Centro de Estudios Xacobeos

Centro de Estudios Xacobeos

Institución fundada en 1955 polo cardeal Quiroga Palacios co obxectivo de converter Santiago de Compostela nun foco de cultura relixiosa e ciencia eclesiástica. Con axuda do cóengo e profesor do seminario compostelán, Manuel Rey Martínez, o centro organizou varios congresos de ciencias eclesiásticas e estudios xacobeos, amais da publicación da revista Compostellanum, composta por catro fascículos anuais, dous dedicados aos estudios xacobeos e outros dous relacionados coa ciencia eclesiástica. Nun principio esta institución financiouse coas axudas do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), pero despois pasou a depender economicamente da diocese, polo que se reduciu o número de publicacións, congresos e demais actividades. A revista Compostellanum continuou a publicarse con certa regularidade, aínda que diminuíu o número de fascículos anuais e a súa temática centrouse máis nos estudios xacobeos. A este centro de estudios estiveron vinculados eclesiásticos, como Pérez Millán, Guerra Campos ou Salustiano Portela, e intelectuais, como A. Fraguas Fraguas, Moreno Báez ou Díaz e Díaz.