Cea
Liñaxe natural da vila de Cea, no concello homónimo, e da parroquia de Cea, en Vilagarcía de Arousa. Esta caste asentou a súa casa principal no concello de Nigrán e emparentou con ilustres familias como os Mariño, os Troncoso ou os Gondar. Estendeuse por toda a Península e fundou casas en León, Córdoba e Málaga. Unha rama pasou a Chile, Nuevo Reino de Granada e Perú. As súas armas levan escudo cortado: primeira partición, en campo de ouro, cunha banda de goles, acompañada no alto dun león rampante da mesma cor, e no baixo, de cinco flores de lis de azul, postas en aspa; segunda partición, en campo de sinople, cun brazo armado, de prata, movente do flanco sinistro, empuñando unha espada denuda, do mesmo metal, coa gornición de ouro, e adestrado dun cordeiro, de prata; en punta, ondas de azul e prata. Algúns usan, en campo de azul, tres flores de lis, de ouro, ben ordenadas, e debaixo delas, dúas estrelas de prata, formando unha aspa coas flores de lis; en punta, un cordeiro de prata, sobre ondas de azul e prata. Outros ostentan escudo acuartelado: primeiro e cuarto cuartel, en campo de goles, cun castelo de prata; segundo e terceiro cuartel, en campo de prata, con cinco flores de lis de goles, postas en aspa; bordo de ouro. Os de Córdoba levan, en campo de sinople, un brazo armado de prata movente do flanco sinistro, superado de medio voo de sable. Os de Chile traen escudo tronzado: primeira partición, en campo de ouro, con dous lobos pasantes de sable, postos en pao; segunda partición, en campo de goles, cun castelo de ouro. Outra variante trae, en campo de ouro, unha aguia de sable coroada de prata.