Cático

Cático
[HIST/HERÁLD]

Liñaxe oriúnda de Santa Marta de Ortigueira. Segundo algúns investigadores procede do conde Bermudo Romaes ou Romarínez, que no s VII era señor da vila de Ortigueira. Unha rama desta familia pasou a Andalucía. As súas armas levan, en campo de goles, unha cruz flordelisada de sinople, perfilada de ouro e angulada por catro espigas do mesmo metal, e bordo de goles con oito cardos de ouro; en campo de ouro, tres rochas ao natural, sobre ondas de auga de azul e prata, acompañada cada unha dunha rama de ortigas de sete follas. Outra variante ostenta, en campo de prata, tres matas de ortigas de sinople, con cadansúas sete follas, sobre rochas da súa cor natural (representación dos farallóns do Cabo Ortegal, que tomaron por emblema todas as liñaxes procedentes da comarca de Ortegal), en ondas de azul e prata, e bordo de ouro con sete roeis de goles. Algúns traen, en campo de goles, sete ortigas de ouro; e outros, en campo de ouro, tres matas de ortigas de sinople, con cadansúas sete follas, sumadas a tres rochas da súa cor natural, sobre ondas de auga de azul e prata; por detrás do con central sae un brazo armado que sostén a cabeza dun galo da súa cor.