Catalán Monroy, Feliciano

Catalán Monroy, Feliciano

Profesor. Procedente da Escuela Normal de Zaragoza, en 1902 accedeu á Escola Normal Superior de Mestres de Pontevedra. En 1910 trasladouse a Alacant e, sete anos máis tarde, volveu a Pontevedra, cidade onde desenvolveu unha intensa actividade pedagóxica. En 1918 foi nomeado profesor de física, química, historia natural e agricultura da Escuela Normal de Valladolid. En 1902, a Revista del Profesorado Hispano-Americano encargoulle un traballo sobre o problema da coeducación, reproducido tamén en El Noticiero Gallego. Participou no Certamen Pedagógico de Santiago de Compostela (1906) e, ao ano seguinte, no Certamen Social y Literario de Pontevedra, no que se premiou o seu traballo La Instrución Pública en Galicia. Lo que existe, lo que debe existir, datos estadísticos de Escuelas, maestros, analfabetos, etc. No 1908 formou parte da comisión técnica da xunta provincial de Instrución Pública que debatía as memorias presentadas polos mestres relativas aos locais escolares. Como resultado desta experiencia publicou en 1909 Estudios Pedagógicos, con datos sobre material do Museo Pedagógico, rexistros antropométricos, sistemas de organización escolar e programas. Escribiu, na honra dos heroes de Ponte Sampaio, a curta peza teatral Mártir del deber. Boceto histórico en un acto y dos cuadros, que representaron os alumnos de maxisterio.