Celastrina
Celastrina
[ANIMAL/ENTOM]
Xénero de lepidópteros da familia dos licénidos, de bolboretas de pequeno tamaño, con antenas negras e con aneis brancos moi finos, coa parte superior das ás de cor azul metálica, cunha marxe negra, estreita no macho e moito máis ancha na femia, e coa parte inferior das ás de cor crema. Teñen un voo rápido e aparecen formando grupos en solos húmidos. Os ovos teñen forma discoidal e as eirugas son anchas coas beiras aplanadas, de cor verdosa, con liñas laterais esbrancuxadas. Aliméntanse de flores, froitos, gromos de hedras e de acivro, e poden desenvolverse en simbiose con formigas. Inverna en fase de crisálida. En Galicia está presente a especie C. argiolus.