cela

cela

(< lat cella ‘despensa,

  1. s f

    Cámara ou dormitorio individual e de pequenas dimensións dun convento, colexio ou cárcere.

  2. s f

    Cada un dos pequenos compartimentos das entenas que constrúen algúns himenópteros. No seu interior, amais de servir como almacén, críanse as larvas. As celas da abella doméstica (Apis mellifica), construídas con cera, son prismáticas hexagonais e o fondo de cada unha está constituído por tres láminas rómbicas que forman un ángulo triedro. Cada rombo do fondo corresponde a un dos rombos de tres celas diferentes da outra cara do favo. As celas son de tamaños diferentes; por un lado, as de adaptación son hexagonais irregulares, xa que serven de transición entre conxuntos de celas de tamaño distinto, mentres que as destinadas á cría de raíñas son máis grandes e teñen forma de landra.

    Sinónimos: favo.
  3. s f [AERON]

    Conxunto formado pola fuselaxe, as ás e as empenaxes dun avión, desprovisto de motores.

  4. s f [BOT]

    Cada un dos pequenos compartimentos dunha antera, dun ovario, dun esporanxio e doutras estruturas vexetais.

  5. s f [FÍS]

    Elemento básico dunha rede cristalina, que a pode xerar por translación. Tamén se coñece como cela unidade.

  6. s f [ENTOM]

    Zona das ás dos insectos delimitada por nervios.

  7. s f

    Pequeno mosteiro independente da alta Idade Media, ligado ao bispo ou ao señor do lugar. Consistía nunha pequena igrexa á que se unía unha habitación para o monxe. A partir da época carolinxia, a cela pasou a depender dun mosteiro, que era residencia dun ou máis monxes, aos que normalmente se confiaba a colleita dos froitos e os réditos das terras que eran propiedade do mosteiro. Posteriormente, algunhas celas chegaron a ser priorado e, ás veces, convertéronse en mosteiros.

  8. s f [FÍS]

    Elemento de volume do espazo físico.

  9. s f [INFORM]
    1. Unidade de información que forma un bloque de construción dun mapa, dunha base de datos ou dunha folla de cálculo.

    2. Cada unha das seccións nas que se divide unha cidade ou unha rexión para o servicio de telefonía celular. Cada cela está servida por unha torre de antena diferente.

  10. [TECNOL]
    1. s f

      Cada unha das rexións elementais do núcleo dun reactor nuclear. Cada cela contén os elementos básicos do núcleo: combustible, moderador e fluído refrixerante. Tamén se coñece como cela unitaria ou cela equivalente.

    2. cela quente

      Recinto estanco onde se colocan, temporal ou permanentemente, materiais de alta radioactividade para manipulalos a distancia e sen risco. Tamén se coñece como cela de alta actividade e pode empregarse como almacén destes materiais.

  11. cela electroquímica [FÍS/QUÍM]

    Dispositivo no que se consegue que teña lugar unha reacción química grazas ao abastecemento de enerxía eléctrica (neste caso denomínase cela electrolítica, e a operación en conxunto recibe o nome de electrólise), ou no que, inversamente, se produce enerxía eléctrica a partir de enerxía liberada por unha reacción química que ocorre espontaneamente (denomínase entón pila eléctrica ou célula voltaica). Consiste nun recipiente que contén un ou máis electrólitos unidos por pontes salinas condutoras ou por paredes porosas, con dous electrodos mergullados dentro do líquido e conectados entre eles a través dun circuíto exterior. Na cela ten lugar, en todo caso, unha reacción global de oxidación-redución; no ánodo prodúcese a semirreacción de oxidación e no cátodo, a de redución. Cando se produce unha electrólise aplícase unha diferenza de potencial nos electrodos, coa polaridade positiva no ánodo e a negativa no cátodo. Cando funciona como pila a reacción de oxidación dá electróns ao ánodo, que adquire un potencial negativo respecto ao do cátodo, no que a reacción de redución consome electróns e faino positivo.

Formas incorrectas

celda, celdilla

Palabras veciñas

ceja* | Cejudo Álvaro, Xoán | Čekhov, Anton Pavlovič | cela | Cela | Cela | Cela