censor -ra

censor -ra

(< lat censore)

  1. s m [HIST]

    Maxistrado romano elixido por parellas polos comicios centuriados para un período de cinco anos a partir do ano 209 a C. Encargábanse de realizar o censo ou rexistro dos cidadáns e dos seus bens. Gozou de grande influencia pola súa función de gardiáns dos costumes, o que supoñía na práctica a posibilidade de excluír do Senado os cidadáns segundo o seu comportamento moral. O cargo, establecido no 443 a C, creouse para separar os cónsules do mantemento do censo e exercérono só os patricios ata o 351 a C; posteriormente permitiuse a participación doutros grupos na actividade pública.

  2. s

    Persoa que ten por encargo velar pola conduta dos demais, a observación dos estatutos, etc, nunha comunidade, nunha sociedade ou similar.

  3. s

    Persoa que censura o contido dos medios escritos ou audiovisuais.

    Ex: O censor non permitiu que se visen as imaxes máis escabrosas da película.

  4. s

    Persoa que xulga e critica os demais.

    Ex: Anda de censor pola vida e a súa éche das máis criticables.

  5. censor de contas [DER]

    Persoa nomeada pola xunta xeral dunha sociedade anónima para someter ao seu criterio a aprobación da documentación e contabilidade presentada polos administradores da sociedade.

  6. censor xurado de contas [DER]

    Profesional contable colexiado con funcións de auditoría e inspección de contas e balances e doutros documentos contables.

Palabras veciñas

1 censo | 2 censo | Censo de Floridablanca | censor -ra | Censor, El | Censor, El | censorado