caudillismo

caudillismo

(< caudillo)

  1. [POLÍT]
    1. s m

      Sistema de goberno ou mando exercido por un caudillo.

    2. caudillismo americano

      Sistema político e social propio de moitas repúblicas latinoamericanas durante o período inmediatamente posterior á súa independencia (cara ao ano 1826). Apareceu nunhas sociedades pouco desenvolvidas democraticamente que carecían de condicións para a participación política e nas que a facenda rural dominaba a vida económica. As estruturas políticas, nadas no mundo rural, caracterizáronse polo poder individual do caudillo, a lealdade persoal e a autoridade do patrón sobre o peón. Os caudillos xurdiron ao abeiro dos numerosos conflitos independentistas e serviron como militares carentes de ideoloxía política que chegaron desde as estruturas locais ata as nacionais. Defenderon os intereses rexionais dos terratenentes e arrebatáronlles o poder ás elites urbanas. O éxito dos caudillos favoreceu, nalgúns casos, a defensa do poder central, feito que lles permitiu recompensar a súa clientela coa concesión de terras. Malia as vinculacións de clientelismo con parte da poboacción, os caudillos non eran líderes populares, senón a cabeza dunha coalición de forzas da elite que manipulaban a poboación. Caracterizáronse por ter un gran poder rexional, por posuír aliados nas elites nacionais, polo asalto do Estado empregando os seus propios exércitos e por unha longa e violenta ditadura persoal. Os caudillos máis destacados de América Latina foron o arxentino Juan Manuel de Rosas, apoiado polos gauchos entre os anos 1829 e 1852, e o venezolano José Antonio Páez, que chegou ao poder axudado polos llaneros no 1830 e que se mantivo ata 1863. Outros casos relevantes foron o do xeneral mexicano Antonio López de Santa Anna, que participou nos asuntos públicos entre 1821 e 1855 e mesmo chegou á presidencia en varias ocasións, e o guatemalteco Rafael Carrera, que dirixiu a política nacional e rexional do país entre 1837 e 1865.

  2. s m [ANTROP/CULT]

    Denominación aplicada ao nivel de integración sociocultural menos complexo, asociado ás sociedades de cazadores recolledores e caracterizada polo igualitarismo, o liderado informal e o parentesco bilateral.

Palabras veciñas

cáudex | caudi- | caudícula | caudillismo | caudillo | caudímano -na | caudino -na