Cerdedo

Cerdedo


Concello da comarca de Tabeirós-Terra de Montes, situado na provincia de Pontevedra no centro da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N co concello da Estrada, ap L co de Forcarei (Tabeirós-Terra de Montes), ao S cos de Cotobade (comarca de Pontevedra) e Forcarei, e ao O cos de Cotobade e Campo Lameiro (ambos os dous da comarca de Pontevedra). Abrangue unha superficie de 79,8 km 2 cunha poboación de 2.402 h (2007), distribuída nas parroquias de Castro, Cerdedo, Figueiroa, Folgoso, Parada, Pedre, Quireza e Tomonde. A capital municipal é a vila de Cerdedo, situada a 42° 31’ de latitude N e 8° 23’ de lonxitude O, 28 km ao NL de Pontevedra e 53 km ao S de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial da Estrada e á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O termo municipal de Cerdedo está baixo o dominio climático oceánico, aínda que a influencia marítima está atenuada pola altitude. As temperaturas son xeralmente frescas. A temperatura media anual é de 12,7°C. O mes máis frío é xaneiro con 7,9°C de temperatura media, mentres que os máis quentes son xullo e agosto con temperaturas medias de 19°C; a oscilación térmica é de 11,1°C. As temperaturas descenden coa altitude e aumenta o risco de xeadas. O período libre de xeadas oscila entre os 200 e 250 días ao ano. Os rexistros de precipitación son elevados, con 1.800 mm de media anual. A situación aberta á influencia dos ventos do SO e o efecto de pantalla pluviométrica que realizan os relevos montañosos provocan estas precipitacións. O réxime pluviométrico presenta o máximo no inverno, estación na que se recolle unha media do 36% da precipitación total anual, fronte só ao 10% que se rexistra no verán. Estes rexistros pluviométricos, como acontece cos térmicos, tamén están afectados polo gradiente de altitude, aínda que en sentido inverso, pois aumentan conforme as cotas se elevan, co que alcanzan os 2.000 mm nas áreas máis montañosas. Por mor do réxime de distribución estacional das chuvias, os solos acusan un feble déficit hídrico, restrinxido só ao mes de xullo. O concello de Cerdedo localízase no sector meridional da Dorsal Galega, o máis elevado de todo o conxunto. As súas características topográficas responden á súa denominación de Terra de Montes. Sitúase, en concreto, na vertente occidental da Dorsal. O conxunto montañoso disponse en anfiteatro; as maiores elevacións están no S (outeiro do Couto, no monte do Seixo, con 1.014 m), no L (outeiro de Couso, 712 m) e no N (montes Montouto, con alturas sobre os 700 m), mentres que cara ao O hai un descenso da altitude. A rede fluvial articúlase ao redor da conca do río Lérez, que logo dun curto percorrido en dirección meridiana atravesa o concello en dirección L-O. Recibe augas dos diversos ríos (Castro, Quireza) e regos (Seixo, Porto das Cubas) que nacen nas montañas. Na vexetación obsérvase unha gradación de especies. Predominan os piñeiros, algunhas repoboacións de eucaliptos e as especies ripícolas situadas ao redor dos cursos fluviais. Tamén hai especies autóctonas como o carballo e o castiñeiro, especialmente nas áreas de montaña. Nas zonas de maior altitude, hai monte baixo e matogueira.
Xeografía humana
A evolución demográfica experimentada polo concello de Cerdedo ao longo do s XX ten sido moi negativa. Ao comezo do século acollía unha poboación de 5.331 h, que no padrón de 1996 quedaran reducidos a pouco máis da metade (2.771 h). Desde o ano 1900 ata 1940 a poboación a penas variou no número total, aínda que baixou lixeiramente ata os 5.211 h. O elevado crecemento vexetativo que se rexistraba daquela no concello foi contrarrestado pola emigración masiva das xeracións máis novas, principalmente cara a Iberoamérica. Entre 1940 e 1950 a poboación coñeceu a maior subida do século e acadou o seu máximo histórico con 5.888 h; a dinámica demográfica da Guerra Civil española e a posguerra provocaron o aumento. A partir de 1960 o descenso xa foi continuo. Ata os inicios da década de 1980, a emigración cara aos países industrializados europeos explica a baixa dos efectivos humanos. Nestes anos produciuse un descenso do 27,8% (o concello tiña 4.251 h en 1981). A paralización do fluxo emigratorio e o retorno dalgúns emigrantes foron as causas de que en 1986 subira lixeiramente a poboación ata os 4.442 h. Non obstante , desde entón o descenso acelerouse, co que se acadou unha taxa do 37,6% en dez anos. O descenso da poboación continuou nos inicios do s XXI e así entre 2001 e 2007 cifrouse no 4,43%. A marcha da poboación máis nova cara ás áreas urbanas de Galicia, Vigo e Pontevedra principalmente, a caída do crecemento natural e o avellentamento da poboación xeran esta dinámica despoboadora.
Deste xeito, o crecemento vexetativo é moi negativo (2006), dun -11,1‰. A natalidade é moi baixa, do 2,4‰, mentres que a mortalidade é do 13, 5‰. Os maiores de 65 anos representan o 36,4% da poboación total, mentres que os menores de 20 anos o 8,1%; o grupo intermedio representa o 55,5%. A distribución por sexos amosa un gran desequilibrio a prol das mulleres, que constitúen o 54,28% da poboación. Predomina maioritariamente a vivenda familiar.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello Cerdedo de é do 42,2% (53,2% a masculina e 33,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 38% (49,2% a masculina e 29,2% a feminina) e a taxa de paro é do 9,8% (7,5% a masculina e 12,8% a feminina). As actividades agropecuarias constitúen a base económica do concello, especialmente a agricultura e a gandería, pero conservan unha importancia relativamente alta, ao empregar o 15,2% dos ocupados. Ademais, debido ao carácter eminentemente rural do seu hábitat, moitos dos ocupados noutros sectores practican tamén a agricultura e a gandería nun ámbito doméstico; a produción constitúe un importante complemento das rendas familiares e un elemento de mellora da calidade de vida. Posúe unha superficie agraria útil de 735ha (o 8,93% da superficie total do concello, unha porcentaxe reducida debido á súa topografía accidentada). O abandono das terras menos fértiles e de máis difícil explotación pola súa altitude e a súa pendente explican o desequilibrio entre a superficie útil e a aproveitada. Millo, centeo, patacas e hortalizas son os principais cultivos agrícolas. Non obstante , a gandería bovina de orientación láctea é a actividade máis relevante dentro do sector. Hai censadas (2007) 857cabezas de gando vacún en 85 explotacións. Cómpre destacar a explotación forestal: os montes, a maior parte veciñais, explótanse en mancomún. As especies coas que se está repoboando son o piñeiro, o castiñeiro, a nogueira e o carballo americano. No sector industrial, no que traballa o 12% da poboación ocupada, destacan as fábricas madeireiras. A empresa con máis facturación é Hormigones de Folgoso S L, mentres que a que emprega a máis traballadores é Construcciones Jorge Blanco S L; este sector acolle o 22,1% da poboación ocupada. No terciario a porcentaxe de poboación ocupada é maior, cun 50,2%; os empregos concéntranse fundamentalmente na cabeceira municipal e atenden as necesidades dos habitantes do concello. Non obstante , para os servizos máis especializados Cerdedo está influenciado pola vila da Estrada e pola cidade de Pontevedra. No concello existe un centro de atención sanitaria primaria, sucursais de varias entidades financeiras e un centro de educación infantil e primaria. Entre as dotacións de ocio e cultura destaca a praia fluvial. Conta con condicións naturais moi favorables para atraer a demanda do turista rural (lugares de interese paisaxístico, couto pesqueiro, etc). A principal vía de comunicación é a estrada nacional N-640, corredor transversal que comunica o concello de Cerdedo coa estrada nacional N-541 (Ourense-Pontevedra), atravesa o municipio de L a O e pasa pola capital. A estrada local PO-230 comunica Cerdedo con Forcarei; as distintas parroquias do concello comunícanse por medio de vías secundarias e pistas.
Historia
A presenza de restos megalíticos e da cultura castrexa neste municipio parece demostrar o seu poboamento temperán. A etapa da conquista romana deixou no concello o trazado dalgunhas calzadas empregadas durante séculos. Cercedo pertenceu á comarca da Terra de Montes desde principios da cristianización en Galicia. Xunto ao resto da Terra de Montes, foi doado por dona Urraca ao arcebispo Xelmírez no ano 1115. A partir dese momento, os bispos composteláns exerceron o señorío sobre esa terra desde a fortaleza do Castro de Montes, primeiro, e desde o castelo de Soutelo de Montes, despois da Revolta Irmandiña. A imposición do pago do décimo en 1255 polo monarca Afonso X, empobreceu unhas terras daquela castigadas. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello pertenceron á xurisdición de Montes, baixo o señorío do arcebispo compostelán. A presión sobre os campesiños mantívose ata que, en 1809, o Rei Xosé I Bonaparte anulou a obriga de pago do Voto de Santiago. As Cortes de Cádiz dividiron a comarca en cinco distritos ou municipios en 1811, un deles foi Cerdedo. Esta nova demarcación, integrada na provincia de Galicia, adquiriu plena vixencia coa promulgación da Constitución de 1812. Dous anos despois un decreto asinado polo Rei Fernando VII derrogou a Constitución, e con ela suprimiuse o municipalismo e restaurouse a administración señorial. O triunfo do golpe do coronel Riego en 1820 supuxo a proclamación de novo da Constitución, que abriu un período de vixencia do concello de Cerdedo, adscrito dende 1822 á provincia de Vigo. Un segundo decreto derrogatorio do Rei Fernando VII restaurou de novo o Antigo Réxime en 1823. O definitivo establecemento da administración municipal produciuse en 1835, ano no que se volveu establecer o concello. En todos os concellos de Cerdedo que se estableceron en 1812, 1820 e 1835 figuraba unha parroquia, a de Castrelo, que en 1872 se segregou para incorporarse ao concello de Forcarei.
Patrimonio cultural
A antigüidade do poboamento amósase nos numerosos restos prerromanos da Terra de Mouros, os penedos con inscricións rupestres de Santa María de Folgoso e o castro de Castrodiz. Os gravados rupestres de Tomonde, Parada e Cerdedo foron declarados BIC. A ponte de Pedre é gótica con tres ocos, pero conserva a base da época romana. A ponte de Santo Antón é románica, do s XIII. No eido da arquitectura relixiosa sobresaen as igrexas románicas de San Tomé de Quireza, do s XII pero con engadidos barrocos e neoclásicos; a de Tomonde e as de Pedre, do s XVII; e de Cerdedo, do s XVIII. No eido da arquitectura civil destaca o pazo de Chamadoira (s XVIII) en San Xoán de Cerdedo. Terra de canteiros, o concello conserva un gran número de hórreos en Cerdedo, Filgueira e Pedre, e cruceiros en Quireza e Pedre que pertenceron a dous viacrucis. No eido do patrimonio natural destaca unha fervenza na encrucillada dos ríos Quireza e Lérez. Entre as festas destacan as relixiosas do Ecce Homo, San Xoán e San Pedro en Cerdedo; e no ámbito popular e profano, a Festa do Can, en Castro, e a Festa do Canteiro.

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Tabeirós-Terra de Montes
Extensión 79 Km2
Poboación Total 2402 h
Poboación Homes 1098 h
Poboación Mulleres 1304 h
Densidade de poboación 30.41 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias