Cartelle

Cartelle


Concello da Terra de Celanova, situado na provincia de Ourense no S da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Castrelo de Miño (comarca do Ribeiro), Toén e Barbadás (comarca de Ourense), ao L co da Merca, ao S cos de Gomesende, Ramirás e Celanova (Terra de Celanova), e ao O co da Arnoia (O Ribeiro). Abrangue unha superficie de 94,3 km 2 , cunha poboación de 3.487 h (2007), distribuídos nas parroquias de Anfeoz, Cartelle, Couxil, Espiñoso, As Marabillas, O Mundil, Penela, Sabucedo de Montes, San Tomé, Sande, As Seixadas e Vilar de Vacas. A capital municipal, o lugar de Outomuro, na parroquia do Mundil, está a 42° 13’ 20’’ de latitude N e 8° 1’ de lonxitude O, 133 km aoSL de Santiago de Compostela e 28 km ao SO de Ourense. Está adscrito ao partido xudicial de Celanova e á diocese de Ourense.
Xeografía física
O territorio do concello de Cartelle está influído polo dominio climático oceánico continental. Situado nun espazo de media montaña, os rexistros térmicos vense influenciados e matizados por este factor, do que deriva un prolongado período frío que se estende desde o mes de novembro ata o mes de abril. A temperatura media anual é de 10,5°C. A temperatura media do mes máis frío (xaneiro) é de 4,3°C e a do máis cálido (agosto) é de 17,8°C. A amplitude térmica extrema chega aos 24,7°C. A precipitación anual media é de 1.038 mm 3 , cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival: o 37,8% das precipitacións recóllese en outono e o 34,4% no inverno, fronte só ao 9% no verán; a primavera rexistra valores medios, co 18,8%. O seu relevo, malia ser moi accidentado, é bastante sinxelo: resólvese na convivencia entre as terras baixas do val do Arnoia, ao S do municipio, e as terras altas setentrionais que marcan a divisoria co val do Miño. A primeira, con altitudes entre os 300 m e 400 m, amplíase cara ao N polas terras dos vales dos ríos Galo e Elas, nos que destaca como máxima elevación o Danfeire, de 406 m de altitude, situado entre as parroquias de Vilar de Vacas, Seixadas e Mundil. A divisoria montañosa, con alturas comprendidas entre os 400 e 600 m, non se presenta como unha masa compacta orixinada polos vales dos ríos antes citados e disponse en función de dúas aliñacións: unha primeira con dirección L-O, que conta como principais elevacións o Castro, de 635 m de altitude, na parroquia de Sabucedo de Montes, nos lindes con Trelle (concello de Toén) e Sobrado do Bispo (Barbadás); Muradelle, de 493 m, entre as parroquias de San Tomé e Macendo (concello de Castrelo de Miño); e Pozas, de 451 m, en San Tomé. A segunda aliñación é un macizo illado que culmina no Coto Novelle, de 713 m de altitude, localizado entre as parroquias e concellos de Cartelle, Castrelo de Miño e A Arnoia. O principal río que drena o concello é o Arnoia, cara ao que se dirixen os demais ríos do municipio; atravesa as parroquias das Marabillas, Espiñoso, Penela, Anfeoz, O Mundil, Vilar de Vacas e Sande. Entre os tributarios do Arnoia destaca o río das Elas que, proveniente do concello da Merca, percorre a parte oriental do municipio seguindo unha dirección NL-SO, e que recibe o rego da Teixeira; logo de atravesar as parroquias de Sabucedo de Montes, Espiñoso, Anfeoz e O Mundil desemboca no Arnoia. Un segundo afluente do Arnoia é o formado polos regos Fondo do Pilo e Currelos, que percorre o centro do concello (parroquias das Seixadas, O Mundil e Vilar de Vacas) e que segue unha dirección meridiana. O terceiro tributario do Arnoia é o río do Galo, que drena o occidente municipal (parroquias de Cartelle, Sande e As Seixadas) e que recibe pola dereita os regos de Pereda, da Boullosa e de Prado.
Xeografía humana
O concello de Cartelle experimentou ao longo do s XX unha evolución demográfica que se pode dividir en dous grandes períodos: o primeiro, ata 1950, caracterizado por unha clara tendencia ascendente, seguido por outro, de claro e marcado retroceso. Na primeira etapa alternáronse dous intervalos de crecemento, un entre 1887-1910, pouco significativo, cun incremento medio anual do 0,19%, e outro máis notable entre 1920 e 1950, cunha taxa de crecemento medio anual do 0,72%, co que acadou a cifra poboacional máxima do século. Entrementres, a década dos anos dez do s XX foi de estancamento, cunha perda de poboación dun 0,05%, posiblemente pola influencia da epidemia de gripe de 1918. A segunda etapa está presidida polas perdas de poboación e corresponde aos períodos de recesión demográfica dos anos cincuenta (-1,83% de media anual, como consecuencia das correntes emigratorias cara a Sudamérica, especialmente Arxentina e Venezuela) e dos anos setenta e oitenta (-2,25% de media anual), cando as cidades de Ourense ou Vigo se converteron nos principais destinos dunha poboación sobredimensionada en relación aos recursos económicos da súa terra. Como contrapunto, os anos sesenta e os primeiros noventa foron de lixeira recuperación, con taxas de crecemento anuais da orde do 0,25% e do 0,18%, respectivamente. Non obstante , no s XXI retomou as perdas de poboación que se cifraron en -6,56% entre 2001 e 2007. En 2006 o crecemento natural foi moi negativo (-16,8‰) froito dunha moi baixa natalidade (3,3‰) e unha elevada mortalidade (20,1‰). O resultado desta evolución é unha poboación moi envellecida, onde os menores de 20 anos representan só o 7,9% da poboación, fronte aos maiores de 65 anos, que son o 41,2%; o grupo de adultos representa o 50,8%. A distribución por sexos amosa un certo desequilibrio a prol das mulleres, que constitúen o 51,42% fronte ao 48,58% dos homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Cartelle do 31,3% (43,6% a masculina e 20% a feminina); a taxa de ocupación é do 24% (34% a masculina e 20% a feminina) e a taxa de paro é do 23,5 % (21,9% a masculina e 26,5% a feminina). A estrutura económica do concello de Cartelle caracterízase por unha distribución sectorial da poboación ocupada moi equilibrada. O sector primario acolle ao 6,7% da poboación ocupada, especialmente nos labores agrícolas. A superficie cultivada esténdese polo 17,18% do territorio municipal; os principais cultivos son o millo e a pataca, seguidos do viñedo e os cultivos forraxeiros teñen certa relevancia. Os pastos ocupan un espazo reducido, con só o 7,04% das terras agrícolas, como consecuencia da escasa importancia da gandería: o bovino suma 427 cabezas (2007), predominantemente destinadas á produción de leite en explotacións de reducido tamaño; unha importancia tamén moderada ten o gando porcino, que contabiliza 300 cabezas reprodutoras en granxas integradas maioritariamente na cooperativa COREN. A industria mantense cun modesto 21,8% da man de obra, con pequenos talleres, moitas veces de carácter semiartesanal e cunha demanda reducida a áreas moi próximas. A construción emprega o 18,8% da poboación ocupada, aínda que os postos de traballo nesta actividade radican tanto no propio concello, coma nos de Celanova e Ourense. O sector terciario é a primeira fonte de emprego, co 52,6% dos traballadores que, debido óao limitado equipamento comercial e de servizos do concello, traballan maioritariamente nos concellos xa mencionados. A principal vía de comunicación é a estrada nacional N-540 que comunica con Ourense e Celanova, ademais de estradas locais que o unen con Castrelo de Miño e A Merca.
Historia
Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello de Cartelle estaban divididas entre o poder eclesiástico e o señorial. Baixo os primeiros estaban o couto redondo de Cartelle (responsabilidade da encomenda de Quiroga da orde de San Xoán) e as xurisdicións de Sabucedo de Montes (compartida polo cabido da catedral de Ourense, o mosteiro de Montederramo e o marqués de Aranda) e Sande (administrado polo mosteiro de Celanova). Entre os segundos cómpre destacar o couto redondo de Couxil e Couxeliño, administrado polo conde de Troncoso, e a xurisdición de Espiñoso, baixo o conde de Monterrei. Coa Constitución de 1812 creáronse os axuntamentos de Anfeoz, Cartelle, Espiñoso, Sabucedo e Sande, que substituíron a administración señorial nos períodos 1813-1814 e 1820-1823. Coa reforma de 1835 creouse o concello actual, incrementado en 1860 coa incorporación das parroquias de Espiñoso e Penela, que formaran parte do concello de Vilanova dos Infantes dende 1835. Este territorio estivo desde 1820 case sempre incluído dentro do partido de Celanova; só entre 1965 e 1988 pasou ao de Ourense pola momentánea desaparición daquel.
Patrimonio cultural
Dentro das mostras da arquitectura relixiosa do concello destacan as igrexas barrocas de Cartelle, As Marabillas (Espiñoso), Mundil e Santa Baia de Anfeoz, que conserva un peto de ánimas barroco. A fortaleza medieval de Sande, que pertenceu ao mosteiro de Celanova, e a casa do Outeiro, do s XVIII, son mostras da arquitectura civil. Sobre o río Arnoia hai pontes de diferentes épocas: consérvanse a ponte romana de Freixo e a ponte nova, dos ss XVI e XVII. Entre as festas que se celebran no concello cabe resaltar a das Marabillas, na que sae en procesión unha imaxe da virxe acompañada de arcos florais que se remonta a 1646. Outras festas importantes son: san Bieito en Cartelle, a da Virxe do Mundil en Outomuro, a Virxe dos Aflixidos en Sande, a do Cabalo en Nogueiró e a das Carrilanas en Cartelle.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Terra de Celanova
Extensión 94 Km2
Poboación Total 3487 h
Poboación Homes 1694 h
Poboación Mulleres 1793 h
Densidade de poboación 37.1 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias