Castro Caldelas

Castro Caldelas


Concello da Terra de Caldelas e cabeceira desa comarca, situado na provincia de Ourense no L da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Monforte de Lemos e Sober (Terra de Lemos), e Ribas de Sil (Quiroga); ao L co de San Xoán de Río (Terra de Trives), ao S co de Chandrexa de Queixa (Terra de Trives), e ao O cos de Montederramo e A Teixeira (Terra de Caldelas). Abrangue unha superficie de 87,6 km 2 cunha poboación de 1.687 h (2007), distribuídos nas parroquias de Alais, O Burgo, Camba, Castro Caldelas, Folgoso, Mazaira, Paradela, Pedrouzos, Poboeiros, San Paio de Abeleda, Santa Tegra de Abeleda, Sas de Penelas, Trabazos, Tronceda, Vilamaior de Caldelas e Vimieiro. A capital é a vila de Castro Caldelas, na parroquia de Castro Caldelas, situada a 42° 22’ 20’’ de latitude N e 7° 24’ 7’’ de lonxitude O, 156 km ao SL de Santiago de Compostela e 51 km ao L de Ourense. Está adscrito ao partido xudicial da Pobra de Trives e diocese de Ourense.
Xeografía física
O termo municipal de Castro Cadelas repártese entre os dominios climáticos oceánico-mediterráneo, propio da ribeira do Sil, e o oceánico de montaña, no que se inclúe a maior parte do seu territorio. Situado fundamentalmente nunha zona de alta montaña, os rexistros térmicos vense influenciados por este factor, co resultado dun prolongado período frío que vai desde o mes de novembro ata o de abril. A temperatura media anual é de 9,9°C. A temperatura media do mes máis frío, xaneiro, baixa ata os 4,3°C, e a do máis cálido, agosto, só chega aos 16,8°C. A amplitude térmica extrema alcanza os 24,7°C. Os días libres de risco de xeada son só 139 ao ano. A precipitación anual media é de 1.785 mm, cunha distribución estacional que amosa unha relativa seca estival: nos meses do outono e do inverno recóllense o 36,3% e o 32%, respectivamente, da precipitación total anual, fronte só ao 10,9% do verán. A primavera adopta un comportamento de estación de transición, con valores medios que chegan ao 20,8% das chuvias rexistradas. No tocante ao relevo, repártese en tres franxas paralelas en dirección aproximada NL-SO. Ao N, a primeira, o canón do Sil, espazo natural constituído por unha estreita banda con fortes pendentes cun desnivel de pouco máis de 200 m de altitude no fondo do canón e con 700 m acadados nas bocarribeiras que o delimitan. A largura do fondo do val só se amplía nas inmediacións de Abeleda polo curso final do río Edo, que facilita as comunicacións entre a vila de Castro Caldelas e o río Sil. A segunda banda, máis ancha e extensa, correspóndese cunha penechaira de altura media comprendida entre os 700 m e os 1.000 m, onde se concentra a maior parte da poboación do concello; neste territorio destacan algúns outeiros (como o Arma, de 1.030 m de altitude, na parroquia de Mazaira), contrafortes de pequenas aliñacións montañosas. Ao S aparece a terceira franxa, correspondente á serra do Burgo, con alturas comprendidas entre os 1.000 m e os 1.300 m, na que destaca o monte Cruz, de 1.287 m de altitude, na parroquia do Burgo. A rede fluvial articúlase ao redor do río Sil, aínda que polo seu discorrer profundamente encaixado, a maior transcendencia corresponde co seu afluente, o Edo. Este río nace na serra do Burgo e, despois de atravesar a parte occidental do concello formando un pronunciado arco, desemboca no Sil, no veciño concello da Teixeira. O curso do Edo é moi contrastado; tras manter un curso alto e medio con escasas pendentes, estas acentúanse notablemente na súa parte baixa para poder salvar o gran desnivel entre a penechaira de Caldelas e o fondo do canón do Sil. O Edo só ten un tributario de entidade, formado pola confluencia dos regos Ferreiros, Castoi e Sas, que drenan a parte oriental do municipio.
Xeografía humana
A evolución demográfica ao longo dos últimos dous séculos caracterízase polo seu carácter fortemente negativo. Ata 1920 esta poboación mantívose nuns niveis estables, aínda que con altibaixos, marcados por ascensos demográficos nos períodos 1887-1900 e 1910-1920 (0,27% e 0,68% de crecemento medio anual, respectivamente), e retrocesos entre 1900 e 1910 (-0,24%), oscilacións todas elas de pequena entidade nunha poboación con gran resistencia á emigración. A partir de 1920 a situación mudou cando as perdas de poboación se converteron na tónica dominante; o retroceso demográfico verificouse dun xeito uniforme entre 1920 e 1981, cunhas taxas medias anuais do -0,69%. Como consecuencia, na década dos oitenta o retroceso poboacional acelerouse e caeu un -4,13% de media anual. Finalmente, na primeira metade da década dos noventa, este concello, con moita emigración ao longo do s XX, recuperouse polo crecente fluxo de emigrantes retornados, que medraron neste último período (1991-1996) a un ritmo medio anual do 0,84%. O descenso nos primeiros anos do s XXI foi do -7,97% (2001-2007). En 2006 o crecemento natural foi negativo (-12,8‰), froito dunha baixa natalidade (3,8‰) e unha elevada mortalidade (16,6‰). O resultado desta evolución é unha poboación moi avellentada, onde os menores de 20 anos representan só o 8,4% da poboación, fronte aos maiores de 65 anos que son o 41,3%; o grupo intermedio representa o 50,4%. A distribución por sexos amosa un equilibrio: 50,50% de homes e 49, 50% de mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Castro Caldelas do 38,7% (50,3% a masculina e 26,8% a feminina); a taxa de ocupación é do 33,8% (44,2% a masculina e 23,2% a feminina) e a taxa de paro é do 12,7 % (12,1% a masculina e 13,8% a feminina). O sector primario, que non é o máis importante, acolle o 14,9% da poboación ocupada. A superficie cultivada esténdese polo 33,1,% do territorio municipal, con cultivos de plantas forraxeiras, centeo e pataca. O viñedo esténdese por algunhas parroquias da ribeira do Sil Os pastos supoñen un 26,55% do territorio por mor da importante presenza do gando bovino (2.138 vacas en 2007), sobre todo de orientación cárnica. No armentío vacún destaca a raza caldelá, autóctona e de carne moi apreciada. O gando vacún distribúese nun total de 99 explotacións cunha media de 21,59 vacas por granxa. Menos importancia adquire o gando porcino, cun total de 700 prazas de ceba (2005). A industria, de escasa importancia, só dá traballo ao 9,8% da man de obra e baséase en pequenos talleres de carácter semiartesanal cunha demanda reducida a áreas moi próximas. A construción emprega o 16,8% dos ocupados; o sector está integrado por unha profusión de pequenas constructoras centradas na escasa actividade edificatoria da comarca caldelá. O sector terciario é a principal fonte de emprego co 58,5% dos traballadores, reforzado pola importancia da vila de Castro Caldelas como o principal centro comercial e de feiras da súa comarca, aínda que en franca decadencia; mantén ademais algún servizo administrativo de alcance supramunicipal, como son as oficinas do Servizo de Extensión Agraria. As principais vías de comunicación do concello son a estrada OU-536 de Ourense á Rúa, e as que a comunican con Monforte de Lemos e Rabal (Chandrexa de Queixa).
Historia
Coa conquista romana acadou gran relevancia, xa que por estas terras pasaba a Via Nova que unía Bracara Augusta e Asturica Augusta. Sobre un primitivo castro erixiuse unha fortificación que serviu de base ao castelo medieval. Foi vila de reguengo ata que Afonso XI, no 1336, a doou a Pedro Fernández de Castro, señor de Lemos e Sarria. Os condes fixeron obras de reparación no castelo, rematadas no 1560. Foi escenario das loitas irmandiñas. A totalidade das parroquias que integran o actual concello estaban incluídas durante o Antigo Réxime na xurisdición de Castro Caldelas, administrada polo conde de Lemos e representada pola antiga provincia de Ourense. No s XVIII, a casa de Lemos incorporouse á casa dos duques de Alba, que pasaron a ser os señores da xurisdición e da vila. Na vila houbo unha xudería da que se conservan algúns sepulcros. O motor económico foi a creación das tradicionais e concorridas feiras que aínda se celebran os días 3 e 18 de cada mes. Co establecemento do municipalismo ao abeiro da Constitución de 1812, creouse o concello de Castro Caldelas, con capital na vila de Castro Caldelas e integrado na provincia de Galicia. A derrogación da Constitución en novembro de 1814, por decreto do Rei Fernando VII, supuxo a restauración da administración señorial. En 1820, a sublevación do coronel Riego propiciou unha segunda promulgación da Constitución e a rehabilitación da administración municipal, que estivo vixente ata 1823, data da segunda derrogación da Constitución. Nese segundo período constitucional, produciuse a creación da nova provincia de Ourense (1822), na que se incluíu o concello de Castro Caldelas. Á derradeira etapa de administración señorial (1823-1834) seguiulle a definitiva implantación do municipalismo, na que o concello de Castro Caldelas mantivo a súa configuración histórica, herdeira tanto da antiga xurisdición señorial coma dos primeiros axuntamentos constitucionais. O partido xudicial de Castro Caldelas, creado en marzo de 1820 e vixente durante o segundo período constitucional, ata 1823, suprimiuse en 1834; o concello de Castro Caldelas quedou integrado dende entón no partido xudicial da Pobra de Trives.
Patrimonio cultural
Entre as construcións arquitectónicas do centro antigo de Castro Caldelas salienta o castelo (BIC, 1994). Na arquitectura relixiosa destacan as igrexas de Santa Tegra e de San Paio e as ruínas do mosteiro de Abeleda. O santuario da Virxe dos Remedios, construído en 1840 en estilo neoclásico sobre unha antiga ermida dos tempos de Filipe II, acolle no seu interior o Museo Parroquial de Castro Caldelas. O concello, localizado na Ribeira Sacra, conta cun rico patrimonio natural na chamada Ribeira Caldelá e cos miradoiros naturais sobre o Sil como os de Pena de Matacas (Paradela), Pena do Xastre (Alais) e Pena do Xábrego (Santa Tegra de Abeleda). Ten dúas praias fluviais, unha nas ribeiras do Sil e outra nas do Edo. Entre as festas que se celebran, destacan a dos Fachos o 19 de xaneiro, a da Luz en Santa Tegra o primeiro domingo de agosto co Baile das Cocas ou Sanzantes, e a festa gastronómica da Bica no mes de xullo.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Terra de Caldelas
Extensión 87 Km2
Poboación Total 1687 h
Poboación Homes 852 h
Poboación Mulleres 835 h
Densidade de poboación 19.39 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias