cardíaco -ca

cardíaco -ca

(< lat cardiacu < grκαρδίακός < grκαρδία ‘corazón’)

    1. adx [ANAT]

      Relativo ou pertencente ao corazón.

      Ex: Ó facer exercicio físico o número de pulsacións cardíacas por minuto aumenta considerablemente.

    2. ciclo cardíaco [FISIOL]

      Secuencia de sucesos que teñen lugar no corazón durante un latexo, que comprenden unha contracción (sístole) e unha dilatación (diástole) das paredes do corazón, asociadas á apertura e ao peche das válvulas. Cada ciclo iníciase coa xeración espontánea dun potencial de acción no nodo seo-auricular, localizado na parede posterior da aurícula dereita; o potencial viaxa polas aurículas e diríxese cara aos ventrículos. O atraso de décimas de segundo do paso do impulso cardíaco das aurículas aos ventrículos, permite que estes se contraian despois das aurículas, que lles serven de bombas cebadoras, antes de impulsar o sangue por todo o sistema vascular.

    3. gasto cardíaco [FISIOL]

      Volume de sangue bombeado por un ventrículo por unidade de tempo.

    4. músculo cardíaco / [ANAT/FISIOL]

      Músculo especializado, específico do corazón dos vertebrados. Está inervado só de forma difusa por fibras simpáticas (excitadoras) e parasimpáticas (inhibidoras) das dúas divisións do sistema nervioso autónomo, que teñen unha acción moduladora; a súa acción diríxese cara ao aumento ou diminución da forza de contracción espontánea mioxénica. As fibras musculares cardíacas están conectadas entre si nos extremos por unións que permiten o fluxo de corrente dunha célula a outra.

  1. adx [PAT]

    Que sofre unha cardiopatía.

    Ex: Os enfermos cardíacos están hospitalizados no oitavo andar.

Palabras veciñas

cardi(o)- | Cardi, Ludovico | cardia | cardíaco -ca | 1 cardial | 2 cardial | cardialxia