centeo -a

centeo -a

(< lat centēnu < latcentu ‘cento’)

  1. adx

    Aplícase á fariña ou ao pan de centeo, ou á palla deste cereal.

    Ex: Comprou fariña centea para facer un pan de mestura.

  2. s m [PLANTA]

    Herbácea anual ou vivaz, de ata 2 m de altura, que presenta en cada talo unha soa espiga moi compacta, formada por espiguiñas de dúas flores fértiles, con glumas cunha aresta de 2 a 6 cm. O seu cultivo principiou nos Balcáns hai uns 6.500 anos, probablemente a partir das especies silvestres Secale montanum, de Afganistán, e Secale anatolicum, de Turquía. Distínguese doutros cereais, como o trigo ou o orxo, por ser unha planta heterógama que precisa da polinización cruzada; esta característica ten implicacións na viabilidade das sementes dunha xeración a outra. É moi resistente ao frío, á aridez do chan e ás malas herbas, polo que se adapta e frutifica en ambientes de montaña de ata 1.800 m de altitude, e mesmo chega ao círculo Polar Ártico. O seu cultivo, que non precisa apenas coidados, é optimo en solos acedos, areosos e ben drenados. Cultívase, sobre todo, no hemisferio norte, especialmente en Rusia e Ucraína, países dos que depende un terzo da produción mundial. En España a comunidade con maior produción é Castela-León. Unha das súas enfermidades máis comúns é o cornizó, un fungo que contén alcaloides de uso terapéutico e ergotamina empregada na síntese do LSD. As súas sementes presentan menos proteínas, potasio e vitaminas do complexo B cás doutros cereais, pero son ricas en calcio, ferro, fósforo, vitamina tiamina e aminoácido lisina. A fariña destas sementes dá un pan máis escuro, de sabor e cheiro máis forte ca o doutros cereais, e tarda máis en endurecer debido á ausencia de glute. Ademais, destas sementes obtéñense pensos para animais e bebidas alcohólicas logo dun proceso de malteado (rye whisky). En Galicia, o centeo recibiu a denominación popular de pan, e as terras galegas orientais de montaña onde predominou o seu cultivo chamábanse terras de pan. O xeito tradicional de cultivo podía ser en barbeito, alternado coa plantación de patacas, ou en cavadas. A borralla resultante conservábase sen espallar ata o momento da sementeira. Trala seitura e a malla, obtíñase o cereal e o colmo, que se empregaba para cubrir vivendas e construcións.

  3. s m

    Gran da planta do centeo.

Frases feitas

  • Mallar nun coma en centeo verde. Darlle unha tunda a alguén.

Refráns

  • Centeo alto ou baixo, en maio espigado, que, tardeiro ou temperán, en maio ha te-lo gran.

Palabras veciñas

Centenario, El | centenionalis* | Centeno | centeo -a | centesimal | centésimo -ma | centi-