celta
(< lat celta)
-
adx
Relativo ou pertencente ao pobo ou ás linguas celtas.
-
s
[ETN/HIST]
Individuo do pobo celta.
-
s
m pl
[ETN/HIST]
Pobo de orixe indoeuropea que posiblemente se individualizou do tronco común precéltico no II milenio a C en Centroeuropa nunha área delimitada polo Rin, ao N, e o Danubio, ao S. A orixe deste pobo resultou da evolución autónoma da cultura de túmulos do Bronce centroeuropeo (ss XVI-XIV a C), que, na transición do Bronce final cara ao Ferro inicial desenvolveu a cultura dos campos de urnas (ss XII-VIII a C) e, nos ss VII-VI a C, a cultura hallstáttica, verdadeiro precedente dos celtas. Logo dun proceso de consolidación (cultura latenense dos ss V-III a C) e expansión por Italia, os Balcáns, Asia Menor, Francia, Bélxica, Illas Británicas e a Península Ibérica, comezou outro de retroceso a partir do s III a C debido á presión dos xermanos e dos romanos. Os celtas continentais desapareceron no s I a C, romanizados ou absorbidos por outros pobos; a partir desa data só perviviron trazos celtas nas Illas Británicas. Logo dunha revalorización do pasado celta en Europa, as primeiras investigacións científicas sobre o pobo celta realizáronas Hans Hildebrand en 1872 e Gabriel de Mortillet en 1875 a partir da documentación arqueolóxica. A raíz das investigacións realizadas por John Collis, recollidas en The European Iron-Age (A Idade de Ferro europea, 1984), ou por David Hill e Caroline Overy, difundiuse unha nova concepción dos celtas distinta da tradicional visión unitaria, uniformizadora e homoxénea. Esta nova interpretación parte da crítica do discurso tradicional que identificaba nun mesmo pobo os ritos funerarios das tumbas principescas, a sociedade descrita nos textos irlandeses e a arte clásica de La Tène, que son procesos diacrónicos e distanciados no espacio. Este discurso ten a súa orixe nas fontes clásicas (Hecateo de Mileto, primeiro autor que recolleu o nome, Polibio, Posidonio, Xulio César, Tito Livio ou Tácito), que identificaron no conglomerado de pobos celtas certa semellanza por oposición á civilización mediterránea, proceso parecido ao dos colonizadores europeos con respecto á diversidade étnica e cultural da América prehispánica.
Os celtas en Europa
O problema das orixes
As poboacións celtófonas deberon constituír un dos principais compoñentes étnicos da Europa protohistórica a partir do II milenio a C; sen embargo, non é doado identificalos correctamente dentro do mosaico de culturas arqueolóxicas centroeuropeas dese momento. A chamada cultura dos túmulos (ss XVI-XIV a C) é un precedente, pero non debe asimilarse coa cultura celta posterior. O caso da cultura dos campos de urnas (ss XII-VIII a C) é semellante; a súa gran difusión dende a Península Ibérica, onde se identifica arredor do s IX a C, ata a Europa central posiblemente indique unha heteroxénea composición étnica que inclúe outros grupos diferentes do celta. Neste sentido, cómpre salientar que a cultura dos campos de urnas na Península non vai acompañada doutros elementos celtas, que aparecen tardiamente no rexistro arqueolóxico peninsular (s IV-III a C). Foi na transición do Bronce final cara ao Ferro inicial cando apareceron en Centroeuropa os primeiros elementos que anunciaban a constitución dunha cultura marcadamente celta: a desintegración da vella estrutura social aparentemente igualitaria que deu lugar á formación dunha clase privilexiada (guerreira) que, a partir dese momento, foi un elemento determinante da nova estrutura social. Esta nova fase, que sucede á cultura dos campos de urnas e que comeza no s VII a C, é a cultura hallstáttica (epónimo da necrópole de Hallstatt, Austria) que se divide en dous grupos: occidental, de compoñentes celtófonos, e oriental, que semella corresponder por completo a pobos non celtas. Neste sentido, é no marco da cultura hallstáttica occidental (caracterizada pola orixe e difusión da metalurxia do ferro, pola coexistencia xeneralizada dos ritos funerarios de inhumación, e incineración e pola consolidación dunha estrutura social xerárquica) onde hai que buscar a orixe da cultura latenense.
A expansión e consolidación da cultura latenense
No s V a C produciuse unha quebra na sociedade hallstáttica provocada, ante todo, polas súas contradicións internas e posiblemente estimulada por factores externos, como o empeoramento do clima. A comezos do s IV a C esta desintegración produciu importantes movementos de grupos humanos, de desigual importancia e homoxeneidade (colonos, aventureiros, etc), cara ao mundo mediterráneo e cara ao leste. Este movemento expansivo, que se apoiaba en núcleos tribais a través dos que se desprazaban os grupos humanos, tivo o seu momento culminante no s III a C. A sociedade celta nesta fase expansiva era xerárquica, estaba dominada por unha clase militar e a poboación estaba diseminada en pequenas aglomeracións baixo o mando dun xefe; así mesmo, as diferencias sociais sobresaían máis nos homes ca nas mulleres. Esta época, que se considera clásica dentro da historia do pobo celta, entrou nunha nova crise cando o mundo latenense tivo que repregar sobre si mesmo dando orixe, feito que deu orixe ao nacemento de novas clases sociais e dunha nova ordenación espacial do territorio.
O declinar dos celtas continentais
A detención da expansión céltica faise irreversible trala derrota de Telamón (225 a C). A partir dese momento sucedéronse unha serie de acontecementos decisivos para a desintegración da koiné céltica: as tribos galas comezaron a someterse á dominación romana e aumentou a presión romana na fronteira sudoccidental dos territorios célticos do Danubio e dos pobos xermánicos polo norte. As transformacións do mundo céltico durante o s I a C, que tiveron como máxima expresión a aparición dos oppida (aglomeracións urbanas primitivas moi fortificadas), naceron como consecuencia do propio desenvolvemento das estruturas económicas internas, concretamente no paso do troco ao cambio monetario, que deron orixe a unha nova sociedade dominada pola oligarquía e o sistema de clientelas. O desmembramento do mundo céltico continental a finais do s I a C contraponse ao xurdimento dun novo foco céltico de grande importancia, os celtas insulares, que perduraron ao longo dos séculos posteriores e deixaron unha fonda repercusión na arte medieval insular.
Presencia dos celtas en Galicia: un mito historiográfico
Deixando á parte a cuestión dos campos de urnas, que se detectan a partir do s IX a C no territorio da actual Catalunya e norte de Castelló, a presenza celta na Península Ibérica é máis ben tardía (IV-III a C); influíu, sobre todo, no pobo celtibero e quedou como paradigma cultural o xacemento das Cogotas I.
A mítica orixe celta do pobo galego
Dende a primeira metade do s XIX tomáronse as investigacións celtas como instrumento político: o celtismo foi unha peza clave desa construción nacional. O elemento celta pasou a ser considerado o fundamento do feito diferencial galego. O primeiro destes historiadores foi Verea Aguiar, os seguintes foron Vicetto, Murguía e, xa no s XX, López Cuevillas. Non obstante , a información que usaron eses historiadores para afirmar a presenza do pobo celta en Galicia, non é concluínte á luz dunha investigación científica e rigorosa. Para estudar a poboación prerromana da Gallaecia disponse das fontes clásicas (Estrabón, Pomponio Mela, Plinio ou Ptolomeo), das inscricións realizadas durante a romanización en lingua latina e, por último, dos datos achegados pola arqueoloxía.
As fontes clásicas con respecto a Galicia
Os escritos de autores clásicos referidos á poboación galega prerromana son moi escasos e limítanse a enumerar o nome dos pobos cunha localización moi pouco precisa. Estrabón, na súa Xeografía descritiva (capítulo 3,3,5), afirmaba que no cabo Nerion (Touriñán) vivían os célticos (keltikoi); sen embargo, ao longo da súa obra refírese aos celtas co nome de keltoi, que empregaba ao falar dos beróns e dos celtiberos. Pomponio Mela, na súa Chorographia (capítulos 3,10 e 3,13), indica que os habitantes da fachada atlántica peninsular, ao N do Douro, eran os grovios (grovii) e os célticos (celtici); así mesmo, constata (no capítulo 3,47) que eses celtici eran os mesmos que habitaban o sur da Bética. Plinio, na súa Historia natural (capítulos 3,28 e 4,111), mantén que existen tres tribos de célticos: na costa da Morte sitúa os célticos nerios (celtici neri); ao N do Tambre, os célticos supertamaricos (celtici supertamarici); e na península do Barbanza, os célticos prestamaricos (celtici praestamarici). Así mesmo, recoñece o mesmo pobo de célticos na Bética e na Lusitania. Por último, Ptolomeo, na súa Guía xeográfica (capítulo 2,4,11), menciona unicamente unha cidade dos célticos da Bética (Baitikon keltikon). Pódese afirmar, pois, que todos os autores clásicos, agás Ptolomeo, falan duns pobos galaicos chamados celtici. Se ese nome significase que tales pobos eran celtas, teríase que concluír que na Gallaecia houbo algúns pobos celtas (outros non), así como na Bética, na Lusitania, en La Rioja, na Meseta e, por último, que os “celtas” da Gallaecia eran descendentes dos do Baixo Guadiana; isto é, a Gallaecia non se distinguiría por ser celta e, polo tanto, non sería ese un elemento diferenciador da súa identidade histórica. Ademais, o nome celtici non quere dicir que sexan celtas; as dúas hipóteses máis solventes que se defenden na actualidade argumentan o contrario. A primeira sostén que celtici é un nome creado polos grecorromanos para designar eses pobos (do mesmo xeito que crearon celtiberi para os celtiberos), debido á afinidade dos pobos galaicos da costa occidental cos celtas; sen embargo, como indica Javier de Hoz, esa semellanza debía ser residual, por iso os designaron co sufixo -icus (celticus), que equivale a ‘celtoide’ (que semella celta). A segunda hipótese, defendida por Jürgen Untermann, mantén que celtici era o nome que os indíxenas se daban a si mesmos, feito que probaría a existencia na Hispania dunha raíz kelt- ou celt- coa que se formaron nomes de pobos e de persoas nun proceso que non se relacionaba co que sucedía alén dos Pireneos.
As fontes epigráficas galaico-romanas procedentes da Gallaecia
Trátase de inscricións en pedra, en lingua latina, que comezan a facer os indíxenas (ás veces os romanos) pouco despois da conquista e que conteñen mencións de nomes de pobos e de persoeiros indíxenas. O primeiro obstáculo á hora de empregar a epigrafía consiste en que as inscricións non nos transmiten palabras da lingua común, senón palabras que pertencen a subrexistros lingüísticos que se manteñen á marxe da lingua de uso normal: teónimos, etnónimos e antropónimos, ou, en menor medida, orónimos e hidrónimos. Con todo este corpo epigráfico, os filólogos puideron illar unha serie de trazos dos que é dirimente a conservación do p- inicial. O resultado das investigacións falan dunha lingua indoeuropea (a lusitana ou lusitano-galaica) testemuñada entre o Douro e o Miño e no val do Támega, que segundo Untermann ou Búa é celta, mentres que para Schmidt ou Gorrochategui é protocelta. Non obstante , ao N do Miño o panorama é diferente: hai nomes de pobos, divindades e persoas que ben poderían ser celtas, pero, ao seu carón, hai outros que non o son.
O rexistro arqueolóxico da cultura castrexa
Malia que apenas hai material arqueolóxico procedente dos castros galegos que se poida certificar como celta, neste campo conviven dúas escolas enfrontadas. Investigadores como Antonio De la Peña Santos ou Francisco Calo Lourido sosteñen posturas opostas á presenza dos celtas en Galicia. Así, para De la Peña Santos a cultura castrexa é o resultado dunha evolución autóctona a partir dos elementos propios do Bronce final; Calo Lourido, pola súa banda, logo de estudar a arte castrexa, conclúe que é unha manifestación tardía (en contacto co mundo romano) e que presenta máis semellanzas formais co mundo mediterráneo ca co céltico. A postura celtista deféndea, entre outros investigadores, Marco V. García Quintela, máis centrado na análise da estrutura social e relixiosa ca na cultura material. Para estes últimos, a sociedade galaica estaba dominada por unha caste guerreira e o panteón galaico era o celta. Estas hipóteses, sen embargo, foron rexeitadas por Pereira Menaut ou De la Peña Santos aducindo que se basean en analoxismos fragmentarios e dificilmente sustentables co rexistro arqueolóxico castrexo (estrutura corrida no interior das cabanas, pedras fermosas, etc). Dúas propostas celtistas, pero diferentes ás que se veñen defendendo tradicionalmente en Galicia, son as que sosteñen Martín Almagro Gorbea, que defende unha ‘celticidade acumulativa’ na Península Ibérica irradiada a partir da cultura das Cogotas I, e a de Marisa Ruíz-Galvez Priego, quen outorga un elevado protagonismo ao papel das relacións atlánticas e ao lusitano na configuración do Ferro noroccidental mantendo unha continuidade poboacional dende o Neolítico.
A xenética histórica de poboacións: a última achega ao longo debate
Nos últimos anos estase a desenvolver unha nova liña de investigación: a xenética aplicada á historia das poboacións. Segundo os primeiros resultados difundidos por Ángel Carracedo, existe unha certa diferenza entre a área norte-centro de Galicia por unha parte e a sur de Galicia-norte de Portugal; diferenza que groso modo coincide coa mesma área establecida pola lingüística e a arqueolóxica; sen embargo, disto non se pode deducir que unha metade da Gallaecia fose X (celta ou o que se queira) mentres que a outra fose non-X.
Celtas: un pobo, unha lingua?
A investigación histórica demostrou en repetidas ocasións que a ecuación un pobo igual a unha lingua é máis ideolóxica que constatable na realidade material das sociedades históricas. Quere dicir, non é posible establecer unha ecuación ‘celta = lingua A, relixión B, costumes C, organización social D, etc’; lingua, relixión, organización sociopolítica, etc, son clases diferentes de fenómenos e ningún deles vai necesariamente unido aos outros: o mesmo pobo pode ter diferentes relixións e dous pobos distintos poden ter a mesma relixión. Neste sentido, dos resultados da investigación histórica, arqueolóxica, lingüística e xenética, pódese afirmar que foron os romanos os primeiros en percibir a identidade diferenciada da Gallaecia. Ao rematar a conquista da Península Ibérica tiñan que organizar as rexións e os pobos, creando provincias e outras demarcacións necesarias para o goberno e administración. Ao facelo procuraron respectar as entidades históricas existentes, e con respecto ao noroeste peninsular, atoparon que os pobos indíxenas se distinguían doutros pobos peninsulares por unha cultura arqueolóxica propia (cultura castrexa); que entre eles se distinguían por fenómenos lingüísticos (o convento bracarense apuntaba cara a unha afinidade co lusitano mentres os conventos do norte non), por usos particulares que só se poden apreciar indirectamente a través da epigrafía e atoparon unha forma de organización social, territorial e política que non tiña paralelo no resto do Imperio: o sistema do castella, que encabezaba subdivisións territoriais e políticas dentro de cada pobo. -
arte celta
Manifestacións artísticas producidas polo pobo celta, principalmente pola civilización de La Tène. A súa produción limítase a pequenos obxectos como pezas de ourivería, louza, moedas ou armas. A arquitectura celta foi funcional e non tivo un interese artístico ou estético, ademais, moitas das construcións realizáronse en madeira, feito que impediu a súa conservación. O estudo da arte celta produciu diversos debates historiográficos tendentes ao establecemento dunha periodización e dunha caracterización dos obxectos conservados. Aceptouse a división realizada por Paul Jacobsthal en 1944 para o que el mesmo denominou Early Celtic Art (arte celta antiga) e que se estendeu dende o s V a C ata finais do s II a C. O primeiro estilo, Early Style, amosou pezas de ouro con motivos decorativos mediterráneos como as follas de acanto; o segundo estilo é o de Waldalgesheim, xacemento renano onde se atoparon un gran número de pezas, e que se caracteriza pola decoración vexetal; o terceiro período divídese en dúas fases sucesivas: o estilo plástico, onde adquire maior importancia a figuración tanto antropomórfica como zoomórfica, e o estilo das espadas húngaras, con decoración abstracta e lineal. As manifestacións celtas das Illas Británicas amosan unha periodización semellante á continental: unha primeira fase de formación, dominada polas influencias etruscas e que se estendeu durante o s V a C e principios do s IV a C; unha segunda fase que abrangueu o s IV a C, caracterizada polos motivos decorativos gregos; un terceiro período durante os ss III e II a C, que reinterpreta os motivos da fase anterior; e a cuarta e última fase de máximo esplendor, s I a C, que se caracteriza por un estilo diversificado.
-
linguas celtas
[LING]
Familia de linguas indoeuropeas pertencentes ao grupo céltico, situadas no extremo occidental de Europa, pero que antigamente ocupaban unha área máis extensa. Diferéncianse dous grandes grupos, segundo as épocas: o celta continental e o celta insular. O celta continental, testemuñado na Antiguidade e extinguido cara ao 500 d C, estaba representado polo galo, o lepóntico, o celtibero e o galaico-lusitano. O celta insular, coñecido polas fontes escritas a partir do s VIII, subdividiuse en goidélico, ou gaélico, e britónico. O primeiro grupo comprende o irlandés (ou gaélico de Irlanda), falado principalmente na Irlanda occidental, o escocés (ou gaélico de Escocia), falado sobre todo na Escocia occidental, e o manx, lingua gaélica da illa de Man, que se extinguiu como lingua natural no s XX. O britónico inclúe o galés ou cámbrico, de gran difusión en Gales, o córnico, lingua de Cornualla extinguida como lingua natural no s XVIII, e o bretón, falado na Bretaña occidental, e que deriva da lingua falada en Gales e Cornualla levada no s VI a C á Bretaña francesa. Estes dous últimos grupos, o goidélico e o britónico, diferéncianse pola distinta evolución de cada un dos grupos de sons labiovelares indoeuropeos: no primeiro grupo transformáronse en labiais (*k w > *p: galés pwy ‘quen’, pedwar ‘catro’) polo que se denomina goidélico ou celtas P, e, no segundo grupo, mantivéronse, nun principio, inalterados e, máis tarde, convertéronse en velares (*k w > *k: irlandés cía ‘quen’, cetheoir ‘catro’) polo que se denomina britónico ou celtas Q. Edward Lhuyd foi o primeiro en demostrar o parentesco lingüístico entre as distintas linguas celtas de todos os tempos (Archaeologia Brittanica, 1707). Xa na época romana hai testemuños da semellanza entre a lingua gala e a britónica (Tácito, Agricola 11). Segundo Xulio César, os galos denominábanse a si mesmos celtae. Os lingüistas do s XIX (J.C. Zeuß, Grammatica celtica 1853) chamáronlle a ese grupo linguas celtas, malia que os falantes goidélicos e britónicos descoñecían tal denominación (celta só quere dicir ‘galo’ en galo). Consecuentemente, a lingua nai deste grupo recibiu a denominación de protocelta. En canto ás características lingüísticas das linguas celtas, pódese establecer que as súas regras de pronuncia son moi complexas: polo xeral a escrita non se corresponde coa pronuncia e as consoantes iniciais varían segundo o fonema último da palabra anterior (p ex: irlandés fuil ‘sangue’, mentres que ar bhfuil ‘o noso sangue’; en galés tad ‘pai, mentres fy nhad ‘meu pai’). A morfoloxía non pode recuperarse de todo, xa que os documentos do celta continental están incompletos e as linguas do celta insular parecen derivar de dialectos distintos. Así, por exemplo, os pronomes non están ben documentados no celta continental e no insular evolucionaron analoxicamente, a través da interacción coas desinencias verbais e por mor da redución fonética, especialmente en sílaba átona. Todas as linguas celtas empregan o alfabeto latino, posúen dous xéneros, masculino e feminino, e o adxectivo xeralmente vai detrás do substantivo. Polo tanto, se se ten en conta a precariedade coa que se testemuñan as falas celtas continentais, as evolucións fonéticas resultan ser o argumento principal para avaliar un determinado material lingüístico como celta. Os indoeuropeístas identificaron os seguintes trazos fonéticos presentes en todas as linguas celtas e, polo tanto, atribuíbles ao protocelta:
a) as oclusivas sonoras aspiradas indoeuropeas (IDE) perderon a aspiración: *bh > celt *b; *dh > celt *d; *gh / g’h > celt *g; *g w h > celt *g w .Ex: IDE *bhr8g’h-(eH 2 ) ‘outeiro’ > antigo irlandés (airl) brí, galés bre, galo Litano-briga; IDE *g w hedh-jeH 2 ‘rogo’ > airl guide, gal. gweddi. b) o *p IDE asimilouse a *k w na mesma palabra (*p...k w > celt. *k w ...k w ). Ex: *penk w e ‘cinco’ > celt. *k w enk w e, airl cóic. Non obstante , nun momento posterior perdeuse en posición inicial e intervocálica. Ex: *pH 2 ter ‘pai’> galo atir, airl athair; *upo ‘embaixo’ > *wo > airl fo, galés guo-.c) a labiovelar sonora IDE *g w pasou a *b, fronte ós demais fonemas da mesma serie que se mantiveron como labiovelares (*k w > *k w e *g w h > *g w ). Ex: *g w ow- ‘boi’, ‘vaca’ > airl bó, galés buch; *ek’wo- ‘cabalo’ > airl ech, galés ebol, galo Epona teón; *g w hedh-jeH 2 ‘rogo’ > airl guide, galés gweddi. Posteriormente o fonema celta *k w pasou a p (linguas celtas P), fronte ás demais chamadas celtas Q. Ex: celta *k w enk w e ‘cinco’ > galo pempe, galés pimp / airl cóic; celta *-k w e ‘e’ > lepóntico -pe / celtibero -que, airl arcaico -ch. d) as soantes IDE *r8, *l8 ante oclusiva pasaron a ri, li. Ex: *bhr8g’h-(eH 2 ) ‘outeiro’ > airl brí, galés bre, galo Litano-briga; *pl8tH 2 -no- ‘chan (adx)’> airl lethan, galo Litano-briga. e) as soantes IDE *r8, *l8 ante non oclusiva pasaron a ar, al. Ex: *kr8so- ‘que corre’, ‘carro’ > airl carr, galés medieval car(r), galo Carro-; *g w l8-n-H- (tema de resultativo en nasal da raíz *gwelH- ‘morrer’) > airl at-baill, galés ballu. f) as soantes IDE *m8 , *n8 pasaron a am, an. Ex: *(d)k’m8 tom ‘cen’ > galés cant, airl cet; *n8m(e)n- ‘nome’ > airl ainmm, galés antigo anu, bretón ano. g) IDE *e pasou a i. Ex: *reg’-s > airl rí, galés rhi, galo -rix. h) IDE *o en sílaba non final pasou a *a e, en sílaba final, a *u. Ex: *moro- ‘grande’ > airl már, galés moderno mawr, galo -maros; *-o (terminación da primeira persoa singular, desinencia primeiro tema) > airl -biur ‘levo’
-
literaturas celtas
[LIT]
Conxunto das literaturas cultivadas polos pobos celtas. A cultura céltica, malia a falla de unidade política, desenvolveuse sobre un mesmo fondo relixioso e lingüístico, que constituíu a base para a aparición dunha tradición literaria común. As castes profesionais dos druídas, bardos e xurisconsultos que exercían as funcións de sacerdotes ou narradores, foron os aglutinantes dunha tradición folclórica e relixiosa na que se reflectía a estrutura social dominada por unha clase guerreira. A literatura, expresión (oral ata a cristianización) deste fondo lendario común, naceu sobre un conxunto de elementos marabillosos, entre relixiosos e máxicos, e creou mitos, lendas e personaxes que co tempo se incorporaron á literatura medieval europea. A romanización reduciu a área da civilización céltica e creou a base sobre a que se formaron os pobos e, con eles, as literaturas célticas modernas: Irlanda, o País de Gales e Escocia (Bretaña formouse posteriormente). Despois da cristianización, as literaturas célticas enriquecidas con novos mitos (o Rei Artur, san Patricio) abríronse a influencias clásicas e orientais chegadas a través da patrística. Ao mesmo tempo, a introdución do alfabeto latino, as influencias das escolas de retórica grecolatina e a imitación da métrica eclesiástica renovaron as técnicas narrativas. A coexistencia de elementos marabillosos co clásico e co cristián foi a nota dominante deste período. Entre as obras literarias máis importantes destacan os Mabinogion de Gales e a epopea irlandesa Tain (s VII), aínda que o esencial desta literatura se conserva en manuscritos de finais do s XI ou comezos do XII. As invasións saxonas determinaron no s VI a emigración de celtas cara á Armórica e a formación da Bretaña. Aínda que a literatura bretoa non adquiriu un gran desenvolvemento, transmitiu á literatura francesa medieval moitas das lendas célticas, especialmente as enmarcadas dentro da materia de Bretaña. No s IX, as invasións provenientes de Escandinavia puxeron de novo en perigo a cultura céltica e, como resultado, xurdiu un novo florecemento literario que renovou a tradición das diferentes literaturas célticas: a bretona, a gaélica, a gala e a córnica.