castelanismo
(< castelán)
Elemento lingüístico orixinario do castelán e transferido a outra lingua. Aínda que se pode manifestar en calquera dos niveis da análise lingüística, adóitase reservar especificamente o termo para aludir a aquelas influencias ou interferencias que se manifestan, sobre todo, no léxico. A maior parte das linguas europeas, na época de maior poder político castelán, adoptaron, directa ou indirectamente, algúns termos cortesáns (crianza, cumplimiento, grandeza) ou pertencentes a outras facetas da vida castelá (alcoba, matamoro, pícaro). As loitas e os acontecementos políticos do s XIX tamén favoreceron a entrada doutros vocábulos (guerrilla, junta, pronunciamiento). Non obstante, nalgunhas linguas que manteñen co castelán un contacto permanente, a presión hexemónica exercida por esa lingua é considerablemente maior. Este feito pode constatarse en galego na existencia de castelanismos nos difentes planos lingüísticos: fónico, ortográfico, morfosintáctico, fraseolóxico, semántico e, sobre todo, léxico. Caracterízase por ser un fenómeno de intercambio cultural, enmarcado dentro da problemática sociolingüística do contacto de linguas. Agás un reducido número de préstamos léxicos que se poden admitir como necesarios, a inmensa maioría dos castelanismos que se atopan no galego, en calquera dos seus planos lingüísticos, son un efecto viciado provocado pola interferencia do sistema castelán sobre o galego. Estes afectan especialmente ao vocabulario patrimonial, debido á alta frecuencia con que se rexistran e ao arraigamento que acadan nos niveis populares da lingua. A isto hai que lle engadir que o castelán foi, desde moi antigo, unha das vías de penetración da maior parte dos préstamos que o galego recibiu doutras linguas. Entre as razóns que se poden atopar para explicar esta situación, cómpre destacar as seguintes: a) o secular contacto lingüístico entre o galego e o castelán; b) a semellanza existente entre as dúas linguas, ambas as dúas de orixe románica; c) a situación diglósica de Galicia, provocada pola imposición do castelán como lingua da administración, do poder e dos usos formais e cultos (única lingua escrita entre o s XV e o XVIII); e d) a redución do galego a usos populares, orais e maioritariamente informais, que provocou a súa infravaloración por parte dos falantes, impediu a súa capacidade de renovación e modernización léxica, e contribuíu á perda dunha boa parte do vocabulario patrimonial en beneficio do de orixe castelá (especialmente verificable na ciencia, arte, cultura, igrexa, administración e nos novos hábitos sociais introducidos a partir da Idade Moderna).