Celestina, La
Obra do século XV que consta de vinte e un actos composta por Fernando de Rojas a partir dun texto anónimo quizais de Rodrigo de Cota. A primeira edición conservada (Burgos, 1499) consta de dezaseis actos cos seus respectivos resumos preliminares e leva por título Comedia de Calisto e Melibea. Á seguinte edición (Toledo, 1500) engadíronselle os textos preliminares (carta do autor a un amigo, versos acrósticos co nome do autor, íncipit, argumento de toda a obra e versos finais de Alonso de Proaza). Arredor do 1500 e 1502, inseríronse novos actos e cambióuselle o título por Tragicomedia de Calisto e Melibea. En canto ao seu xénero, o carácter de peza dramática parece impoñerse pola súa estrutura en actos e a total ausencia de partes propiamente narradas; pero a súa extensión e, sobre todo, o seu modo particular de plasmar o paso do tempo fan pensar na forma novelesca. A acción dramática iníciase cun acontecemento fortuíto: Calisto entra no horto de Melibea perseguindo unha ave de caza; ambos os dous entablan un diálogo que deriva nun intento de conquista amorosa. Todo parece apuntar á rápida e feliz conclusión, pero pronto se levantan obstáculos entre os dous. O conflito dramático da obra resulta, pois, do enfrontamento entre elementos aliados e adversarios para o triunfo do amor: os criados, Sempronio e Pármeno, e a vella alcaiota Celestina. Xunto ao tema do amor, a morte está presente dende o comezo nas réplicas dos personaxes, que repiten unha e outra vez a súa consciencia do home como ser avocado á morte. De aí a continua insistencia no desexo renacentista do carpe diem, de aproveitar os goces fugaces da vida. Pero, na fin do relato, a traxedia imponse, a morte alcanza os protagonistas e trúncase o triunfo do amor: Celestina morre a mans dos criados por non querer repartir as súas ganancias; estes, pola súa banda, son axustizados polo crime; Calisto perde a vida ao caer dende o muro do horto de Melibea; e esta, ante a perda do seu amado, suicídase en presenza do seu pai, Pleberio, quen, co seu pranto final, reforza o triunfo da morte sobre o amor. Deste xeito, a obra funde os tres topoi medievais -amor, fortuna e morte- e anuncia a nova sensibilidade renancentista. No aspecto formal, constitúe a expresión sintética de dúas concepcións do mundo opostas: o heroico fronte ao prosaico, o idealismo fronte ao realismo; nela mestúrase o estilo culto e retórico, e a linguaxe popular, no marco de dous xéneros, a comedia (pola forma dialogada e o contido cómico) e a traxedia (polo tráxico final). Ademais da finalidade estética, o autor manifesta un fin didáctico e moralista, propio da literatura medieval na que se insire esta obra: ensinarlles aos amantes cómo escapar da catividade de amor e non caer nos enganos de alcaiotas e falsos serventes. En xeral, esta peza dramática reflicte a incompatibilidade entre o mundo de ficción medieval e a novela realista, ao parodiar o prototipo de amante cortés, figura imposible nun mundo de prostitutas, criados, pícaros e alcaiotas, e condenado, irremediablemente, ao fracaso e á morte.