Centro Galego de Artes da Imaxe

Centro Galego de Artes da Imaxe
Nome científico: [CGAI]

Organismo dependente da consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e integrado dentro da dirección xeral de Comunicación Social e Audiovisual. O CGAI con sede na Coruña comezou a súa actividade pública o 15 de marzo de 1991 e contou, nos seus primeiros dez anos de existencia, con dous directores: José Antonio Coira (1991-1997) e Xosé Luís Cabo (desde 1998). A actividade do Centro desenvolveuse desde entón en diversos campos relacionados co mundo da imaxe: o cine, a televisión, a videoarte, a fotografía e, máis recentemente, a produción multimedia. Con este motivo, o CGAI organizou ou patrocinou seminarios, cursos ou congresos, exposicións fotográficas e videográficas, ciclos cinematográficos; publicou libros e colaborou con outras institucións na edición de catálogos e revistas; e restaurou, ademais, varios filmes producidos ou relacionados con Galicia. É membro asociado desde 1999 da Fédération Internationale des Archives du Film (FIAF), organización que agrupa as principais filmotecas do mundo. Desde o punto de vista da conservación cinematográfica, o Centro foise especializando na produción galega, histórica e contemporánea, así como naqueles materiais de ficción ou documentais, relacionados dun modo ou doutro con Galicia, como os materiais producidos por emigrantes galegos en calquera parte do mundo, sobre todo aqueles de carácter documental. Entre os títulos restaurados cómpre destacar: Miss Ledya (Xosé Gil, 1916), Nuestras fiestas de allá (Xosé Gil, 1928), Un viaje por Galicia (Luís R. Alonso, 1929) e Imaxes de Castelao (Elixio González, 1941-1973). O fondo arquivístico do CGAI complétase con arquivos videográficos, cartelísticos e fotográficos (10.000 unidades). Ademais o Centro ten cunha biblioteca, especializada en cine, fotografía e artes audiovisuais, que conta con máis de seis mil volumes. O CGAI mantén, desde a súa fundación, actividades públicas de proxección (unhas 200 ao ano) centradas na exhibición da produción audiovisual galega e do cine alternativo. Entre os ciclos máis importantes hai que destacar os dedicados a Akira Kurosawa, Wim Wenders, F. W. Murnau, Galegos no cine, Cine e islam, Arturo Ripstein, Buster Keaton, Jean Renoir ou Robert Bresson. No apartado de exposicións fotográficas impulsouse a difusión das obras e autores que conforman o patrimonio fotográfico galego; entre eles destacan as exposicións dedicadas a Manuel Vilariño, Vari Caramés, Schmidt de las Heras ou Ramón Dimas. Publicáronse catálogos específicos dalgúns ciclos e obras sobre o cine galego, como Documentos para a historia do cine en Galicia, Cinematógrafos en Compostela, Fontes e documentos sobre cine en Galicia nos arquivos da administración central, Ramón Torrado: cine de consumo no franquismo, La Parranda e outros guións inéditos e Antonio Román, director de cine. O CGAI desenvolveu un intenso labor a partir dos seminarios e talleres de imaxe Cero en Conduta, organizados desde 1993, dirixidos a profesionais do cine e da fotografía, e nos que se trataron temas como o do guión para series de televisión, a produción multimedia ou as relacións entre a fotografía e a arte contemporánea.