Castela e León
Comunidade autónoma do estado español que comprende o territorio setentrional da Meseta e da rexión histórica de Castela (94.147 km2; 2.508.496 h [1996]). Comprende as provincias de Ávila, Burgos, León, Palencia, Salamanca, Segovia, Soria, Valladolid e Zamora. A capital é Valladolid.
Xeografía física
A forma dominante do relevo está constituída por chairas extensas e elevadas, sen apenas accidentes topográficos, enmarcadas por sistemas montañosos de dimensións moi distintas. A Meseta setentrional está constituída polo primitivo zócolo paleozoico, moi erosionado xa a principios do Secundario. Durante as presións do movemento alpino quebrou en diversos puntos e deu orixe ao Sistema Central, á Cordilleira Cantábrica e aos Montes de León, entre outros. Nalgúns lugares orixináronse extensas e pouco profundas depresións, reenchidas por sedimentos miocénicos de carácter continental (arxilas, areas, calcitas). Así, as provincias castelás son dominios de sedimentos miocénicos, mentres que as leonesas, ao O, caracterízanse por afloramentos de lousas, cuarcitas e granito. Ao N de León destaca a vertente meridional da Cordilleira Cantábrica, con alturas que superan os 2.000 m (como Peña Ubiña, Peña Vieja, Peña Prieta), mentres que ao NO esténdense os Montes de León, parte integrante do macizo Galaico, formados a base de lousas, cuarcitas e calcitas silúricas e devónicas. O límite oriental de Castela e León está formado polo Sistema Ibérico. Ao N, o pregamento alpino acadou maior importancia e creou un relevo enérxico cunha estrutura en sentido O-L. O clima é unha consecuencia directa da elevada altitude media da Meseta e da presenza dunha serie de relevos que actúan de barreira fronte aos ventos marítimos. Pódese falar dun clima mediterráneo cunha forte compoñente de continentalidade. Os veráns son cálidos aínda que non rigorosos e a pluviosidade é escasa, agás zonas concretas como os Montes de León.
Xeografía económica
A agricultura segue a ser un piar fundamental da economía castelá-leonesa, aínda que o número de traballadores descendese do 32,8%, no ano 1981, ao 17,5%, no 1991. As zonas periféricas e montañosas, escasamente modernizadas, cunha propiedade moi atomizada e cun predominio do secaño, experimentaron un considerable éxodo rural. No aspecto agrícola teñen poucas perspectivas, mentres que nas chairas centrais o desenvolvemento do regadío e da agricultura intensiva dos últimos anos conseguiron manter un certo optimismo. En conxunto, as terras labradas ocupaban no ano 1989 o 35,5% da extensión comunitaria, con predominio do secaño (91%) sobre o regadío (9%). Os cereais (especialmente o trigo), a forraxe (alfalfa) e os cultivos industriais (xirasol e cana de azucre) son actualmente os máis destacados e desprazaron a oliveira e a viña. A gandería foi adquirindo unha importancia primordial nas provincias meridionais, onde supón máis do 60% da riqueza agrícola. O ovino, sobre todo no sector occidental, está moi estendido, xa que se adapta moi ben aos pastos casteláns, mentres que o bovino abunda en Salamanca e León. O porcino é especialmente importante en Salamanca e as aves en Valladolid e Burgos. Con respecto á minería, concéntrase principalmente en León, onde destacan xacementos de carbón e ferro. Cómpre tamén subliñar os xacementos de tungsteno de Los Santos (Salamanca) e os de estaño en Santa Elisa (Zamora). As actividades industriais, que ocupan o 19,7% da poboación activa, céntranse especificamente en tres sectores: enerxía, alimentación, maquinaria e materiais de transporte, que proporcionan a maior parte da riqueza da comunidade. Valladolid, León e en menor medida, Burgos, son as provincias máis industrializadas. No tocante ao sector enerxético, ademais da minería, destaca a produción hidroeléctrica da conca do río Duero, e no de materiais de transporte, o subsector do automóbil en Valladolid e Palencia. A industria alimentaria está moi espallada e ten especial importancia nos subsectores do pan e da pastelería. Cómpre subliñar tamén que a construción ocupa o 10,2% da poboación activa e os servicios o 52,6%. Neste último sector destacan, ademais das grandes áreas comerciais centradas nas respectivas capitais de provincia, a amplitude das de Ciudad Rodrigo, Ponferrada, Béjar, Aranda de Duero e Miranda de Ebro.
Xeografía Humana
Castela e León é unha rexión pouco poboada, cunha densidade demográfica de 27 h/km2, moi inferior á media estatal. A diminución da poboación é un proceso que se iniciou a comezos do s XX e se acentuou durante os anos cincuenta e sesenta a causa do éxodo rural cara a puntos máis industrializados do estado. A maior concentración demográfica sitúase nas chairas centrais, mentres que o páramo e o bordo montañoso están desertizados. A cidade máis dinámica e de máis peso demográfico é Valladolid, seguida de Salamanca, Burgos e León. Estas catro cidades son as únicas que superan os 100.000 h.
Historia
Castela e León creouse mediante a fusión das antigas rexións de Castela a Vella e de León, coa exclusión de Santander e Logroño. Obtivo un réxime preautonómico en xuño do 1978 baixo a presidencia do centrista (UCD) Juan Manuel Reol Tejada, que foi substituído polo tamén centrista José Manuel García Verdugo. O Estatuto de Autonomía foi aprobado polo Congreso dos Deputados en xaneiro do 1983. A redistribución provincial, así como a capitalidade, crearon conflitividade e só en decembro de 1987 as Cortes rexionais aprobaron por unanimidade establecer a capitalidade en Valladolid, sede da Junta. Nas primeiras eleccións autonómicas (1983) resultou gañador o PSOE e Demetrio Madrid López converteuse en presidente e foi substituído posteriormente polo tamén socialista José Constantino Nalda García. Nas eleccións autonómicas de 1987 foi Alianza Popular quen obtivo a maioría. José María Aznar foi nomeado presidente, cargo que mantivo ata 1989, cando foi reemprazado por Jesús María Posada Moreno. Tralas eleccións autonómicas do ano 1991, nas que gañou novamente o Partido Popular, foi elixido presidente Juan José Lucas Jiménez, que foi confirmado no cargo nas eleccións de 1995 e 1999. En marzo de 2001 foi substituído por Juan Vicente Herrera .
Arte
Unha das primeiras mostras artísticas de Castela e León é o conxunto dos Toros de Guisando en El Tiemblo (Ávila), formado por catro esculturas de granito da época prerromana. En Numancia consérvanse os restos do castro celtibero. En Astorga pódense observar vestixios da época romana, como un sumidoiro, e restos das termas e das murallas, reedificadas en épocas posteriores, e en Segovia o acueduto levantado en tempos do Emperador Augusto. Ávila conserva as murallas construídas a partir de 1090 sobre as primitivas romanas, destruídas no 714 polo Rei Tarik. En Ciudad Rodrigo o recinto amurallado ten forma elíptica e, aínda que a maioría dos tramos conservados corresponden aos ss XVII e XIX, son orixinarios da época de Fernando II. Un dos estilos de máis arraigo en Castela e León é o románico, que se estendeu polas zonas polas que pasaba o Camiño de Santiago: Burgos, Palencia e León. Entre os monumentos románicos destacan a basílica de San Vicente de Ávila, a Real Colegiata de San Isidoro de León, as igrexas de Santiago en Villafranca del Bierzo, Santa María del Camino e Santiago en Carrión de los Condes, San Martín de Frómista, San Salvador de Sepúlveda e San Juan de Rabanera en Soria. A maioría das catedrais castelá-leonesas pertencen aos estilos románico e gótico, aínda que as súas construcións continuaron ao longo dos séculos. Iniciáronse no románico as catedrais de Zamora, a vella de Salamanca e a de Ciudad Rodrigo, de transición ao gótico. Xa góticas son as de Ávila, Burgos, León, Palencia e Burgo de Osma. A catedral de Astorga comezou a edificarse no s XV e a de Segovia no s XVI, despois da destrución da primitiva planta tralas guerras dos comuneiros. A comunidade autónoma conserva tamén un gran número de mosteiros e conventos entre os que cómpre salientar o de San Pedro de Alcántara (Ávila); Santa Clara, en Briviesca (Burgos); Las Huelgas, en Burgos; San Benito, en Sahagún; o Convento de la Anunciada, en Villafranca del Bierzo (León); Santa María la Real, en Aguilar de Campo; e San Zoilo, en Carrión de los Condes. Moito máis numerosos son os castelos que están espallados por toda a comunidade, entre eles destacan o de Valdecomeja, no Barco de Ávila; o de Simancas; os dos templarios en Ponferrada e Villafranca del Bierzo; Cuéllar, en Segovia; Sepúlveda; San Esteban de Gormaz; La Mota, en Medina del Campo; Coca ou o dos condes de Benavente. No s XVIII edificouse o Real Sitio de la Granja de San Ildefonso, no que destacan os xardíns de inspiración francesa. O palacio episcopal de Astorga e a Casa de Botines, en León, son dúas das escasas construcións de Gaudí fóra de Catalunya. Entre as institucións museísticas da Comunidade Autónoma destacan o Museo Nacional de Escultura de Valladolid, o Museo Arqueológico de Palencia, o Museo de Salamanca, o Museo Numantino de Soria, o Museo de Bellas Artes de Segovia e o Museo Arqueológico de León.