ceroplástica
(
Arte de modelar en cera. Practicada polos exipcios, gregos e romanos, especialmente en máscaras funerarias ou figuras con finalidade rememorativa, acadou certa importancia na Idade Media grazas aos exvotos, ás imaxes de santos e aos cirios decorados. Durante o Renacemento destacou en Florencia Andrea del Verrochio. No s XVI e, sobre todo, no s XVII cobrou un novo impulso, especialmente coa elaboración de medallóns, entre os que destaca o retrato de Luís XIV, obra de Antoine Benoist. No s XVIII as exhibicións de figuras de cera chegaron a ser populares en Francia. Philippe Curtius estableceu en París en 1761 un museo de figuras de cera que foi o núcleo do museo que a súa sobriña Marie Grosholtz, coñecida como Madame Tussaud, trasladou a Londres en 1802. Logo creáronse outros museos semellantes, entre eles, o de París, fundado en 1882 polo caricaturista Alfred Grévin. O éxito popular destes museos, nos que o kitsch ten un papel importante, procede do atractivo exercido sobre o público para as reproducións de figuras e escenas históricas en dimensións, cores e actitudes normais, cunha ambientación efecticista e coa participación de elementos morbosos, como escenas de asasinatos, execucións célebres, etc. En España destacan os museos de cera de Madrid e Barcelona.