Casa Galicia. Unidad Gallega

Casa Galicia. Unidad Gallega
[PUBLIC]

Boletín editado anualmente pola Casa de Galicia de Nova York. O primeiro número apareceu en decembro de 1946 baixo a dirección de Víctor Fernández. Tivo varias denominacións ao longo da súa traxectoria; así, en 1946, chamouse Unidad Gallega: Casa de Galicia; en 1956, Casa de Galicia: Unidad Gallega; e en 1959, Casa Galicia: Unity Gallega of U.S. Aínda que informaba principalmente de actividades desenvolvidas pola sociedade, na súa primeira edición afirmaban ser republicanos e galeguistas, feito que reflicten os   artigos sobre Galicia e os poemas e os contos en galego. Nun comezo dividíase nas seccións: “De intereses”, “De restaurant y bar”, “De propaganda”, “De fiestas”, “De damas”, “De instrución y cultura” e “De protección y auxilio”. En 1954 incluía unha “Sección artística”, ao ano seguinte, “Ayuda mutua” e en 1965, no seu 25 aniversario, incorporaba tres seccións denominadas “Nuestra Historia”, “Segunda sección” e “Actividades Sociales”. Inclúe anuncios comerciais e fotos de sociedade ou institucionais.   Contou coa colaboración de, entre outros, Castelao, -primeiro socio de honor-, Ernesto Guerra da Cal, Azorín, Dora Vázquez, Leandro Carré, Frank Núñez, Otero Pedrayo, Ben-Cho-Shey, Blanco Amor, G. R. Mourullo, Méndez Ferrín, Vicente Risco, Ramón Piñeiro e Álvaro Cunqueiro. Está redactada en castelán, aínda que abundan as colaboracións en galego e mesmo as traducións do inglés ao galego, como no caso dos poemas de Langston Hughes. Cómpre destacar a riqueza literaria da memoria de 1965 e as páxinas que sempre lle dedicaron ao Día das Letras Galegas.