Cerdido
Concello da comarca de Ortegal, situado na provincia da Coruña no N da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N co concello de Cedeira (comarca de Ferrol), ao S cos de Moeche e As Somozas (ambos os dous de Ferrol), ao L co de Ortigueira (Ortegal) e ao O cos de Cedeira e Valdoviño (Ferrol). Abrangue unha superficie de 52,7 km 2 cunha poboación de 1.439h (2007), distribuídos nas parroquias da Barqueira, Os Casás e Cerdido. A capital municipal é a Vila da Igrexa, na parroquia de Cerdido, situada a 43° 36’ 42’’ de latitude N e 7° 59’ 40’’ de lonxitude O, 86 km ao NL da Coruña e 113 km ao NL de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Ortigueira e á diocese de Mondoñedo-Ferrol.
Xeografía física
O termo municipal de Cerdido está baixo o dominio climático oceánico húmido, dentro do subtipo galego do litoral atlántico do NO, caracterizado pola suavidade térmica e abundantes precipitacións. Aínda que non é un concello costeiro, está situado moi preto do mar e recibe a súa influencia moderadora nas temperaturas, que acadan unha media anual de 13,5°C. As mínimas invernais son pouco rigorosas, pois o mes máis frío, xaneiro, non baixa do 9,5°C de media. O verán é morno; agosto, o mes máis cálido, acada os 19,5°C de temperatura media, e así a oscilación non é acusada, 10°C. Con este ambiente térmico temperado as xeadas son excepcionais. As precipitacións sitúanse arredor dos 1.500 mm e non son máis abondosas porque a serra da Capelada, situada ao NO do concello, se interpón ante a chegada das frecuentes borrascas do O e NO. As xornadas con precipitacións e ceos toldados son habituais ao longo do ano (150 e 180, respectivamente). O réxime pluviométrico presenta un marcado máximo invernal, nesa estación recóllense o 35% das precipitacións totais anuais, e unha relativa seca estival, cun 12% de precipitacións recollidas no verán e con aridez durante os meses de xullo e agosto. As estacións intermedias adoptan un comportamento de períodos de transición e rexistran unhas precipitacións similares (26% do total anual na primavera e 27% no outono). A estrutura xeomorfolóxica do concello circunscríbese dentro da Unidade de Cedeira, composta por rochas cun grao de metamorfismo elevado que afloraron durante o Devónico Inferior. Trátase de xistos, rochas básicas e ultrabásicas do tipo das anfibolitas e serpentinitas, e gneises. Esta estrutura orixina un relevo caracterizado pola presenza dunha superficie de erosión xistosa, cunha altitude situada arredor dos 200 m, sobre a que resaltan restos de superficies anteriores, inselbergs de rochas máis resistentes á erosión (altos de Fracoi, de 402 m de altitude; Forca, 352 m; Montegordo, 327 m e Texón, 321 m). A rede fluvial encaixouse nestas superficies por fenómenos de antecedencia motivados pola tectónica, que elevou a costa e basculou levemente o relevo con dirección L-O, o mesmo sentido que seguen os ríos que van desembocar na ría de Cedeira (Mestas, Pontelle e Porto do Cabo). O río Mera, en cambio, circula polo L do municipio, no límite con Ortigueira, para ir desembocar na ría de Santa Marta de Ortigueira.
Xeografía humana
A poboación aséntase de forma dispersa en pequenos núcleos situados nos vales dos ríos e ao longo das principais estradas, pero non posúe ningún núcleo urbano. Aínda que a evolución demográfica dende 1887, ano do primeiro censo (con 3.083 h), tendeu á reducción da poboación, pódense distinguir varias etapas. A primeira delas é a que rematou en 1910. Caracterízase por un estancamento no número de efectivos, que en todo o período se reduciu en 32 h. Nese momento, malia existir un elevado crecemento vexetativo, notouse a emigración cara a América. A partir desa data a poboación non deixou de medrar ata 1950 a un ritmo medio do 0,53% anual. A emigración estancouse nos anos trinta pola crise económica internacional e a Guerra Civil; nestes anos a poboación contaba cun recurso económico de gran demanda, a venda de leña de toxo para as vivendas das vilas próximas a Cedeira e Ortigueira, e nas cidades da Coruña e Ferrol, a onde se levaba en barcos dende Porto do Cabo. Deste xeito, ante a boa conxuntura económica, acadouse o máximo poboacional en 1950, con 3.696 h. Non obstante , a partir dese momento a paulatina perda de importancia deste produto nos mercados urbanos, o desenvolvemento dos estaleiros en Ferrol que demandaban abundante man de obra e a emigración exterior, fixeron que a poboación descendese ininterrompidamente a un ritmo do 1,13 % anual. Especialmente importante foi a perda de efectivos demográficos entre 1970 e 1981, período que se pechou cun descenso do 30% coincidindo co momento de máxima atracción da área ferrolá. Por últimos, os inicios do s XXI sinalan unha perda de poboación do 8,22%. Froito desta evolución, a estrutura demográfica preséntase moi avellentada, cun 34,3% da poboación que supera os 65 anos, e só o 10% por debaixo dos 20 anos; o grupo intermedio representa o 55,7%. Esta situación incide directamente na elevada mortalidade, 14,4‰, e na baixa taxa de natalidade, 3,7‰, que propician un saldo vexetativo altamente negativo (-10,7‰, 2006). No tocante á estrutura por sexos, a maior esperanza de vida feminina e a sobreemigración masculina fan que predominen, lixeiramente, as mulleres (50,86%) sobre os homes (49,12%).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Cariño é do 39% (52,3% a masculina e 26,6% a feminina); a taxa de ocupación é do 35,7% (49,6% a masculina e 22,9% a feminina) e a taxa de paro é do 8,4% (5,3% a masculina e 14,1% a feminina). As actividades agropecuarias, que ocupan ao 29,2% da poboación (28,6% na agricultura e gandaría e 0,6% na pesca), sufriron unha intensa reestruturación dende que apareceu a emigración masiva a partir dos anos cincuenta do s XX. Concentráronse parcelas, mecanizáronse os labores agrarios e labráronse moitas terras de monte baixo que se converteron en prados (o 10% da superficie municipal), especialmente na parroquia da Barqueira. Destaca tamén a gandería bovina de orientación cárnica e láctea. Coidouse moito a silvicultura, coa plantación de novas árbores na maior parte do territorio dispoñible, sobre todo o que ocupaban as toxeiras: o 65% do solo está repoboado con piñeirais e eucaliptais. A industria baséase na primeira transformación de recursos forestais, como serradoiros e algunha carpintería; o sector industrial emprega o 21,6% dos traballadores residentes no concello, dos que unha parte se traslada diariamente a desenvolver a súa actividade laboral na área urbana de Ferrol. Os empregados na construción, o 18%, desenvolven tamén o seu traballo nos concellos máis próximos, especialmente na comarca da Ferrolterra. Os servizos teñen escasa presenza (31,2%) debido á inexistencia de núcleos significativos e á total dependencia funcional das vilas de Cedeira e Ortigueira, así como da cidade departamental. As principais vías de comunicación son a estrada AC-642 Ferrol-Ribadeo, que atravesa o centro do concello de N a S, e a estrada local AC-103, que o atravesa de L a O, comunicándoo con Cedeira. O ferrocarril de vía estreita Ferrol-Gijón ten unha estación no límite con Moeche e un apeadoiro no lugar de Cuqueira.
Historia
As mostras máis antigas de poboamento remóntanse á época castrexa (ss VI a C-II d C), entre eles destaca o castro de Cerdido. O territorio municipal quedou encravado no condado de Labacengos na primeira división da diocese de Iria Flavia, nun concilio do s VI. A primeira mención de Cerdido atéstase nunha doazón ao mosteiro de Xubia no s XII. Pertenceu á xurisdición da casa dos Andrade durante o s XVII, administrado polo marqués de San Sadurniño, que tiña a facultade de nomear un xuíz. No Antigo Réxime o territorio das parroquias que integran o actual concello de Cerdido constituía a xurisdición de Cerdido e o couto redondo dos Casás, representados na provincia de Betanzos e administrados por diversas congregacións eclesiásticas da vila de Viveiro (dominicanos, franciscanos, Colexio de Gramática) e o marqués de San Sadurniño, no caso da xurisdición de Cerdido, e por un fidalgo no caso do couto dos Casás. A súa orixe como entidade municipal remóntase á creación dos concellos constitucionais en 1813. Trala sinatura por parte do Rei Fernando VII en 1814 dun decreto de derrogación da Constitución de 1812, restaurouse a administración señorial. En 1820 a proclamación da Constitución trala insurrección do coronel Riego supuxo o restablecemento do concello, cunha vixencia maior, ata que foi suprimido en 1823 por un segundo decreto derrogatorio do Rei Fernando VII. A volta ao Antigo Réxime rematou en 1835, data da definitiva implantación do municipalismo. En 1896 creouse unha nova parroquia, a da Barqueira, segregada da de Cerdido.
Patrimonio cultural
No castro de Cerdido atopouse no 1840 un torque áureo, cun estilo moi similar ao da ourivería irlandesa. A igrexa parroquial de San Martiño está na Vila da Igrexa, capital do concello. Da fábrica gótica isabelina do s XVI conserva a bóveda do presbiterio e dúas portas. Da época barroca destaca a torre que coroa a fachada e os retablos do interior. Nos muros está gravado o escudo dos marqueses de San Sadurniño e debaixo del unha escultura do xabaril que representa os Andrade. Foi a primeira residencia da casa do concello. As ruínas da casa do Pazo son unha mostra da arquitectura civil. No eido do patrimonio natural do concello destaca o contorno do río Mestas que, na súa desembocadura, conserva diversos muíños, ademais do espazo de Ortigueira-Meira, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas do concello sobresae a romaría de Santa Lucía e as festas de San Antón na Barqueira e San Martiño en Cerdido. Anualmente, celébrase o Festival-Concurso Folclórico Concello de Cerdido.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Ortegal |
| Extensión | 52 Km2 |
| Poboación Total | 1439 h |
| Poboación Homes | 707 h |
| Poboación Mulleres | 732 h |
| Densidade de poboación | 27.67 h/Km2 |
Parroquias
| Barqueira, A |
| Casás, os |
| Cerdido |