cartuxa

cartuxa

(< topónimo Chartreuse

  1. s f

    Mosteiro de monxes cartuxos.

  2. s f [RELIX]

    Orde contemplativa fundada por san Bruno no 1084 en Chartreuse, na diocese de Grenoble. O núcleo primitivo da orde foi un grupo de cabanas construídas ao redor dunha capela. A pesar da posterior edificación dun mosteiro, o cenobio conservou a estrutura das celas individuais e independentes, prototipo de todas as cartuxas posteriores. San Bruno non ditou ningunha regra. O quinto prior de Chartreuse, Guigo, compilou no 1128 as Consuetudines, é dicir, as normas que espontaneamente xurdiron na convivencia ao longo da súa historia. Malia a rixidez destas regras, a orde nunca tivo que ser reformada e conservou durante nove séculos o ideal eremítico do fundador. A primeira fundación cartuxa na Península Ibérica foi o priorado de Escaladei (Tarragona), construído por orde de Afonso I o Casto, e fundado no 1163 por seis monxes enviados polo prior xeral da orde. Nos seguintes séculos fixéronse vinteunha fundacións máis, dependentes da Grande Chartreuse ata o 1784, data na que o papa aprobou a congregación española con cabido propio. No 1835 suprimíronse os mosteiros cartuxos en España, agás o de Miraflores (Burgos), no que están os sepulcros dos reis de Castela.