carbonarismo
(< carbonario)
Movemento de ideoloxía liberal, organizado en sociedades secretas e relacionado coa francomasonería, formado na parte meridional de Italia a principios do s XIX durante o dominio napoleónico. O nome deriva do carbonari (‘carboeiros’) e os emblemas deste movemento eran a cruz, o gorro frixio e o puñal. Os membros, que se chamaban entre eles bos curmáns, dividíanse en mestres e aprendices e agrupábanse en vendas. Opúñase ao absolutismo e demandaba unha constitución. O movemento estivo ligado nun principio á oposición republicana de Napoleón Bonaparte e agrupou oficiais do exército, membros da nobreza e pequenos propietarios. A partir do ano 1815, o movemento estendeuse a Sicilia e á parte setentrional de Italia. En Francia (1821), o movemento avanzou coa axuda de La Fayette e posteriormente coa de Filippo Buonarroti. En España xurdiron asociacións carbonarias en Madrid, Catalunya e Andalucía.