Castroverde
Concello da comarca e da provincia de Lugo situado no centro-leste da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Castro de Rei (Terra Chá) e Pol (Meira), ao S con Baralla (Os Ancares) e O Corgo (Lugo), ao L co de Baleira (A Fonsagrada) e ao O cos do Corgo e Lugo. Abrangue unha superficie de 174,2 km 2 cunha poboación de 3.148 h (2007) distribuída entre as parroquias de Agustín, Arcos, Barredo (San Xoán e Santo André), Barreiros, Bolaño, Cellán de Calvos, Cellán de Mosteiro, Covelas, Espasande, A Frairía, Furís, Goi, Masoucos, A Meda, Miranda, Mirandela, Monte, Montecubeiro, Moreira, Paderne, Páramo, Pena, Pereiramá, A Pumarega, Rebordaos, Recesende, Riomol, San Miguel do Camiño, Serés, Souto de Torres, Tórdea, Uriz, Vilabade, Vilalle e Vilariño; a organización territorial do concello complétase coa parroquia de Soutomerille, malia que quedou deshabitada na década de 1970. A capital municipal é o lugar de Castroverde, na parroquia de Vilariño, situada a 43° 1’ 5’’ de latitude N e 7° 19’ 5’’ de lonxitude O, 129 km ao NL de Santiago de Compostela e 22 km ao L de Lugo. Está adscrito ao partido xudicial e ás dioceses de Lugo e Mondoñedo.
Xeografía física
O termo municipal de Castroverde está baixo o dominio climático oceánico continental, propio das terras do interior galego que se atopan a unha certa altitude sobre o nivel do mar (entre os 400 m e 500 m) e illadas das influencias mariñas que suavizan as temperaturas. Deste xeito, o clima de Castroverde caracterízase por uns invernos fríos (cunha media de xaneiro de 5,9°C) e uns veráns temperados, cunha media de agosto, o mes máis cálido, de 17,6°C. Como consecuencia, a temperatura media anual é de 11,1°C, unha das máis baixas dentro do conxunto galego. A oscilación térmica é de 11,7°C. O total de precipitacións anuais é de 868 mm, cifra que, sen chegar aos extremos das áreas do SL do país, pode considerarse como baixa dentro do conxunto galego e indica un certo matiz de continentalización do clima. A distribución das precipitacións ao longo do ano permite apreciar a existencia dunha seca estival, xa que no verán só se recollen o 11,2% do total das precipitacións anuais, mentres que a estación máis chuviosa é o outono, co 33,2% do total anual, seguida do inverno, cun 31%. O relevo de Castroverde é o resultado da transición entre a meseta chairega e lucense, e as primeiras elevacións das Serras Orientais. Así, o terreo, de natureza fundamentalmente granítica, presenta un perfil horizontal aínda que alombado no O, e gaña progresivamente altura cara ao L, nas serras de Moureiro, Pouñago, O Mirador, A Vaqueriza, para culminar no Pradairo, a 1.029 m de altitude. Neste terreo accidentado desenvólvese unha extensa e densa rede fluvial, integrada por numerosos ríos e regos que pertencen todos á conca do Miño, como o Azúmara, o Guimarás, o Romeán, o Outeiro ou o Tórdea. A cuberta vexetal está moi afectada pola acción antrópica pero, aínda así, neste concello abundan as carballeiras e outros bosques de especies autóctonas.
Xeografía humana
A evolución demográfica do concello de Castroverde, ao longo dos últimos dous séculos seguiu a tónica xeral que caracteriza o conxunto dos concellos do interior galego. Nunha primera etapa, que comprende dende o primeiro ano da serie censual, 1887, ata 1940, a poboación de Castroverde experimentou un crecemento que, aínda que moderado, foi constante. Especialmente significativas foron as taxas de crecemento entre 1900 e 1910, cun 1,2%, e na década dos anos trinta, coas maiores porcentaxes de crecemento anual do s XX (2,5%). Este incremento posibilitou que Castroverde acadara o máximo poboacional de toda a serie en 1940, momento no que chegou a ter unha poboación de 9.017 h. A partir desta data comezou unha constante perda de poboación; ben que esta mingua foi moderada ata 1960 (a poboación aínda superaba os 8.000 h); dende entón produciuse unha brusca caída no número de efectivos debido, en primeiro lugar, ao éxodo rural cara ás áreas urbanas de Galicia, do resto de España e incluso do estranxeiro, e, posteriormente, aos efectos que ten unha estrutura por idades da poboación fortemente avellentada. O descenso continuou a comezos do s XXI e, entre 2001 e 2007, cifrouse no -8,80%; o crecemento natural (2006) foi negativo (-9,3‰) froito dunha baixa natalidade (4,5‰) e unha elevada mortalidade (13,8‰). A estrutura por idades da poboación presenta unha pirámide invertida, propia de sociedades cunha alta porcentaxe de poboación vella (35,4%), e cunha base moi estreita que se corresponde coa ausencia de recambio xeracional e a escasa porcentaxe de poboación máis nova (10,4%); o grupo intermedio representa o 54,2%. Por sexos dominan lixeiramente os homes: 51,08% de homes e 48,92% de mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Castroverde é do 40,2% (49,8% a masculina e 30% a feminina); a taxa de ocupación é do 37,1% (46,2% a masculina e 27,4% a feminina) e a taxa de paro é do 7,6% (7,1% a masculina e 5,5% a feminina). A base da súa economía son as actividades agropecuarias que dan traballo ao 46,1% da poboación ocupada. Dentro do sector, a actividade máis importante é a gandería vacúa de orientación láctea. O armentío bovino, orientado sobre todo á produción leiteira, é moi numeroso (10.251cabezas, 2007). A agricultura presenta unha importancia menor cá gandería; aínda así, dedícanse a cultivos 3.346 ha, mentres que os prados e os pastos ocupan 3.609ha. A agricultura está subordinada á gandería, tal e como pon de manifesto a gran cantidade de hectáreas dedicadas ao cultivo de especies forraxeiras para alimentación do gando (1.782 ha). Polo que se refire á actividade industrial, pouco significativa no municipio, emprega só 6,8% do total de traballadores residentes no concello; o subsector que xera máis emprego é o manufactureiro. As industrias extractivas, aínda que no pasado tiveron unha notable presenza (canteiras de lousa e mármore para a construción), acollen un volume de emprego residual, con só pequenas empresas de tipo artesanal. A construción emprega o 9,1% dos traballadores. O sector servizos está en auxe (38%) e segue unha evolución positiva de acordo coa terciarización da economía que caracteriza as sociedades postindustriais contemporáneas. De todas as actividades terciarias, destaca o comercio (produtos agrícolas e zoosanitarios), seguido da educación e do transporte. No tocante ás comunicacións terrestres, a rede viaria do concello de Castroverde articúlase ao redor da estrada LU-630, que une a capital do concello con Lugo.
Historia
A súa poboación, incluída nunha das rutas de peregrinación xacobea, estivo sometida ao dominio dos condes de Lemos durante boa parte da Idade Media. No s XVI os Altamira adquiriron a vila de Castroverde xunto coas terras e a fortaleza. Durante as Guerras Carlistas, xa no s XIX, a vila foi tomada pola partida dirixida polo cura de Sexosmil no ano 1873. Dende o punto de vista administrativo, durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello pertenceron á antiga provincia de Lugo, repartidas entre as xurisdicións de Castroverde (parroquias de Agustín, San Xoán de Barredo, Bolaño, Covelas, Goi, Monte, Páramo, Pena, Pereiramá, A Pumarega, Rebordaos, Recesende, San Miguel do Camiño, Serés, Tórdea, Uriz, Vilalle e Vilariño), Adai (Arcos, Cellán de Calvos, Cellán de Mosteiro, Espasande, Miranda, Paderne, Souto de Torres e Soutomerille), Neira de Rei (parroquias de Barreiros, A Frairía, Furís e Masoucos), Lugo (parroquias de Santo André de Barredo, A Meda e Moreira) e Montecubeiro (parroquias de Mirandela e Montecubeiro), ademais do couto redondo que constituía a parroquia de Riomol. O señorío destas xurisdicións exercíano nobres, eclesiásticos e fidalgos: o conde de Altamira era señor da xurisdición de Castroverde e compartía o señorío da parroquia de San Xoán de Barredo co cabido catedralicio de Lugo e o da parroquia de Pena, cun fidalgo; a xurisdición de Adai correspondíalle ao conde de Lemos; a de Neira de Rei, ao marqués de Montaos; a de Lugo, ao bispo da cidade; e a de Montecubeiro, ao mosteiro lucense de San Domingos. Esta administración señorial suprimiuse coa Constitución de 1812 e pasou a converterse en administración municipal nos períodos 1812-1814 e 1820-1823. As dúas derrogacións da Constitución, en 1814 e 1823, restauraron a ordenación territorial do Antigo Réxime. No 1822, os concellos de Castroverde e Montecubeiro figuraban dentro do Partido Xudicial da Fonsagrada, mentres o concello de Riomol se incluía no Partido Xudicial de Lugo. Na nova división administrativa de 1835, instituído definitivamente o municipalismo, o concello de Castroverde contaba con 25 parroquias, dúas delas pertencen na actualidade ao concello de Baleira. En 1845, coa incorporación de varias parroquias do antigo concello de Neira de Rei (Furís, A Frairía e Masoucos), quedou constituído definitivamente o concello de Castroverde. En 1890 creouse a parroquia de Vilabade, segregada da de Vilalle, pero non alterou os límites municipais.
Patrimonio cultural
O concello conserva parte dos muros externos e a torre da homenaxe do s XV da antiga fortaleza de Castroverde, declarada BIC en 1994, que pertenceu aos Castro de Lemos. Dentro da arquitectura relixiosa sobresaen a igrexa prerrománica de Soutomerille e as románicas, moi transformadas, de Bolaño, Espasande e Montecubeiro. A igrexa de Vilabade, gótica da segunda metade do s XV, pertenceu a un antigo mosteiro e foi promovida por Fernando de Castro. En 1979 foi declarada BIC e en 1995 aconteceu o mesmo co seu contorno. Consérvanse tamén os pazos de Cellán, Pumarega e Abraira-Arana. En Soutomerille están as torres de Arriba e de Abaixo, declaradas BIC en 1994. Entre as festas que se celebran destaca a de Nosa Señora do Carme en Vilabade.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Lugo |
| Extensión | 174 Km2 |
| Poboación Total | 3148 h |
| Poboación Homes | 1608 h |
| Poboación Mulleres | 154 h |
| Densidade de poboación | 18.09 h/Km2 |