Centro Gallego de La Habana
Foi fundado en novembro de 1879 por un grupo de galegos interesados en unir os orixinarios de Galicia en Cuba co nome de Centro Gallego. Sociedad de Instrución y Recreo. Durante os primeiros vinte anos de existencia puxo en marcha varias seccións: a de instrución, que incluía unha escola, na que ademais da formación xeral había cursos de idiomas para os socios e unha pequena biblioteca cos primeiros libros en galego do Centro; a de recreo, que organizaba bailes e veladas literarias; as de lírica e filharmonía; e a de saúde, que daba servicios sanitarios aos socios. A independencia de Cuba provocou unha serie de melloras, como a compra dos terreos nos que se construíu o novo Palacio Social (1915) e a creación, en 1906, a instancias do Centro, da Caja de Ahorros y Banco Gallego. Nestes anos tamén se levou a cabo unha importante reforma dos estatutos da institución, coa creación de novas seccións e a reforma doutras xa existentes. A sección de sanidade creou o seu propio hospital na quinta, La Benéfica, adquirida entre 1893 e 1894, e un asilo de anciáns. A sección de cultura continuou coa escola primaria, que, a partir dese momento, pasou a chamarse Plantel Concepción Arenal, e proporcionaba clases nocturnas de confección, comercio e taquigrafía. A sección de belas artes ofrecía, ademais de clases de pintura e escultura, unha escola de música que chegou a ter rango de conservatorio. Tamén se crearon a sección de fomento e protección do traballo, encargada de buscar emprego e vixiar as condicións laborais dos galegos, e a sección de propaganda, destinada a aumentar o número de socios do Centro. O labor solidario do Centro non só se limitou aos galegos en Cuba, senón que, en numerosas ocasións, realizou importantes doazóns para melloras sociais en Galicia. Tamén se preocupou polo fomento e desenvolvemento da cultura galega por medio de doazóns que permitiron editar a Historia de Galicia de Manuel Murguía, a participación do orfeón El Eco Coruñés nun certame na cidade de Barcelona ou o establecemento dun monumento a Nicomedes Pastor Díaz en Viveiro. O Centro finalizou as súas actividades despois da Revolución Cubana, cando o labor sanitario e educativo do centro se fixo innecesario e o Palacio Social pasou a ser propiedade do pobo cubano.