1 casación

1 casación

(< 2 casar)

s f [DER]

Anulación feita polo Tribunal Supremo ou, en certos casos, polos tribunais superiores de Xustiza das comunidades autónomas, relativa ás sentencias xudiciais definitivas ditadas polos tribunais ordinarios, polo consello supremo de xustiza militar ou por árbitros, no caso de que estes non se axusten á lei, infrinxindo as garantías procesais fundamentais ou, ás veces, por erro na apreciación das probas por parte dos tribunais de instancia. A institución da casación apareceu en Francia despois da Revolución, cando se estableceu un tribunal único, con xurisdición en todo o estado, e coa función de unificar a interpretación da xurisprudencia someténdoa ao texto das leis. Se o tribunal de casación entende que nunha sentenza dun tribunal ordinario se cometeu unha infracción da lei, a sentenza debe anularse e remitirse de novo ao tribunal de orixe para ditar unha nova conforme a dereito. O sistema de casación está admitido en diferentes países. A lexislación española discrepa, en parte, da fórmula orixinal. Pódese recorrer ao Tribunal Supremo, que actúa como tribunal de casación ao denunciar a infracción da lei ou o quebrantamento das formas do xuízo, coa posibilidade limitada de denunciar tamén erros de feito. Se se considera unha infracción da lei, o Tribunal Supremo non se limita só a anular a sentenza senón que dita outra para substituíla. Se se considera a quebra da forma, limítase a casar a sentencia, coa anulación dos actos posteriores ao que se considerou defectuoso, e remite o proceso ao tribunal correspondente para que este a refaga.