Cardona, casa de

Cardona, casa de

Liñaxe nobiliaria catalá de finais do s X orixinaria do castelo de Cardona. A extensión dos seus dominios pola Catalunya central e a explotación das minas de sal convertérona económica e politicamente na familia máis poderosa da Catalunya medieval. Iniciouse con Ramon Folc I (? 1040-Maldá 1086), primeiro vizconde de Cardona; entre os seus sucesores cómpre salientar a Hug Folc II (1334-1400), para quen Pedro IV de Aragón creou, en 1375, o condado de Cardona, e Joan Ramon Folc IV (1486-1513), home de confianza de Fernando o Católico, investido en 1491 co ducado de Cardona. A extinción da liña masculina e os sucesivos enlaces matrimoniais uniron a casa de Cardona coa de Aragón, cos Fernández de Córdoba e cos duques de Medinaceli.