Cerda
Familia nobre castelá descendente do infante Fernando de Castela, fillo primoxénito de Afonso X, coñecido polo alcume de El de la Cerda (morto en 1275). Os fillos Afonso e Fernando, herdeiros do monarca castelá, foron coñecidos como os infantes de la Cerda e perderon os dereitos sucesorios en favor do seu tío Sancho IV. Refuxiáronse nos dominios de Pedro II de Aragón no 1277 e, posteriormente, iniciaron unha loita pola sucesión á coroa castelá, a guerra dos Infantes de la Cerda, na que tentaron recuperar os seus dereitos. Esta liñaxe acabou coa filla de Luís de la Cerda, Isabel. O seu fillo Gastón de la Cerda (morto no 1404), segundo conde de Medinaceli, iniciou a segunda familia dos Cerda que tivo diferentes ramas: a dos duques de Medinaceli (extinguida en 1711), a dos condes de Paredes de Nava (extinguida no 1811), a dos marqueses de La Adrada (extinguida no 1731), a dos marqueses de La Rosa (extinguida no 1828) e a dos condes e duques de Parcent (a rama primoxénita extinguiuse no 1955).