Carolinxio, Imperio

Carolinxio, Imperio

Formación políticoterritorial xurdida trala coroación do rei franco Carlomagno en decembro do ano 800, polo Papa León III, nunha cerimonia que consagraba a renovatio imperii romanorum. Estendíase por Francia, Alemaña, os Países Baixos, Suíza e a maior parte de Italia, e tiña sometidos unha serie de protectorados no Danubio medio. A estrutura dos órganos de goberno do Imperio non é outra que a que prevalecera no reino franco e que Carlomagno e o seu pai herdaran dos reis merovinxios, e estes, á súa vez, do Baixo Imperio, adaptándoa ao espírito e ás tradicións xermánicas. O poder do soberano pretendía ser absoluto e unificaba na súa persoa funcións administrativas, fiscais, xudiciais e militares; mesmo a Igrexa era submisa a el, en gran parte debido ao control que exercía sobre os bispos. Ao redor do emperador estaba o palacio, integrado polos altos funcionarios. Administrativamente, o país estaba dividido en condados, rexidos por un conde, representante da autoridade imperial en todos os seus aspectos. O conde tiña unha corte con funcións xudiciais e uns asistentes, os vizcondes, que exercían cometidos en subdivisións territoriais do condado, seguramente con obrigas relacionadas coa defensa. Nos territorios fronteirizos, moitas veces autorizábase a unión de diversos condados baixo o goberno dun só conde, que, ás veces, recibía o nome de marqués. Algunhas destas agrupacións de condados e marcas tiveron unha certa permanencia, como sucedeu coa Marca de Gotia, que comprendía ou non a Marca Hispánica, na fronteira pirenaica fronte aos musulmáns da Península Ibérica, a Marca Dania fronte aos dinamarqueses, a Marca do leste fronte aos eslavos e maxiares, e tamén as marcas de Bretaña, Sorabia, Friul e Panonia, sen contar as marítimas. Cando o territorio constituído pola acumulación de condados era moi extenso e coincidía máis ou menos co dalgunha antiga provincia romana, o seu gobernador recibía a miúdo o nome de duque. Os conceptos de marca e marqués deberon orixinarse nas fronteiras pirenaicas a partir do 821. As disposicións do palacio eran as leis e os decretos, que recibían o nome de capitulares; promulgábanse nas asembleas anuais de dignatarios. Outro dos medios de comunicación do soberano cos condes eran os missi dominici, enviados polo palacio imperial para visitar os condados a título de inspectores. Paralelamente á organización civil estaba a eclesiástica, na que os bispos ocupaban unha posición equiparable á do conde e con amplas posibilidades de actuar no dominio civil. A partir do 843 (cando polo Tratado de Verdún o Imperio quedou dividido en tres partes) toda a estrutura imperial comezou a se desfacer e substituíuse paulatinamente pola que construiría o mundo feudal. Os condados ou os seus agrupamentos, principalmente os situados nos lugares máis remotos do Imperio e os que tiñan unha personalidade máis diferenciada, prescindiron cada vez máis do goberno imperial ou real e os seus titulares, designados inicialmente por vontade do soberano, comezaron a considerar hereditarios os seus beneficios; ademais, o Imperio Carolinxio propiamente dito deixou de afectarlles a estes condados desde a morte de Carlos o Calvo (877), agás nun curto período (885-887) con Carlos o Gordo.

Palabras veciñas

1 carolino -na | 2 carolino -na | carolinxio -xia | Carolinxio, Imperio | carolo | caroloxía | carón