catacumba

catacumba

(< lat tardío catacumba,alteración de catatumba)

s f [HIST/RELIX]

Cemiterio subterráneo composto por galerías e cámaras. Foi usado fundamentalmente polos cristiáns durante o Imperio Romano, se ben a súa existencia é anterior a eles. Como consecuencia da lei romana que prohibía os enterramentos no interior das cidades, os primeiros cristiáns construíron, con total liberdade, diversos cemiterios subterráneos que foron utilizados esporadicamente como lugar de culto durante as persecucións. Chegaron a ter bastantes quilómetros de longo e varios pisos superpostos. Os finados dispoñíanse en nichos ou loculi cavados nas paredes, moitos deles decorados con pinturas. Trátase da principal fonte para coñecer a arte cristiá dos primeiros séculos. Os temas destas pinturas facían referencia a sucesos do Antigo Testamento, como Daniel entre os leóns ou o sacrificio de Isaac. Menos frecuentes son as referencias ao Novo Testamento, aínda que aparecen representados a Anunciación, a Adoración dos Reis e algúns milagres de Cristo. Tamén incorporaron temas pagáns como viñas, paxaros e cráteras. As catacumbas proporcionan ademais testemuños epigráficos en grego e latín. A maioría delas pertencen ao s III d C e principios do s IV, xa que despois do Edito de Milán (313) deixaron de utilizarse. Abandonadas desde a época das invasións bárbaras, redescubríronse no s XVII. As máis coñecidas e importantes son as de Domitila, San Calisto e San Sebastián ad catacumbas, que deu o nome, por extensión, ao resto destes cemiterios. Existen tamén noutras poboacións do mundo cristián como Nápoles, Cagliari, Siracusa, Malta ou Susa. OBS: Emprégase xeralmente en plural.

Palabras veciñas

cataclínico -ca | cataclismo | catacrese | catacumba | catacústica | Catadau | catadídimo