, distínguense catro grandes grupos: os lignitos, os carbóns subituminosos, os carbóns bituminosos e as antracitas, ordenados segundo unha proporción crecente de carbono e decrecente de elementos volátiles. O carbón mineral fórmase a partir da acumulación e da carbonización de materia vexetal en concas parálicas (en condicións litorais) e limosas (en condicións continentais). A aparencia está interestratificada ciclicamente con capas de rochas sedimentarias. Polo xeral, as capas de carbón que se explotan oscilan entre algo menos dun metro e cinco ou seis de grosor. As concas adoitan ter unhas dimensións moi grandes, como as dos Apalaches, cunha extensión duns 177.000 km 2 e unhas reservas estimadas nuns 500.000 millóns de toneladas. As concas europeas son máis reducidas (a do Ruhr, por exemplo, ten 3.000 km 2 ). As reservas son enormes nos EE UU, Rusia, China, Sudáfrica e Australia. O carbón aplícase na industria carboquímica para o aproveitamento dos vapores e dos gases, que se desprenden na coquización e para a elaboración de plásticos, desinfectantes, produtos farmacéuticos, etc. O carbón de pedra utilizouse en China cara ao s 100 a C, aínda que a súa extracción industrial non se xeneralizou ata a segunda metade do s XVIII ao empregarse nas fraguas e na máquina de vapor e, sobre todo, con motivo do esgotamento das fontes tradicionais de enerxía. A explotación intensiva das minas constituíu unha das bases da Revolución Industrial. Gran Bretaña, que desde o s XVI explotaba sistematicamente as súas minas, foi a abandeirada na extracción industrial: no ano 1800 producía o 90% do total da produción mundial. Inmediatamente houbo outros países que comezaron a desenvolver esta actividade e o ritmo de extracción de carbón aumentou cara ao 1914, ano no que o 80% da produción se distribuía entre os EE UU, Reino Unido e Alemaña. Entre a Primeira e a Segunda Guerra Mundial, a extracción de carbón medrou lentamente; a URSS uniuse aos produtores habituais e, grazas á explotación da gran reserva de Silesia, pronto figurou entre os primeiros postos no tocante á explotación deste mineral, e chegou a se converter na primeira potencia na fin da década dos cincuenta. Desde o ano 1947 ata os anos setenta apenas aumentou a produción e chegou incluso a ter un incremento nulo en certos períodos a causa da introdución de fontes enerxéticas alternativas como o petróleo, o gas natural e a enerxía nuclear. Precisamente foi o encarecemento extraordinario do petróleo, iniciado en 1973, o que lle obrigou a retornar ao seu antigo posto. En Galicia, á parte da tradición mineira existente, a súa explotación é relativamente importante, xa que supón algo máis do 3% dos empregos na industria. Os tipos de minerais enerxéticos, como o lignito, carbón de pouca capacidade calorífica e de fácil extracción, constitúe as tres cuartas partes da produción española; en Galicia localízase nas depresións das Pontes e Meirama, áreas favorables xeoloxicamente. Na Limia detectáronse recentemente importantes depósitos.

    5. carbón vexetal

      Carbón que se obtén pola carbonización da madeira e que contén entre un 70 e un 90% de carbono fixo, segundo a temperatura de obtención; a súa materia volátil varía entre o 12 e o 25%, e as cinsas, entre o 2 e o 3%. Ten un poder calorífico de 29.300 a 35.500 kJ/kg. A carbonización pódese levar a cabo polo método antigo da carboeira ou por medio de técnicas máis modernas (fornos continuos ou instalacións de destilación seca) que permiten aproveitar tamén os gases que se desprenden. O carbón vexetal utilízase como materia prima para a obtención de carbón activado, como combustible lixeiro, na fabricación de electrodos, pólvora negra, materiais pirotécnicos e catalizadores diversos.

    6. s m

      Substancia combustible, sólida, lixeira e negra, produto da descomposición incompleta, da destilación ou da combustión parcial da materia orgánica, principalmente vexetal e que contén carbono na súa maior parte.

  2. s m

    Brasas que xa están apagadas.

    Ex: Na fogueira só quedan carbóns e xa case non dan calor.

  3. s m [PINT]
    1. Lapis coa mina de carbón que se emprega para debuxar e que se presta a unha ampla variedade de tons.

      Ex: Se te achegas, decátaste de que o cadro está pintado con carbón.

    2. Debuxo realizado con ese lapis.

      Ex: Na mostra da súa obra había numerosos carbóns.

  4. proceso do carbón [IMAX]

    Procedemento polo que se obteñen copias nun papel, no que unha das caras está recuberta de xelatina e dun pigmento que nun principio era carbón, inda que posteriormente empezaron a utilizarse moitos outros colorantes, sensibilizado con dicromato potásico e revelado con auga.

Frases feitas

  • Negro coma un carbón. De cor moi negra.