Cervo
Concello da comarca da Mariña Occidental, situado na provincia de Lugo no N da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N co Mar Cantábrico, ao L cos concellos de Burela, Foz e O Valadouro (todos da comarca da Mariña Central), ao S co Valadouro e ao O con Xove (A Mariña Occidental). Abrangue unha superficie de 78,3 km 2 cunha poboación de 4.776 h (2007), distribuídos nas parroquias de Castelo, Cervo, Lieiro , Rúa, San Román de Vilaestrofe e Sargadelos. A capital municipal é Cervo, na parroquia homónima, situada a 43° 40’ de latitude N e 7° 24’ de lonxitude O, 171 km ao NL de Santiago de Compostela e 113 km ao N de Lugo. Está adscrito ao partido xudicial de Viveiro, e á diocese de Mondoñedo-Ferrol.
Xeografía física
O termo municipal de Cervo está baixo o dominio climático oceánico húmido, propio de todo o litoral situado ao N de Fisterra e caracterizado pola súa suavidade térmica e por unhas precipitacións menores ca nas áreas do litoral meridional, que alí son maiores porque están expostas directamente á acción dos ventos húmidos do SO. A temperatura media anual é de 12,9°C, e a variación térmica que se rexistra ao longo do ano é moi baixa, con 8,3°C (a Mariña rexistra as menores oscilacións térmicas de Galicia). Esta oscilación é o resultado da combinación de invernos moi suaves, onde a temperatura media do mes máis frío non baixa de 9°C, e de veráns frescos, con 17,5°C de temperatura media. É característico da Mariña a escaseza de días de sol ao ano e a frecuencia do ceo anubado, o que se deixa notar nun déficit de insolación con respecto a outros dominios climáticos de Galicia. Polo que atinxe á pluviometría, recóllense un total de 1.062 mm de precipitacións ao cabo do ano, un volume sensiblemente inferiro ao das áreas do litoral das Rías Baixas. A repartición das precipitacións ao longo do ano advirte unha menor importancia do fenómeno da seca estival, presente en toda Galicia, xa que no verán se recollen o 13,3% das precipitacións. Por outra banda, a porcentaxe de precipitacións do outono e mais do inverno son equivalentes (33%), mentres que na primavera se recollen o 19,9% das precipitacións anuais. O relevo de Cervo resólvese en dous sectores ben diferenciados; por unha parte, as terras altas do sector meridional do municipio, que forman parte da serra de Buio (que bordea polo S a serra do Xistral) e, por outra banda, as terras litorais, caracterizadas sobre todo pola presenza da chaira litoral cantábrica. A serra de Buio é unha aliñación que se estende en dirección NNL-SSO, que culminan no Pau da Vella, de 703 m de altitude. Trátase dun relevo enérxico que resulta da acción combinada de, por un lado, a erosión diferencial que deixou en resalte gneises e granitos nas partes máis altas e, por outra banda, do encaixamento producido pola incisión da rede fluvial. O relevo descende cara ao N, onde o fenómeno xeomorfolóxico máis salientable é a presenza dunha ampla chaira litoral, continuación da denominada Rasa Cantábrica, que se prolonga polo O ata o veciño concello de Burela. É nesta chaira paralela á liña de costa onde se localizan a maior parte dos asentamentos de poboación e as principais actividades económicas do municipio. Polo que se refire á rede fluvial, pertence toda á vertente cantábrica e está constituída por unha serie de regos que nacen na serra de Buio e desaugan, despois de seguir unha dirección S-N, no Mar Cantábrico. Entre os máis importantes están o río Cobo, represado nas inmediacións de Castelo, e o río Xunco, que pasa pola capital municipal, Cervo. Debido á súa curta lonxitude, o réxime hídrico dos ríos está moi determinado pola repartición estacional das precipitacións ao longo do ano.
Xeografía humana
A evolución demográfica do concello, consideradas as parroquias que o integran na actualidade (despois da segregación de Burela en 1994), é positiva dende 1887, cando contaba con 3.732 h, aínda que moi irregular. Así, o mínimo de toda a serie acadouse no ano 1970, con 3.471 h, despois de que actuase o éxodo rural, o que propiciou a emigración cara ás principais áreas urbanas de Galicia, de España e do estranxeiro. A variación máis significativa en todo este período produciuse na década 1910-1920, en que a poboación diminuíu cunha taxa media do -0,7% anual, por mor da virulenta gripe de 1918. A segunda etapa caracterizouse polo crecemento demográfico, debido á dinámica xerada pola industria de Alúmina-Aluminio e o porto de San Cibrao, ás achegas das actividades pesqueiras, adaptadas á economía de mercado, e ao retorno de emigrantes que se estableceron definitivamente nos seus lugares de orixe. Así, a poboación chegou ao máximo de toda a serie, 20 anos despois de que acadase o mínimo, en 1991, cun total de 5.386 h. En 1996 contabilizaba un total de 5.143 h, o que significou de novo un pequeno decrecemento. O s XXI comezou con perda de poboación: 3,24% entre 2001 e 2007. Os maiores de 65 anos representan o 18,3% mentres que os menores de 20 anos son o 13,1%; o grupo intermedio representa o 68,6%. A composición está equilibrada: 50,48% de mulleres e 49,51% de homes. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-4,3‰), froito dunha baixa natalidade (4,4‰) e unha elevada mortalidade (8,7‰).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Cervo é do 49% (61,3% a masculina e 36,9% a feminina); a taxa de ocupación é do 43,1% (56,3% a masculina e 30,1% a feminina) e a taxa de paro é do 12% (8,1% a masculina e 18,5% a feminina). A estrutura por sectores de actividade económica reflicte un predominio do sector secundario, que dá emprego ao 42% da poboación ocupada (33% na industria e 9% na construción). No sector primario emprégase o 12,8% dos ocupados (5,5% na agricultura e 7,3% na pesca) mentres que o sector terciario representa o 45,2% do total dos postos de traballo. Dentro das actividades agropecuarias ten unha grande importancia a explotación forestal; as especies máis abundantes son as de crecemento rápido, sobre todo eucaliptos e piñeiros. A agricultura ten unha importancia moito menor, xa que a ela só se dedican o 9,99% da superficie agraria útil. Os cultivos máis importantes son, ademais das forraxeiras para alimentación do gando, a pataca, o millo, o trigo e o centeo. A gandería é a actividade agropecuaria menos importante. Conta con 400 ha dedicadas a prados e pastos; os armentíos son moi pequenos, tanto de bovino (581 cabezas, 2007). A pesca é a actividade agropecuaria máis importante, á que se dedican máis da metade dos traballadores do sector primario residentes no concello, en concreto o 54,7%. En boa parte, esta elevada proporción do emprego nas actividades mariñeiras en xeral e na pesca en particular, está inducida pola transcendencia que teñen esas actividades no porto do veciño concello de Burela. A actividade industrial ocupa o lugar principal dentro das actividades económicas, debido sobre todo á presenza de dúas empresas, Alúmina-Aluminio (situada no lugar de San Cibrao, na parroquia de Lieiro, que proporciona máis de 1.700 postos de traballo directos e indirectos na comarca) e a fábrica de ladrillos, tellas, louza e cerámica de Sargadelos. A actividade terciaria, na que traballa o 34,1% da poboación ocupada, é fundamentalmente comercial e administrativa, concentrada tanto no propio núcleo de Cervo coma en San Cibrao. A rede viaria do municipio está formada pola estrada N-642, de Ferrol a Ribadeo, ademais de varias estradas locais que comunican entre si todas as parroquias e aldeas do municipio, como a LU-860. Discorre, ademais, a liña de ferrocarril de vía estreita entre Ferrol e Gijón.
Historia
A presenza na comarca de elementos materiais como o torque de Burela, atopado no Castro do Chan, confirma a presenza de grupos de poboación da cultura castrexa. Ata a fundación da vila de Burela no 1250 polo bispo de Mondoñedo e Rodrigo Gómez, non hai novas de núcleos de poboación nesta comarca. No s XVII formouse un pequeno porto en San Cibrao. Durante o s XVIII produciuse a construción, en Sargadelos, da Real Fábrica de Fundición e Louza, confirmada por Carlos IV en 1791. Creada a instancias de Antonio Raimundo Ibáñez, un fidalgo asturiano, a fábrica utilizaba mineral procedente de Reinante e doutras minas do interior do país. Ademais de armas e material bélico en xeral, a fábrica producía obxectos de cerámica, coñecidos polo seu deseño e calidade. A fábrica chegou a gozar dunha gran prosperidade e prestixio, especialmente entre os anos 1845 e 1862, cando a dirixiu o inglés Edwin Forester. Pechou, despois dunha etapa de decadencia, no ano 1875. As parroquias que integran o actual concello de Cervo pertencían no Antigo Réxime á xurisdición de San Cibrao, representada pola provincia de Mondoñedo. O señorío correspondíalle ao bispo de Mondoñedo. Ao abeiro da Constitución de 1812, esa administración señorial substituíuse polo municipalismo coa creación do concello de Cervo que incluíu, ademais das parroquias da xurisdición de San Cibrao, o couto redondo de Burela. Un decreto derrogatorio asinado polo Rei Fernando VII en 1814 supuxo a supresión do réxime constitucional e a restauración da administración señorial. En 1820, promulgada de novo a Constitución, restableceuse o concello de Cervo adscrito, como acontecera na súa primeira etapa, ao partido de Viveiro e á provincia de Galicia. En 1822 foi integrado na nova provincia de Lugo. Un segundo decreto do Rei Fernando VII derrogou de novo a Constitución en 1823, que volveu ao Antigo Réxime. A implantación definitiva do municipalismo produciuse en 1835. Daquela, constituíuse o concello de San Cibrao que integraban as parroquias do actual concello de Cervo. En 1840 o concello de San Cibrao mudou de nome e retomou o de Cervo. Ademais, nesa mesma data, incorporou a parroquia de Burela que se adscribiu no 1835 ao concello de San Xulián de Nois. Finalmente, o 19 de decembro de 1994 a parroquia de Burela segregouse do municipio de Cervo para constituírse en concello propio.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, o patrimonio máis relevante de Cervo é o conxunto histórico de Sargadelos, declarado BIC en 1972. Da primitiva fábrica quedan restos dos muros, a presa, a casa da administración, o pazo residencial e o Paseo dos Namorados. O concello conta con dúas coleccións museísticas: o Museo do Mar de San Cibrao, creado polo mestre Francisco Rivera Casás en 1969, e a colección de cerámica da Fábrica de Sargadelos. Do seu patrimonio natural destaca o espazo da Serra do Xistral, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que teñen lugar na comarca destacan as da Nosa Señora do Carme en San Cibrao, en Lieiro, en agosto e a romaría do Apóstolo Santiago en Sargadelos en xuño; ademais celébranse en San Cibrao a festa do Turista o primeiro sábado de agosto e a da Exaltación da Empanada o mesmo mes.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Mariña Occidental, A |
| Extensión | 77 Km2 |
| Poboación Total | 4776 h |
| Poboación Homes | 2365 h |
| Poboación Mulleres | 2411 h |
| Densidade de poboación | 62.03 h/Km2 |
Parroquias
| Castelo |
| Cervo |
| Lieiro |
| Rúa |
| San Román de Vilaestrofe |
| Sargadelos |