Castro de Rei

Castro de Rei


Concello da Terra Chá, situado na provincia de Lugo no N da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos da Pastoriza e Cospeito, ao L co de Pol (comarca de Meira), ao S cos de Castroverde, Lugo e Outeiro de Rei (Lugo) e ao O co municipio de Cospeito (Terra Chá). Abrangue unha superficie de 177 km 2 cunha poboación de 5.744 h (2007), que se distribúen nas parroquias de Ansemar, A Azúmara, Balmonte, Bazar, Bendia, Castro de Rei, Coea, Duancos, Duarría, Dumpín, Goberno, Loentia, Ludrio, Mondriz, Outeiro, Pacios, Prevesos, Quintela, Ramil, Ribeiras de Lea, San Xiao de Mos, Santa Comba de Orizón, Santa Locaia, Triabá e Viladonga. A capital é a vila de Castro de Rei, na parroquia de Castro de Rei, situada a 43° 12’ 3’’ de latitude N e 7° 23’ 5’’ de lonxitude O, 136 km ao NL de Santiago de Compostela e 29 km ao N de Lugo. Está adscrito ao partido xudicial de Lugo e ás dioceses de Mondoñedo-Ferrol (arciprestado da Azúmara) e Lugo (arciprestados da Terra Chá e Lugo-Aguiar).
Xeografía física
O termo municipal de Castro de Rei está influído polo dominio climático oceánico continental xa que a súa situación topográfica, a unha altitude de entre 400 e 500 m, e o seu illamento da acción suavizadora do mar por mor da Dorsal Galega, proporcionoulle certos matices de continentalidade, que se manifestan sobre todo no réxime térmico. Así, a oscilación térmica anual é de 11,2°C, resultado duns invernos frescos (cunha temperatura media de 6,5°C en xaneiro, o mes máis frío) e uns veráns moi suaves, cunha media de 17,7°C en xullo. A temperatura media anual é de 12°C. Polo que se refire ao réxime pluviométrico, o total de precipitacións ao longo do ano é de 1.004 mm. A distribución estacional das precipitacións amosa unha menor incidencia da seca estival, xa que as porcentaxes das recollidas no verán e na primavera son semellantes (13,2% e 15,7%, respectivamente). A estación máis chuviosa é o outono, cun 38,8% do total anual, mentres que no inverno se recolle o 31,8%. O relevo caracterízase polas planicies, cun predominio da horizontalidade, interrompida por algunhas formas residuais. Ao L, o relevo érguese (monte dos Millares, 631 m; monte do Marco, 620 m) como anticipo das Serras Orientais. Dende o punto de vista da litoloxía, a serie areosa-pelítica de Vilalba está recuberta por materiais terciarios e cuaternarios no sector occidental, mentres que no L afloran directamente na superficie. Tamén hai lousas e cuarcitas. Como formas modeladas da acción fluvial existen terrazas fluviais e chairas aluviais. Toda a rede fluvial pertence á conca do Miño. A planitude do relevo chairego favorece un trazado divagante dos ríos e dos regos, entre os que destacan, pola dereita, o Vila, o Lea e o Azúmara. A vexetación, fortemente antropizada, está constituída por especies de frondosas, como o carballo ou o castiñeiro, ameazadas cada vez máis pola extensión do piñeiro, unha especie forestal que proporciona un gran rendemento económico derivado da explotación madeireira. Dentro do monte baixo destacan sobre todo diversas especies de toxos e ericáceas.
Xeografía humana
A evolución demográfica do concello nos últimos dous séculos segue as pautas dominantes no conxunto dos concellos do interior galego. A súa orixinalidade radica no momento tardío en que acadou o máximo poboacional de toda a serie, a partir de 1960, ano no que comezou o descenso, mentres que no conxunto de Galicia se produciu xeralmente na década anterior. Así, a poboación estabilizouse e mesmo medrou no primeiro tercio do s XX. De 6.856 h en 1887 pasouse a 7.123 h en 1930, despois dunha evolución irregular con incrementos e decrecementos de poboación en función de feitos puntuais, debido á total dependencia da economía das actividades agropecuarias e, dentro delas, do policultivo de subsistencia. Durante a década de 1930, a poboación aumentou significativamente pola interrupción da corrente emigratoria, por mor da crise económica internacional e as sucesivas Guerra Civil española e Segunda Guerra Mundial; deste xeito, o período 1930-1940 resultou cunha taxa de crecemento medio anual do 0,6% mesmo chegou ata os 7.559 h. Entre 1940 e 1960, a poboación permaneceu practicamente estable, acadou o máximo de todo o século en 1960. A partir dese momento, a poboación descendeu por mor do éxodo rural cara ás áreas urbanas de Galicia, do resto de España e do estranxeiro, e como consecuencia da baixa natalidade, ocasionada por unha estrutura de poboación avellentada. Deste xeito, entre 2001 e 2007 a poboación descendeu un -1,81% e, o crecemento natural situose en 2006 no -13,6‰, froito dunha baixa natalidade (4‰) e unha elevada mortalidade (17,6‰). A composición da poboación por idades mostra o avellentamento deste concello pois os maiores de 65 anos son o 31,7% da poboación fronte ao 12% dos menores de 20 anos; o grupo intermedio representa o 56,3%. Por sexos a composición está equilibrada: 50,22% de mulleres e 49,77% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Castro de Rei do 59,1% (63,3% a masculina e 55,22% a feminina); a taxa de ocupación é do 56,2% (60% a masculina e 52,5% a feminina) e a taxa de paro é do 5 % (5,2% a masculina e 4,8% a feminina). Na agricultura, principal subministradora de postos de traballo pola gran capacidade de absorción de postos de traballo das pequenas explotacións familiares. Aínda así se incrementou nos últimos tempos a consecuencia da perda crecente de importancia das actividades agropecuarias, que supoñen un 40,1% do total dos empregos, mentres que en 1991 esta porcentaxe era do 63,1%. Dentro das actividades agropecuarias, a gandería é a actividade máis sobresaínte. O concello de Castro de Rei modernizou as explotacións gandeiras coa introducción de maquinaria e coa renovación dos sistemas de explotación. Das 13.766 ha de superficie agraria , 3.237 ha están dedicadas a prados e pastos. O armentío bovino, na súa maioría formado por vacas de raza frisona, é moi importante, con 16.998 cabezas (2007), principalmente de orientación láctea. A moita distancia está a cría de gando porcino, con 45 cabezas reprodutoras e 770 de cebo (2005), mentres que moito menor é a produción avícolas. Polo que se refire á agricultura, dentro dos principais cultivos destacan, ademais das plantas forraxeiras, diversos cereais como o trigo e o centeo e a pataca. A actividade secundaria é pouco significativa xa que só emprega o 18,6% do total da poboación ocupada. A industria xera o 9,2% dos empregos, mentres que a construción ocupa o 9,4% do total dos residentes. Pola súa banda, o sector terciario, que ocupa un 41,3% da poboación, é aínda feble pero está en crecemento constante. Dentro das actividades terciarias, ten especial importancia o comercio e a feira comarcal de gando que se celebra todos os mércores na capital municipal, á que acoden tratantes de toda Galicia. Polo que se refire ás vías de comunicación destaca a estrada nacional N-640, de Pontevedra a Vegadeo, que atravesa o concello en dirección SO-NL. O resto da rede viaria está composta por estradas locais e pistas que comunican entre si e co exterior do municipio todas as parroquias e aldeas. Dentro do termo municipal localízase o aeródromo das Rozas.
Historia
Os primeiros restos de poboación vincúlanse ao fenómeno megalítico e á cultura castrexa. O castro de Viladonga, cun período de poboamento próximo aos sete séculos, é un destacado exemplo. Durante a Idade Media, o territorio mudou de señor en repetidas ocasións: pertenceu ao mosteiro de Meira durante o s XIII e posteriormente, no s XIV, pasou a mans dos Andrade. Fernán Pérez de Andrade percibía os tributos dos habitantes e cedeu parte das súas posesións ao bispo de Mondoñedo. O conde de Lemos e señor da vila no 1460, Pedro Álvarez Osorio, entregoulla a Galaor Osorio. En 1501, a Raíña Isabel a Católica outorgoulla ao conde Rodrigo Enríquez Osorio. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello de Castro de Rei pertenceron ás xurisdicións de Castro de Rei (que incluía as parroquias de Ansemar, Ameixide, A Azúmara, Bazar, Castro de Rei, Duancos, Duarría, Dumpín, Goberno, Loentia, Mondriz, Outeiro, Prevesos, Ramil, San Xiao de Mos, Santa Comba de Orizón, Santa Locaia, Triabá e Viladonga), Pacios (parroquia de Pacios), Crecente e Quintela (parroquia de Quintela), Lea (parroquia de Ludrio), Silva e Ribeiras de Lea (parroquia de Ribeiras de Lea), ademais do couto redondo da parroquia de Bendia, todas elas relacionadas coa antiga provincia de Lugo. O señorío correspondíalles a diversas persoas, entre as que destacaba o conde de Lemos, que exercía o seu dominio sobre todas as parroquias da xurisdición de Castro de Rei, ben que nalgunha delas a compartía con outros iguais (como no caso da parroquia de Mondriz, compartida co conde de Graxal), con fidalgos (parroquias de Prevesos e de Ramil) ou coa Coroa (Triabá). O bispo de Mondoñedo era señor da parroquia de Ribeiras de Lea, mentres que varios fidalgos se repartían o señorío da parroquia de Pacios e outro fidalgo compartía co conde de Graxal a xurisdición sobre a parroquia de Ludrio. O couto redondo de Bendia e a parroquia de Quintela, pertencente á xurisdición de Crecente e Quintela, eran de reguengo. Coa división administrativa de 1822, o actual concello de Castro de Rei repartiuse entre os partidos xudiciais de Lugo e Vilalba, aínda que aos poucos meses se unificou a totalidade do actual concello dentro do partido xudicial de Lugo. En 1835 apareceu por primeira vez o municipio de Castro de Rei. Nese ano coincidiron 24 das 35 parroquias coas que conta. En 1840 volveu definirse de novo o concello, que permaneceu con moi poucas variacións ata a actualidade.
Patrimonio cultural
A localización da capital do concello sobre un antigo castro fai pensar na existencia dun bo número de vestixios arqueolóxicos. No castro de Viladonga creouse o Museo Castro de Viladonga. A vila e o contorno que a rodea foi declarada BIC en 1971. Do castelo de Castro de Rei só se conservan algúns restos en estado ruinoso. Na arquitectura civil destaca a Torre de Leivana, declarada BIC en 1994, a casa dos Señores en Duancos e a casa do Pacio en Mondriz. Entre os espazos naturais do concello destaca a charca de Pumar e a lagoa de Bardancos. Entre as festas que se celebran no concello destacan as de san Isidro Labrador, en Castro de Rei; Nosa Señora da Portería, en Outeiro; Santiago, en Duarría e as de Castro de Ribeiras de Lea.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Terra Chá
Extensión 176 Km2
Poboación Total 5744 h
Poboación Homes 2859 h
Poboación Mulleres 2885 h
Densidade de poboación 32.64 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias