Catoira

Catoira
  1. [ONOM]

    Apelido que ten a súa orixe no topónimo homónimo de orixe dubidosa. Documéntase no século XV: “Ferrnando de Catoyra” (doc ano 1457 en F. R. Tato Plaza, Libro de Notas de Álvaro Pérez, notario da terra de Rianxo e Postmarcos (1457), 1999, p 684). Sen a preposición indicativa do lugar de orixe ou residencia, atéstase no ano 1816: “Alberto Catoira” (en E. Rivas Quintas, Onomástica persoal do noroeste hispano, 1991, p 541).

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe natural do lugar homónimo que emprega tamén a forma Catoyra. Unha rama pasou ao Ecuador. As súas armas levan, en campo de azul, cinco estrelas de prata, postas en aspa, e a do medio dentro dun crecente de ouro coas puntas para arriba. Outra variante trae, en campo de azul, cinco estrelas en aspa, as dos extremos de prata e a do centro de ouro e dentro dun crecente de prata.