Castro, monte do
Outeiro da parroquia de Santa María de Vigo, no concello de Vigo, que acada no seu cumio os 147 m de altitude. Poboado dende a prehistoria, o xacemento arqueolóxico máis importante que acolle é un castro, de aí o seu nome. As primeiras evidencias científicas dun poboado castrexo na aba occidental do monte, fóra das que indicaba a súa propia toponimia, datan de 1928, cando se efectuaron uns movementos de terras para plantar unhas árbores. Unha comisión integrada por Florentino López Cuevillas, Xosé Filgueira Valverde e Afonso Daniel Rodríguez Castelao (este último como debuxante) realizou o primeiro informe arqueolóxico coñecido. As escavacións comezaron en 1952, cando Xosé María Álvarez Blázquez iniciou unha serie de campañas arqueolóxicas que remataron en 1970; unha nova intervención, realizada dende 1981 ata 1988 baixo a dirección de Xosé Manuel Hidalgo Cuñarro, permitiu coñecer mellor o xacemento. Pola estratigrafía e os materiais recollidos nas escavacións (poutadas, cerámica castrexa, campanense e sigillata, etc) a cronoloxía do asentamento abrangue dende o s II a C ata o s III d C, con dous momentos de ocupación diferentes: o primeiro, de maior auxe económico (ss II a C-I d C), caracterízase pola presenza de casas circulares e pétreas, cun teito realizado con materiais perecedoiros e co piso de arxila aplanada; o segundo, de decadencia e de abandono paulatino (ss II-III d C), desenvólvese durante a fase galaico-romana e detéctase polas casas de planta rectangular ou cadrada, cun tellado de tellas cerámicas. Na Idade Media levantouse o castelo do Penço para aproveitar a súa posición estratéxica e dominar a ría de Vigo. Na época moderna, entre 1663 e 1665, os enxeñeiros militares Carlos e Fernando de Gronemberg construíron un novo recinto amurallado co fin de reforzar o sistema defensivo da cidade. Pouco despois construíuse unha segunda muralla e finalmente, cara ao 1704, finalizouse o proxecto defensivo segundo as trazas do enxeñeiro Doffus Vélez Davila. Realizouse un conxunto de planta poligonal estrelada con tres recintos superpostos e unido co desaparecido forte de San Filipe. No interior houbo unha capela, varios cuarteis e diversos almacéns. O castelo empregouse como sede da gornición da cidade durante o ataque dos ingleses no ano 1719. Ao pé do monte do Castro resolveuse o crecemento urbano da cidade de Vigo que, aínda que tivera a súa orixe nel, viu posteriormente limitado o seu desenvolvemento debido ao papel estratéxico que cumpría para a defensa do porto. Deste xeito, o proceso expansivo que experimentou a cidade dende o s XIX, viuse obrigado a bordear o baluarte que lle garantía a protección eficaz contra as hipotéticas incursións marítimas hostís: principiou en 1851 coa apertura do Paseo de Ronda (rúa de García Barbón), continuou a finais do s XIX co trazado da avenida aberta para comunicar a estación do ferrocarril (inaugurada en 1878) coa estrada de Castela polo Couto (a Gran Vía) e a creación do barrio de Casablanca, para concluír na década de 1970 coa apertura e urbanización das avenidas de Venezuela e das Camelias. O desmantelamento das instalacións militares (o ministerio da Guerra cedeulle o monte a Vigo en 1934) e a expansión demográfica da cidade converteron o monte do Castro nun espazo dedicado ao lecer que constituíu, xunto cos parques da Guía, en Teis, e de Quiñones de León, en Castrelos, unha das principais zonas verdes do núcleo urbano vigués, en aplicación das doutrinas do urbanismo racionalista. A súa conversión en parque dotou ao centro da cidade dun lugar de recreo que complementou os xardíns que se crearan dende a segunda metade do s XIX nos recheos da beiramar, A Alameda da praza de Compostela (1876) e os xardíns das Avenidas na rúa Montero Ríos (1896). Posteriormente, nos sectores meridional e oriental do monte, a oligarquía olívica ergueu a mediados do s XX diversos chalés, como acontecera na Guía con anterioridade. Das fortificacións construídas no transcurso dos ss XVII e XVIII só se conservan as primeiras, mentres que os cintos defensivos máis exteriores derrubáronse na súa práctica totalidade.