Caetano de Thiene, san

Caetano de Thiene, san

(Vicenza 1480 - Nápoles 1547) Xurisconsulto e sacerdote italiano, fundador da orde dos teatinos. Creou un hospital para enfermos incurables na súa cidade natal. Co gallo de introducir reformas nos costumes do clero, fundou en 1524 no Milanesado a congregación dos cregos regulares xunto a Gian Pietro Carafa, bispo de Chieti ou Theate (de aí o nome da orde), futuro Papa Paulo IV, Paulo Consiglieri e Bonifacio de Colle, de Alexandría. Despois do saqueo de Roma polas tropas de Carlos V refuxiouse en Venecia. Foi beatificado por Urbano VIII (1629) e canonizado en 1671 polo Papa Clemente X por iniciativa do Rei de Francia Luís XIV. A orde dos teatinos foi introducida en Francia polo cardeal Mazarino. O culto deste santo estendeuse coa súa orde por Europa Central e España no s XVIII; é un dos patróns de Baviera. En iconografía represéntase vestido con hábito teatino, sotana negra e calcetíns brancos; como atributos leva flor de lis e corazón alado. Aparece recibindo o Neno Xesús no colo, ofrecido pola Virxe ou por san Xosé, rodeado de nove espíritos celestiais e co libro das constitucións na súa fronte.