Celanova
Concello cabeceira da comarca da Terra de Celanova, situado na provincia de Ourense no S da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Cartelle, A Merca e Ramirás, ao L co da Merca, aoS co de Verea, e ao O con Ramirás e Quintela de Leirado. Abrangue unha superficie de 67,3 km 2 nos que se acolle unha poboación de 6.104 h (2007), distribuídos nas parroquias de Acevedo do Río, Alcázar de Milmanda, Amoroce, Ansemil, Barxa, Bobadela, Cañón, Castromao, Celanova, Fechas, Freixo, Milmanda, Mourillós, Orga, Rabal, A Veiga, Vilanova dos Infantes e Viveiro. Ademais, inclúe no seu termo o lugar do Pazo, da parroquia de Casardeita (concello de Ramirás). A capital é a vila de Celanova, na parroquia de Celanova, situada a 42° 8’ 7’’ de latitude N e 8° 8’ 1’’ de lonxitude O, 131 km ao SL de Santiago de Compostela e 26 km ao S de Ourense. Cabeza de partido xudicial, está adscrito á diocese de Ourense.
Xeografía física
O termo municipal de Celanova está baixo o dominio climático oceánico continental. Situado nun espazo de media montaña, os rexistros térmicos vense influenciados por este factor, que ten como resultado un prolongado período frío desde novembro a abril. A temperatura media anual é de 10,5°C. A temperatura media do mes máis frío, xaneiro, é de 4,3°C, mentres que a do mes máis cálido, agosto, é de 17,8°C. A amplitude térmica extrema chega aos 24,7°C. A precipitación media anual é de 1.038 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival: os máximos pluviométricos rexístranse no outono, co 37,8% de precipitación recollida no ano, e no inverno, co 34,4°C; no verán só se recolle o 9% da precipitación total anual, o que orixina un relativo déficit hídrico nos solos; a primavera adopta un comportamento de estación de transición, co 18,8% do total anual. O accidentado relevo deste concello divídese en tres sectores claramente diferenciados: o val do Arnoia, o val do Tuño e as montañas que os delimitan. O primeiro correspóndese cunha serie de suaves outeiros con alturas comprendidas entre os 300 e os 500 m, que enmarca unha estreita veiga nas beiras do Arnoia; destaca na parroquia de Rabal o monte Rodela, de 502 m de altitude. O segundo é o estreito val do Arnoia, con altitudes comprendidas ao redor dos 400 m. Por último, rodeando o val do Tuño e limitando polo SO o do Arnoia, érguese un conxunto de pequenos sistemas montañosos, con altitudes comprendidas entre os 500 e os 900 m; o principal é un macizo de dirección meridiana que ten como principais elevacións o Casa de Neve (860 m de altitude, na parroquia de Cañón), Castromao (728 m, na de Castromao), Cruz (726 m, no límite entre as parroquias de Castromao e Acevedo do Río) e Pedrouzo (678 m, en Acevedo do Río). Destacan, ademais, os montes que delimitan o val do río Tuño polo S, co monte Charrapata (881 m de altitude, na parroquia de Alcázar de Milmanda) como principal elevación. A totalidade da rede fluvial pertence á conca do río Arnoia, que percorre o NO do concello cunha dirección L-O, e que atravesa as parroquias de Rabal, Fechas, Barxa, Viveiro e Freixo. Entre os tributarios pola dereita cómpre mencionar o río dos Muíños, que drena a parroquia de Rabal e Barxa. Destaca, pola esquerda, o río Orille que segue unha dirección S-N e que percorre o L do concello a través das parroquias da Veiga, Mourillós, Orga, Vilanova dos Infantes, Bobadela e Viveiro. Tamén tributario pola esquerda, o río Tuño, cunha multitude de pequenos afluentes (os regos Patamela, do Puntillón, dos Campos, da Costa, do Porto ou da Silva Oscura), que drena o O do concello (parroquias de Acevedo do Río, Alcázar de Milmanda e Milmanda).
Xeografía humana
A evolución demográfica experimentada por este concello ao longo dos últimos dous séculos responde a dúas grandes fases perfectamente diferenciadas: de 1887 a 1940 tendeu a gañar poboación, mentres que a partir desa data os seus efectivos demográficos retrocederon. Na primeira fase, tras uns anos de estancamento (entre 1887 e 1910 perdeu poboación, aínda que de xeito moi feble, concretamente un -0,1% de media anual, de xeito que pasou de 8.412 h a 8.385 h), comezou unha época de crecemento demográfico: nun primeiro momento o proceso foi bastante moderado (entre 1920 e 1930 incrementou a súa poboación só nun 0,34%), para logo ser espectacular durante os anos trinta, década pechada cun 3% de incremento medio anual. Esta evolución foi o resultado dos efectos da emigración: nos inicios do s XX os movementos emigratorios contrarrestaban o crecemento natural, e nos momentos nos que os fluxos se interrompían (ben por feitos puntuais como a Primeira Guerra Mundial ou a Guerra Civil española, ben pola imposición de políticas restrictivas dos países receptores), a poboación comezou a crecer. A comezos da década dos corenta Celanova acadou as máximas taxas de crecemento e o seu cumio demográfico, con 11.412 h. Pero, a partir de 1940, sufriu intensas reduccións demográficas anuais; as décadas dos corenta, sesenta e oitenta, saldáronse con taxas de crecemento anuais do -1,83%, -1,28% e -2,15%, respectivamente, mentres que as décadas dos cincuenta e dos setenta, con minguas anuais do -0,09% e do -0,67%, respectivamente. Só a principios dos noventa se rexistrou unha certa recuperación orixinada polo retorno de antigos emigrantes e por unha reducida inmigración procedente dos concellos veciños, de xeito que a súa poboación medrou entre 1991 e 1996 nunha media do 0,55% anual. Esta segunda fase constitúe un reflexo da intensa pegada da emigración, sobre todo, en momentos concretos: a reactivación de Arxentina como destino dos galegos emigrados e a aparición da Europa Occidental, as rexións industrializadas españolas e, no propio país, as cidades de Vigo e Ourense como novos espazos receptores de inmigrantes. Nos inicios do s XXI mantense este crecemento demográfico cifrado no 1,85% entre 2001 e 2007. Aínda sí, en 2006 o crecemento natural foi negativo (-9,2‰) froito dunha natalidade baixa (5,5‰) e unha mortalidade elevada (14,7‰), consecuencia do avellentamento da sociedade. Deste xeito os menores de 20 anos representan só o 13,1% do total demográfico, fronte aos maiores de 65 anos que supoñen o 30,31%; o grupo intermedio representa o 56,7%. A distribución por sexos amosa un gran desequilibrio a prol das mulleres, que constitúen o 52,55% da poboación fronte ao 47,44% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Celanova é do 45,4% (55,6% a masculina e 36,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 37,2% (47,3% a masculina e 28,4% a feminina) e a taxa de paro é do 18% (15% a masculina e 22% a feminina). En Celanova o sector primario preséntase como unha actividade relativamente modesta, pois só acolle o 9,1% da poboación ocupada. A superficie cultivada esténdese polo 24,47% do territorio municipal. Os principais cultivos son as plantas forraxeiras, as patacas e o millo. Os pastos ocupan o 16,32% da superficie do concello; sen embargo, malia a importancia da superficie destinada a pastos e cultivos forraxeiros, a relevancia do gando bovino é inferior á esperada en función deses usos, ao contar con 787 cabezas (2007), destinadas á produción de leite en explotacións familiares (cunha media de 15,4 vacas por explotación). Máis importancia posúe o gando porcino, do que se contabilizan 960 prazas reprodutoras e 2.530 de cebo (2005), repartidas en granxas adheridas en gran proporción á cooperativa COREN. A industria ocupa o 16,1% da man de obra, sobre todo nas industrias alimentarias (Embutidos O Fumeiro e Quesos Feijoo), ademais da factoría de elaboración de formigón (Hormigones Miranda Celanova). A construción emprega o 12,3% dos traballadores residentes no concello, que desenvolven a súa actividade laboral fundamentalmente na edificación local. O sector terciario é a actividade máis importante da economía local por volume de emprego, pois xera o 62,5% dos postos de traballo localizados nos abundantes comercios e servizos que atenden unha ampla área do extremo meridional de Galicia. Existen importantes servizos administrativos, como os derivados da súa condición de partido xudicial, a Fundación para o Desenvolvemento Comarcal da Terra de Celanova, a delegación da Administración Tributaria, Extensión Agraria ou o Rexistro da Propiedade. A principal vía de comunicación do concello é a estrada nacional N-540 que o comunica con Ourense e coa fronteira portuguesa. Outras estradas importantes son a comarcal OU-531 que o enlaza coa Cañiza e Xinzo de Limia, ademais doutras locais como son as de Allariz, Cartelle e Padrenda.
Historia
Terra de antiga ocupación, os primeiros poboadores de Celanova aparecen dispersos por toda a xeografía da bisbarra en diversos castros, como o do Furriolo, Castrillón, Mourillós ou Castromao. Este último, sito a 2,5 km da actual vila de Celanova, era considerado polos romanos como a capital dos coelernos, os primitivos habitantes da bisbarra celanovesa. A chegada dos romanos supuxo, ademais da imposición dunha nova lingua, a creación de importantes infraestruturas como a Via Nova, que unía Braga con Astorga, pontes como a do Freixo e miliarios como o do Cañón, o do Cristal ou o da Barxiña. Ademais, os primitivos celanoveses participaron na construción da ponte romana de Aqua Flavia, a actual Chaves, e estableceron no ano 132 d C un pacto de fidelidade con Roma. O propio nome de Celanova probablemente teña as súas orixes na denominación deste castro en época romana, Coelobriga, e non como a tradición atribuía á fundación dunha Cela-nova por parte de san Rosendo. Non obstante , a actual vila de Celanova ten as súas orixes na fundación no ano 936 dun pequeno cenobio por parte de san Rosendo no lugar de Villare, terra pertencente á súa familia, señores destas terras desde século e medio antes. As continuas doazóns que a fundación de san Rosendo recibiu nestes séculos non só permitiron que o primitivo cenobio se convertese nun mosteiro, senón que este se transformou no mosteiro máis importante de Galicia no que se refire ao numero de posesións, o que facilitou o desenvolvemento dunha aldea e posteriormente dunha vila que vivía por e para os frades. Celanova e a súa bisbarra reveláronse en dúas ocasións contra o poder absoluto do mosteiro bieito, unha durante as Guerras Irmandiñas, nas que destruíron as torres de Vilanova dos Infantes e de Milmanda, e outra a finais do s XVII, cando os veciños de varias aldeas se negaron a pagar as súas rendas e foi necesaria a intervención do exército para rematar coa súa oposición. Os ss XVI e XVII son, ademais, tempos de grande esplendor para o mosteiro e para Celanova; a vila creceu ata converterse nun importante centro de comercio nesta área e, asemade, a aparición da Virxe do Cristal en Vilanova dos Infantes acabou por transformar esta área nun novo centro de peregrinación. Non obstante , a chegada do s XIX supuxo importantes cambios na vida celanovesa. A desamortización puxo en venda numerosos bens do mosteiro, comprados polos comerciantes que ampliaron a vila cara ás antigas posesións bieitas. O edificio monacal converteuse en cuartel, cárcere, concello e escola dirixida polos Escolapios ata o ano 1921. As posesións do mosteiro tamén se dividiron e se crearon unha serie de concellos dependentes do partido xudicial de Celanova, onde se instalou un xulgado e tivo o seu propio representante en Cortes. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Celanova pertencían ás xurisdicións de Celanova (parroquias de Amoroce, Ansemil, Barxa, Bobadela, Cañón, Celanova, Fechas, Mourillós, Orga, Rabal e A Veiga), Milmanda (Alcázar de Milmanda e Milmanda), Paizás e Encomuíña (Casardeita e Freixo) e Vilanova dos Infantes (Castromao, Vilanova dos Infantes e Viveiro), ademais do couto redondo de Acevedo do Río. O señorío destas xurisdicións correspondíalle ao mosteiro bieito de Celanova, que exercía a súa autoridade nas xurisdicións de Celanova e Paizás e Encomuíña; ao conde de Monterrei, con poder sobre Vilanova dos Infantes; e ao marqués de Malpica, señor do couto redondo de Acevedo do Río e da xurisdición de Milmanda. Todas estas parroquias estaban representadas pola antiga provincia de Ourense. O sistema de administración señorial substituíuse, en aplicación da Constitución de 1812, por unha administración municipal: deste xeito creáronse os axuntamentos de Acevedo, Barxa, Celanova, Milmanda, A Veiga e Vilanova dos Infantes, ademais do partido xudicial de Celanova que os integraba a todos. Os devanditos concellos tiveron vixencia durante os períodos 1812-1814 e 1820-1823. Os decretos derrogatorios da Constitución, asinados polo Rei Fernando VII en 1814 e 1823, supuxeron a supresión do municipalismo, a restauración do Antigo Réxime e do seu sistema de administración señorial. En 1835, rehabilitado definitivamente o municipalismo, os concellos reducíronse a tres: Acevedo do Río (que integraba as parroquias de Acevedo do Río, Alcázar de Milmanda e Milmanda), Celanova (parroquias de Amoroce, Ansemil, Barxa, Bobadela, Cañón, Celanova, Fechas, Mourillós, Orga, Rabal e A Veiga) e Vilanova dos Infantes (parroquias de Castromao, Espiñoso, Freixo, Penela, Vilanova dos Infantes e Viveiro), incluídos no partido xudicial de Celanova. En 1860, as parroquias de Espiñoso e Penela segregáronse do concello de Vilanova dos Infantes para integrarse no concello de Cartelle; en 1927 o concello de Vilanova dos Infantes integrouse no de Celanova e en 1967 desapareceu o de Acevedo do Río, anexionado igualmente a Celanova. A situación xudicial viuse alterada ao perder entre 1965 e 1988 a súa condición de cabeceira xudicial en favor de Ourense, aínda que a recuperou a partir desta última data. A efervescencia política de fins do s XIX e principios do s XX tamén estivo presente en Celanova, onde xurdiron partidarios do agrarismo, das Irmandades da Fala, da CNT, sobre todo entre os comerciantes celanoveses, e do Partido Comunista. A Guerra Civil converteu o mosteiro nunha gornición militar e nun cárcere, onde morreron asasinadas numerosas persoas. Malia isto, os primeiros anos do s XX impulsaron economicamente a vila coa chegada do tren e a construción de estradas que a unen con Madrid e Ourense, mentres algúns concellos, como o de Vilanova ou Acevedo do Río, volvían estar baixo a súa xurisdición. Os anos sesenta son o momento do cambio, restáurase o mosteiro e nel se instala un instituto de bacharelato, a casa do concello e unha biblioteca pública.
Patrimonio cultural
Destaca o xacemento arqueolóxico de Castromao, recinto fortificado característico da época castrexa. Sobre o río Arnoia, no límite entre os concellos de Cartelle e Celanova, consérvase unha ponte romana que pertenceu á vía que unía Braga con Astorga. Na vila de Celanova, declarada Conxunto Histórico Monumental, sobresae o mosteiro barroco de San Salvador, declarado BIC en 1931. Convertido en igrexa parroquial, acolle o Museo Parroquial. No seu interior está a capela mozárabe de San Miguel, BIC desde 1923. Na capital do concello localízase a casa natal de Curros Enríquez, declarada BIC en 1976. O conxunto urbano de Vilanova dos Infantes aínda conserva o seu carácter medieval. Do primitivo castelo só se mantén a torre da homenaxe, declarada BIC en 1994. Preto desta vila está o santuario da Virxe do Cristal. Destacan tamén as áreas de Fontelo, da Virxe do Cristal, do monte Freixo e do monte da Cruz. Entre as festas que se celebran no concello destacan as das Marzas, en honor de san Salvador en marzo; da Madalena en Santa Eufemia en xuño; da Encarnación e San Roque no mes de agosto; e entre as romarías, a da Virxe do Cristal en setembro; da Virxe da Armada en San Salvador de Rabal en de setembro; e a de San Cibrao en Acebedo do Río. En honor de san Marcos celébrase en Gandarela (Castromao) a festa dos Ovos Cocidos.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Terra de Celanova |
| Extensión | 67 Km2 |
| Poboación Total | 6104 h |
| Poboación Homes | 2896 h |
| Poboación Mulleres | 3208 h |
| Densidade de poboación | 91.1 h/Km2 |