Carlos XIV de Suecia

Carlos XIV de Suecia

ou Carlos Xoán (Pau 1763 - Estocolmo 1844) Mariscal de Francia e posteriormente rei de Suecia e de Noruega (1818-1844). De nome Jean Baptiste Bernadotte, ingresou no exército francés en 1780 e foi nomeado xeneral de brigada en 1794. En 1797 colaborou con Napoleón Bonaparte na campaña de Italia e en 1798 casou con Désirée Clary, converténdose en cuñado de Xosé Bonaparte. En 1804 Napoleón nomeouno mariscal e pasou a ser gobernador de Hannover. Destacou en Austerlitz (1805) e foi nomeado príncipe de Pontecorvo en 1806. En 1807 integrou no seu exército diversos corpos militares que estiveran destinados en Galicia. Durante a cuarta coalición obtivo vitorias sobre os rusos e os prusianos, e participou na ofensiva contra Suecia por causa do derrocamento de Gustavo IV. En 1810 foi elixido príncipe real de Suecia e herdeiro de Carlos XIII. Axiña controlou o goberno e exerceu a rexencia. En 1813 aliouse con Rusia, con Gran Bretaña e con Prusia, e entrou na sexta coalición contra Francia. Despois da Batalla de Leipzig (1813) ocupou Dinamarca, quen a través da Paz de Kiel (1814) recoñeceulle a Suecia a posesión de Noruega. Sucedeu a Carlos XIII en 1818; durante o seu reinado intentou unir os noruegueses e os suecos respectando as súas constitucións. Fundou a actual dinastía sueca.