carrileiro
Traballador que participou entre 1927 e os anos sesenta na construción dos carrís do ferrocarril que uniu Zamora coa Coruña, sobre todo no treito que enlazaba Puebla de Sanabria e Ourense. A obra, de 453 km de vía, con 51 estacións e apeadeiros, 19 viadutos de grandes dimensións e 164 túneles que sumaban un total de 72 km, empregou a máis de 15.000 obreiros nas épocas de maior actividade. Para os traballos realizados nas terras altas de San Mamede, Queixa, Invernadoiro ou as Frieiras, empregáronse entre cinco e seis mil persoas: labregos da comarca, portugueses de Vinhais, canteiros de Paradanta e capataces e mineiros andaluces. Durante a República (1931-1936), cando se deron as condicións favorables para o asociacionismo obreiro, xurdiron numerosas “sociedades de oficios varios” afiliadas á UGT ou á CNT en lugares como Laza, Portocamba, Correchouso, A Gudiña, Vilar de Barrio, Monterrei e Prado.