Campio, san

Campio, san

Militar romano do s III que chegou a mártir cristián. O seu corpo estivo depositado nas catacumbas do cemiterio romano de san Calisto. Co gallo de dignificar a súa sé, o arcediago de Trastámara mandou trasladar o seu corpo en 1774 a Santa María a Real ou Santa Tasia de Entíns, en Outes. En realidade, o Papa Pío VI entregoulle os restos dun dos moitos soterrados que levaba o nome de Campio na lousa. Aínda así, a devoción popular cara a estas reliquias fixo que collese decontado sona de curandeiro, sendo invocado para sandar enfermidades neuróticas e psíquicas, como o meigallo e a posesión diabólica. Tamén é protector dos mozos que van ao servizo militar. O esqueleto de Entíns foi recuberto con cera e vai vestido de centurión romano, levando un sabre na man e, ao seu lado, unha bandeira e un escudo; apoia a cabeza nun cabeceiro próximo a un vaso ou redoma. Na imaxe que hai en Rubín (A Estrada) aparece de pé, vestido de militar romano cun helmo na cabeza e coa palma do martirio na man esquerda. San Campio celebra dúas romaxes: o primeiro domingo de xullo e o 29 de setembro, agás en Valga onde se conmemora o 24 de setembro, e en Rubín onde ten lugar o domingo da Pentecoste. A tradición oral é abondosa en fraseoloxía alusiva a este santo: “San Campio e san Ourente / están os dous no altar; / Santo Ourente é pescador / e San Campio é militar”, “Vamos ao San Campio, nena; / san Campio é mui valente, / que ten a súa capela / na fonte de santo Ourente”, “Eu fun ao Santo San Campio / a mais non fun á Xesteira / Santo San Campio m’aparte / dunha muller cabuxeira”.