Castrelo de Miño
Concello da comarca do Ribeiro, situado na provincia de Ourense no S da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Ribadavia e Cenlle (comarca do Ribeiro), ao L co de Toén (Ourense), ao S cos de Cartelle (Terra de Celanova) e A Arnoia (O Ribeiro), e ao O cos de Ribadavia e A Arnoia. Abrangue unha superficie de 39,7 km 2 cunha poboación de 1.997 h (2001), distribuídos nas parroquias de Astariz, Barral, Castrelo de Miño, Macendo, Ponte Castrelo, Prado de Miño e Vide de Miño. A capital municipal é o lugar de Barral, na parroquia de Barral, situada a 42° 17’ 20’’ de latitude N e 8° 05’ de lonxitude O, 122 km ao SL de Santiago de Compostela e 22 km ao SO de Ourense. Está adscrito ao partido xudicial de Ribadavia e á diocese de Ourense.
Xeografía física
O territorio municipal de Castrelo de Miño localízase baixo o dominio climático oceánico-mediterráneo. Situado no val do río Miño e rodeado de montañas, os rexistros termopluviométricos vense influenciados polos factores topográfico e hidrolóxico, especialmente no tocante ás baixas precipitacións e ás altas temperaturas do verán. A temperatura media anual é de 14,8°C; a temperatura media do mes máis frío (decembro) é de 7,8°C, mentres que a do mes máis cálido (xullo) acada os 22,6°C. A amplitude térmica extrema chega aos 26,5°C e o número de días libres de risco de xeadas é de 224. A precipitación anual media é relativamente baixa para o contexto galego, está nos 792 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival: o 36,1% da precipitación total anual recóllese nos meses do inverno, fronte a só un 11,4% no verán; o outono é unha estación de gran pluviosidade, e nel rexístranse o 32,4% das precipitacións; pola súa parte, a primavera compórtase como estación de transición con valores medios (20,1%). En canto ao relevo, o territorio pódese dividir en dúas grandes unidades, ambas as dúas cunha dirección basicamente NL-SO: unha correspóndese coas terras baixas a carón do río Miño e a outra coas montañas que flanquean o seu val polo S. A primeira destas unidades comprende unha estreita faixa de terreo cunha altitude media entre os 100 m e os 300 m, condicionada pola construción do encoro de Castrelo de Miño, que anegou a súa superficie. A segunda, estendida polo S do termo municipal, é moito máis accidentada e ten alturas comprendidas entre os 300 m e os 500 m; ascende progresivamente cara ao S, onde acada as súas principais elevacións, e serve de divisoria entre a conca do Miño e a do seu afluente, o Arnoia. Entre estas elevacións destaca o Coto Novelle (máxima altitude do concello con 713 m, localizado na parroquia de Castrelo de Miño, no límite coas parroquias e concellos da Arnoia e Cartelle, o Cerdeira (431 m de altitude, entre as parroquias de Ponte Castrelo e Macendo) e o Muradellas (de 493 m, na parroquia de Macendo, xa na fronteira con Cartelle). A rede hidrógráfica articúlase arredor do río Miño, que atravesa as parroquias de Astariz, Vide de Miño, Prado de Miño, Ponte Castrelo, Barral e Castrelo de Miño; agás no extremo occidental, permanece ocupado polo encoro de Castrelo de Miño e conforma nas súas beiras o espazo natural das Ribeiras do Miño. A totalidade da rede fluvial secundaria está composta por regos de pequena extensión tributarios do Miño, con dirección SL-NO ou ben S-N, como o rego de Fragoso, que drena as parroquias de Macendo e Vide de Miño; o Cunqueira, que discorre polas parroquias de Macendo e Ponte Castrelo; e os regos Nogueirido e Reigoso, na de Castrelo de Miño.
Xeografía humana
A evolución demográfica do concello nos últimos dous séculos variou a súa tendencia de crecemento no ano 1970, cando pasou a ser decrecente. Ata 1970 a poboación tendeu a medrar continuamente, agás nalgunhas décadas illadas, por circunstancias conxunturais que incidiron fundamentalmente no crecemento vexetativo; dende esa data, principiou un retroceso vertixinoso que provocou que, ao remate do período analizado, os efectivos demográficos municipais resultasen moi pouco superiores á metade dos posuídos en 1887. Ata 1940 a poboación evolucionou positivamente, cun ritmo de crecemento moi regular, con taxas medias do 0,54% de crecemento anual. Esta evolución experimentou un leve retroceso durante os anos corenta e cincuenta, cifrado no 0,29%, e recuperouse durante a década dos sesenta cando acadou os máximos efectivos demográficos da serie (5.383 h) ao incrementar a súa poboación nunha media do 1,14% anual. A evolución durante toda esta fase obedeceu a unha poboación pouco inclinada á emigración por mor dos elevados rendementos da súa agricultura, que diminuíu a partir de 1940 ao comezar a romper o equilibrio entre poboación e recursos; recuperouse durante os anos sesenta do s XX, coincidindo coa construción do encoro de Castrelo de Miño, debido á abundante man de obra chegada para traballar na súa edificación. A partir da conclusión da central hidroeléctrica os efectos negativos fixéronse patentes e a man de obra que traballou na súa construción volveu aos seus lugares de orixe e as mellores terras de cultivo desapareceron cubertas baixo as aguas. Cuantitativamente, traduciuse nunha intensa sangría demográfica a causa da emigración de gran parte da poboación. Este descenso foi nun primeiro momento bastante limitado, ao perder só un 0,66% de media anual, pero foi progresivo nos anos sucesivos (-2,85% de media anual nos anos oitenta e un -8,19% nos primeiros noventa). Os inicios do s XXI continuan a mostrar un descenso da poboación (-1,81%). O crecemento natural (2006) é negativo (-14,9‰), froito dunha baixa taxa de natalidade (2,5‰) e unha elevada mortalidade (17,4‰). O resultado desta evolución é unha poboación moi avellentada, onde os menores de 20 anos representan só o 7,7% da poboación, fronte aos maiores de 65 anos que son o 39,58%; o grupo intermedio representa o 52,8%. A distribución por sexos amosa un equilibrio: 50,02% de mulleres e 49,97% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Castrelo de Miño do 35,5% (50,5% a masculina e 21,6% a feminina); a taxa de ocupación é do 31,7% (45,1% a masculina e 19,2% a feminina) e a taxa de paro é do10,8 % (10,6% a masculina e 11,2% a feminina). É un concello esencialmente agropecuario; nas actividades primarias traballa o 31,27% da poboación ocupada. A superficie cultivada representa o 14,84% do territorio municipal, practicamente ocupada polo viñedo (co 89,32% da superficie cultivada, feito que o converte nun dos concellos do Ribeiro de maior produción vitivinícola. Os pastos ocupan o 1,10%, mostra da reducida importancia do gando bovino, que suma só 129 cabezas (2007) destinadas fundamentalmente á produción cárnica. A industria ocupa un 24,2% da man de obra; destaca a empresa téxtil Géneros de Punto Marvy, acompañada de talleres moitas veces de carácter semiartesanal e cunha demanda reducida a áreas moi próximas; por outra parte, existe unha importante central hidroeléctrica construída por FENOSA a mediados dos sesenta. A construción emprega ao 8,1% da poboación ocupada e o sector terciario ao 36,3% dos traballadores; debido ao limitado equipamento comercial e de servizos do concello, a maior parte dos ocupados neste sector desenvolven a súa actividade laboral no concello de Ribadavia ou en Ourense. Entre as actividades terciarias radicadas no concello destacan as recreativas e deportivas, que aproveitan o encoro cun club naútico para a práctica da navegación fluvial (piragüismo, remo, etc). A principal vía de comunicación do concello é a estrada local OU-402, que comunica Cortegada e Ourense; outras vías importantes son as estradas locais que permiten a súa relación con Ribadavia, Cartelle e Celanova.
Historia
O concello foi durante a Idade Media unha importante encrucillada de camiños, coñecido co nome de Castrum Minei. No seu territorio estivo situado o mosteiro de Castrellum que pertenceu ao bispado de Ourense e, posteriormente, á orde de san Xoán de Xerusalén e á encomenda de Quiroga. Por estas terras discorría unha das rutas que conectaban Portugal con Santiago de Compostela e que se cruzaba con outra que unía Ourense con Pontevedra e Vigo. Estes camiños, ao cruzar o río Miño, deron lugar á construción dunha ponte no s XII que perdurou ata a década dos sesenta do s XX, época na que se construíu unha nova. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello pertenceron a diferentes xurisdicións. A xurisdición de Astariz (constituída pola parroquia homónima) compartíana diferentes señores, uns relixiosos, como o cabido catedralicio de Ourense, outros nobres, como o marqués de Astariz e os condes de Borraxeiros e Troncoso, e outros fidalgos, como Xosé Barbeito e os herdeiros de Bieito González. Ponte Castrelo (xurisdición que abranguía a parroquia do mesmo nome) estaba baixo o dominio do conde de Monterrei; a de Sande (que incluía a parroquia de Macendo) repartíase entre o conde de Troncoso e o mosteiro de Celanova. Ademais, dúas das súas parroquias constituían senllos coutos redondos: o de Prado de Miño estaba en mans do mosteiro de Oseira, mentres que o cabido de Ourense exercía a súa autoridade sobre o de Vide de Miño. En 1820, co establecemento dos axuntamentos constitucionais, o territorio dividiuse entre os municipios de Castrelo e Macendo, incluídos no partido de Celanova, que estiveron vixentes ata 1823, adscritos primeiro á provincia de Galicia e, dende 1822, á nova provincia de Ourense. En 1823, a segunda derrogación da Constitución por decreto do Rei Fernando VII supuxo o regreso á administración señorial. O actual concello naceu en 1835 e permaneceu baixo a xurisdición do partido xudicial de Celanova ata 1857, data na que foi incluído no de Ribadavia, concello ao que pertence dende entón. Un dos episodios máis destacados da historia contemporánea deste concello foi a revolta veciñal contra a construción da central hidroeléctrica de Castrelo de Miño, propiedade de FENOSA. As repercusións para o hábitat humano e natural do proxecto de construción do encoro que alimentaría á central, provocaron en 1965 a reacción popular contra a súa edificación. O conflito comezou por mor das expropiacións forzosas ás que se pretendía someter as propiedades que ían ser asolagadas, unha área de solo moi fértil dedicada á produción vitivinícola, non tanto pola escasa contía das indemnizacións ofertadas, como polo esmorecemento económico e demográfico, ecolóxico en definitiva, que suporía a desaparición dos recursos que permitían a rendibilidade das explotacións agropecuarias, principal sector produtivo do concello. A protesta espontánea dos labregos contra a construción do encoro foi rapidamente instrumentalizada politicamente, tanto polo Partido Comunista de España (PCE), como polo movemento nacionalista, encabezado pola Unión do Povo Galego (UPG). Nese sentido, a campaña de mobilización que os nacionalistas desenvolveron, nun momento inicial en estreita colaboración co PCE, constituíu un primeiro precedente do que sería no futuro a liña estratéxica que seguirían para acadar unha maior implantación social, de instrumentalización das reivindicacións veciñais. Ademais do labor de axitación e organización, a UPG organizou partidas de combate dirixidas polos seus militantes e integradas polos propios veciños que sabotaron as obras do encoro. O eco das reivindicacións espallouse por toda Galicia, polo que proliferaron as manifestacións de adhesión á protesta. Finalmente, a infraestrutura hidroeléctrica construíuse e inaugurouse en 1969, feito que significou o comezo do declive demográfico do concello.
Patrimonio cultural
Do patrimonio arquitectónico do concello destaca a igrexa parroquial de Santa María de Castrelo de Miño, trátase dun templo barroco edificado sobre unha construción románica. O concello conserva un gran número de pazos, entre os que sobresaen o da Capela (Barral), da Cavadiña (Astariz) e do Casar e Torre (Vide de Miño). Do patrimonio natural destacan o encoro de Castrelo de Miño (navegable e que permite a práctica deportiva) e o seu contorno, e a área de Coto Novelle. Entre as festas que se celebran na comarca cómpre salientar a do Corpus, da Ascensión e a da Nosa Señora das Neves, en Barral; e a de San Roque, en Macendo, ademais da festa gastronómica da Anguía.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Ribeiro, O |
| Extensión | 39 Km2 |
| Poboación Total | 1997 h |
| Poboación Homes | 998 h |
| Poboación Mulleres | 999 h |
| Densidade de poboación | 51.21 h/Km2 |