Cariño

Cariño


Concello da comarca de Ortegal, situado na provincia da Coruña no extremo setentrional da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N co Océano Atlántico, ao S cos concellos de Cedeira (comarca de Ferrol) e Ortigueira (Ortegal), ao L coa ría de Ortigueira e ao O co concello de Cedeira (Ferrol) e o océano. Abrangue unha superficie de 46,8 km 2 cunha poboación de 4.686 h (2007), distribuídos nas parroquias de Cariño, Feás, Landoi, A Pedra e Sismundi. A capital municipal é a vila de Cariño, situada a 43° 41’ de latitude N e 7° 52’ de lonxitude O, 115 km ao N da Coruña e 146 km ao N de Santiago de Compostela. Está adscrito aoo partido xudicial de Ortigueira e á diocese de Mondoñedo-Ferrol.
Xeografía física
O territorio do concello de Cariño sitúase dentro do dominio climático oceánico húmido. Os rexistros termopluviométricos están afectados pola influencia directa do mar como pola situación de abrigo do territorio en relación ás masas de aire perturbadas do SO. A oscilación térmica anual é pequena, 9°C, cunha temperatura media anual de 13°C. Os invernos son moderados (xaneiro é o mes máis frío con 9°C de media). As estacións intermedias son frescas e os veráns pouco calorosos (a media máxima mensual rexístrase en agosto, con 18°C) e relativamente curtos. Son excepcionais as xeadas na área oriental, á beira da ría de Ortigueira onde se asenta a poboación. Na área occidental as temperaturas baixan notablemente debido á altitude da serra da Capelada e á exposición aos ventos do O. A interposición desta serra propicia a disimetría pluviométrica entre a vertente occidental (cunhas precipitacións medias de 2.000 mm ao ano) e a área da ría, ao L (onde os valores medios son moi inferiores, arredor de 1.000 mm). A distribución estacional das precipitacións reflicte unha relativa seca estival: o inverno é a estación máis chuviosa co 36% das precipitacións, mentres que o verán é a máis seca con só o 13% do total e cun certo déficit hídrico nos solos durante os meses de xullo e agosto. A primavera e o outono son estacións de transición e rexistran porcentaxes de precipitación similares: 26% e 25%. A chegada das borrascas atlánticas do NO dá lugar a frecuentes néboas e días de chuvia, que se achegan aos 150 anuais. A estrutura xeomorfolóxica inscríbese dentro do complexo de Cabo Ortegal. Trátase dun afloramento rochoso semielíptico de cronoloxía precámbrica, erguido dende o manto como resultado da colisión entre a placa Euroasiática e a Ibérica, que provocou un breve intervalo de subducción entre o final do Cretácico e o Eoceno, que orixinou o seu levantamento. Domina unha singular litoloxía de gneises e rochas básicas e ultrabásicas afectadas por metamorfismo catazonal, entre as que destacan as anfibolitas, peridotitas e ecloxitas. Esta estrutura tradúcese, igual que na climatoloxía, en dúas áreas ben diferenciadas: a serra da Capelada, no O, e a ría de Ortigueira, ao L. Dentro deste concello a serra culmina nos picos Limo (558 m) e Miranda (545 m), e cae ao mar en abruptos acantilados, que en Vixía Herbeira chegan aos 620 m de altitude. O Cabo Ortegal, ao N, é o segundo punto máis setentrional de Galicia e da Península Ibérica despois de Estaca de Bares. A Capelada articúlase en varias superficies aplanadas basculadas pola tectónica a favor dunha serie de fracturas de orientación O-L cara á ría de Ortigueira, sobre as que se asentou a rede fluvial (ríos Seixo, Landoi, Lourido, Lor, Regueiriño e Barreiros). O sector oriental do municipio, en cambio, é unha franxa litoral na que desembocan eses ríos, na ría de Ortigueira, formando pequenos esteiros e terras moi fértiles para o aproveitamento agrícola. Toda a costa de Cariño é un espazo natural de excepcional interese xeolóxico, ecolóxico e paisaxístico, aínda que só están protexidos o Esteiro do Lor e as Illas Aguillóns.
Xeografía humana
A práctica totalidade da poboación de Cariño aséntase na ribeira da ría de Ortigueira, no sector oriental do municipio, de orografía suave e clima benigno. A dispersión da poboación é escasa, pois o 85% vive concentrada en núcleo. Consideradas as parroquias que integran o actual concello, a evolución demográfica seguida dende o primeiro censo de 1887 (3.120 h) tivo unha primeira etapa expansiva ata 1950, ano do máximo poboacional con 6.075 h. Este crecemento, dunha media do 1,33% anual, orixinouse pola puxanza da pesca e das industrias derivadas. Por este motivo a intensa emigración que sufriu Galicia ata 1930 a penas afectou a este municipio, que compensou as saídas cun crecemento vexetativo amplamente positivo. Nas décadas de 1950 e 1960 produciuse un cambio de tendencia. A crise do sector pesqueiro tradicional, obsoleto e necesitado de renovación, deixou a emigración como única saída para unha poboación en continuo aumento que non lograba cubrir as necesidades básicas. Neses vinte anos Cariño perdeu poboación a un ritmo medio do 0,4% anual, que emigrou fundamentalmente cara ás principais aglomeracións industriais da Europa Central e Occidental. Os anos setenta supuxeron un novo momento de crecemento demográfico (0,16% anual): a crise económica internacional interrompeu a demanda de man de obra nos países anteriormente receptores e favoreceu o retorno dalgúns emigrados; ademais o sector pesqueiro modernizouse e acadou un novo pulo do mesmo xeito que as industrias conserveiras. No período intercensual 1981-1991 coñeceu unha nova recesión demográfica (descenso anual do 0,7% de media). Moitos mozos marcharon cara ás cidades ou vilas próximas, na procura dun traballo diferente á pesca, que acusou un descenso das capturas por sobreexplotación dos caladoiros. Entre 1991 e 1996 deuse un lixeiro aumento (0,11% de crecemento anual) froito do novo dinamismo da vila de Cariño, convertida en capital municipal, despois de segregarse do concello de Ortigueira en 1988. O s XXI comezou sinalando un descenso do -3,26% entre 2001 e 2007. En 2006 o saldo vexetativo era moi negativo, -7,1‰, debido 27,3,24% da poboación, superior ao 12,7% que representan os menores de 20 anos; o grupo intermedio representa o 60% da poboación. A sobreemigración masculina e a alta esperanza de vida feminina favoreceron o maior peso das mulleres na estrutura demográfica: 51,21% fronte ao 48,78% dos homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Cariño é do 44,2% (54,6% a masculina e 34,6% a feminina); a taxa de ocupación é do 37,6% (50,3% a masculina e 25,8% a feminina) e a taxa de paro é do 14,9% (7,8% a masculina e 25,5% a feminina). A actividade económica de Cariño baséase na pesca, que dá emprego ao 26,3% da poboación activa. A flota dedícase principalmente á pesca do bonito coas artes de palangre, capturan outras especies con cerco en caladoiros de litoral e de altura. A agricultura, complementaria das economías domésticas, emprega só o 3,6% da poboación ocupada aínda que moitas persoas máis a practican a tempo parcial. O sector forestal tamén ten certa significación e dedícase ao aproveitamento dos recursos locais, pois dous tercios do territorio están cubertos de arboredo. A actividade pesqueira xerou efectos multiplicadores sobre outros sectores económicos como a industria (17,7% dos ocupados) e os servizos (41%). As industrias conserveiras son numerosas, destacando entre elas Modesto Carrodeguas S L con máis de cen traballadores. Tamén destaca a extracción de mineral de dunita. A construción emprega o 11,4% dos traballadores, na súa maioría autónoma. Os servizos están centrados nas funcións portuarias e o transporte por estrada, favorecidos pola explotación da pesca, o mineral e a madeira. A asunción da capitalidade do novo municipio por parte da vila de Cariño favoreceu o desenvolvemento dos servizos sociais e da administración pública. O municipio sitúase fóra das principais vías de comunicación galegas. Está comunicado pola AC-642 de Foz a Ferrol, que chega ata Ponte de Mera, e de alí deriva noutra local que bordea a ría de Ortigueira ata a capital municipal.
Historia
Os primeiros vestixios de ocupación humana son de época megalítica, da que existen varias antas dispersas pola serra da Capelada. A cultura castrexa está documentada nos poboados próximos á ría de Punta do Frade, a Moura e Cariño, desaparecido coa ampliación do peirao da vila. No s II o historiador grego Claudio Ptolomeo, ao describir a costa galega, citou o promontorio Lapatia Coru e Trileuco, referíndose ao Cabo Ortegal. Dese nome vén a denominación da tribo dos Lapatiencos ou Labacengos, poboadores prerromanos. Dende o s XVI a historia de Cariño permaneceu ligada ao condado de Santa Marta. No s XVII Cariño e Espasante mercaron ao rei os dereitos de cestería para a sardiña dos seus portos e no s XVIII o marqués de Astorga estableceu unha ferrería en Feás. A finais dese século establecéronse as primeiras factorías de salgadura dos cataláns, destruídas pola galerna de 1897. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello de Cariño pertencían á xurisdición de Santa Marta de Ortigueira, señorío do marqués de Astorga, representada pola provincia de Betanzos. Trala proclamación da Constitución de 1812 suprimiuse esta administración señorial e establecéronse os concellos de Feás e Pedra, adscritos á provincia de Galicia, que desapareceron en 1814 coa derrogación da Constitución por parte de Fernando VII. En 1820, rehabilitada a Constitución, restablecéronse os devanditos concellos e en 1822 adscribíronse á nova provincia da Coruña. Desapareceron novamente en 1823 tralo segundo decreto de derrogación da Constitución asinado polo Rei Fernando VII. A definitiva implantación do municipalismo en 1835 supuxo a creación do concello de San Adrián de Veiga no territorio actual de Cariño, xunto coas parroquias de Veiga e Mera. Incorporouse en 1849 ao concello de Ortigueira, ao que estivo unido ata o 11 de abril de 1988, momento no que se segregou para constituír un concello independente.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destacan os vestixios romanos atopados, como un pequeno machado votivo, conservado no Museo Arqueolóxico da Coruña, feito en bronce cunha cabeza de touro e un torque gravado na empuñadura, do s I, ademais de restos dunhas instalacións de salgadura de peixe moi preto do porto. Na arquitectura destaca o pazo de Torres da Cerca, do s XVII, e a capela de San Xiao de Trebo situada preto do Cabo Ortegal. O concello ten un rico patrimonio natural, tanto na costa, onde destacan as praias de Fornos ou Basteira, como no interior, onde cómpre salientar a serra da Capelada co mirador de Miranda e o Monte Castelo na Pedra. Do seu patrimonio natural destacan o espazos de Ortigueira-Meira e da Costa Ártabra, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas da comarca cómpre resaltar as da Virxe do Carme, o 16 de xullo, coa procesión marítima e a tradicional danza dos arcos, a de San Bertomeu en agosto e a romaría de san Xiao de Trebo en xaneiro.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Ortegal
Extensión 47 Km2
Poboación Total 4680 h
Poboación Homes 2283 h
Poboación Mulleres 2397 h
Densidade de poboación 99.57 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias