casuario
(
Ave do xénero Casuarius, da suborde das casuariformes, de ata 1,8 m de altura e con ás reducidas. A cabeza presenta unha crista córnea aplanada de máis de 15 cm, coa pel e o pescozo azuis. Algunhas especies teñen papadas pendurantes de cor amarela, laranxa ou vermella. As plumas, de cor negra, semellan pelos, ao careceren de barbas e pendurar do corpo. Posúen tres dedos, un deles situado na parte interior e cunha uña afiada. Son animais omnívoros que viven en parellas ou grupos familiares nas selvas tropicais do norte de Australia, Nova Guinea e illas adxacentes. A especie C. unappendiculatus, denominada comunmente casuario dunha soa crista , mide ata 1,8 m de altura e vive en selvas pantanosas, preto da costa ou xunto aos ríos de Nova Guinea. A especie C. bennetti, denominada casuario anano , mide ata 1 m de altura e vive nas selvas montañosas da maior parte de Nova Guinea.