Celtas sen filtro

Celtas sen filtro
[ESPECT]

Espectáculo teatral producido e realizado polo grupo Artello a partir de textos de Xosé Luís Méndez Ferrín e do propio colectivo, con dirección de Eduardo Alonso, coreografía de Roberto Daste, música de Luís Carro e un elenco integrado por Alfonso Agra, Rosa Álvarez, Ernesto Chao, Antonio Durán Morris, Rosa Hurtado e Manuel Pombal. O espectáculo tiña unha orientación crítica e ofrecía unha visión aceda da realidade galega dos primeiros oitenta, a partir do descubrimento de petróleo debaixo do Pórtico da Gloria. Estruturábase en pequenas escenas e números musicais, e presentaba, con trazos por veces grotescos, a situación de penuria teatral que vivía o país, as carencias dos intelectuais, o rol dos medios de comunicación, a pobreza moral da clase política e do clero, os tópicos dos partidos da esquerda e as miserias dos cidadáns. Estreouse o 27 de xuño de 1983.