Cesuras
Concello da comarca de Betanzos, situado na provincia da Coruña no O da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Abegondo (comarca da Coruña) e Oza dos Ríos, óao S co de Mesía (comarca de Ordes), ao L cos de Curtis e Oza dos Ríos, e ao O cos de Mesía e Abegondo. Abrangue unha superficie de 79,7 km 2 cunha poboación de 2.323 (2007), distribuídos nas parroquias de Borrifáns, Bragade, Carres, Cutián, Dordaño, Figueredo, Filgueira de Barranca, Filgueira de Traba, Loureda (175), Mandaio, Paderne, Probaos e Trasanquelos. A capital municipal é a aldea de Cesuras, na parroquia de Dordaño, situada a 43° 10’ de latitude N e 8° 11’ 40’’ de lonxitude O, 38 km ao SL da Coruña e 53 km ao NL de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Betanzos e á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O territorio municipal de Cesuras está baixo o dominio climático oceánico húmido, nunha área de transición entre o do litoral atlántico do NO e o das plataformas occidentais. Recibe a influencia directa dos ventos húmidos do N, O e SO debido á ausencia de relevos de importancia dende a costa, pero a súa altitude media (arredor dos 350 m) incide nun descenso térmico en relación á área costeira. Así, a temperatura media anual non excede os 13,5°C e a amplitude térmica acada os 11,5°C. A temperatura media mensual mínima rexístrase en xaneiro con 7°C e a máxima en xullo con 18,5°C. Durante o inverno son frecuentes as xeadas, debido ao arrefriamento nocturno favorecido pola altitude. As precipitacións son abundantes (1.700 mm), repartidas nunhas 150 xornadas anuais. O réxime pluviométrico reflicte un acusado máximo invernal, estación na que se recollen o 38% das chuvias, e unha importante seca estival, pois no verán só se recollen o 11% das precipitacións totais anuais, que orixina un curto período de aridez durante o mes de agosto. As estacións intermedias correspóndense con períodos de transición e repártense o resto das precipitacións de xeito practicamente equitativo (primavera, 25%; outono, 26%). Xeomorfoloxicamente, inscríbese dentro da denominada Superficie de Erosión Fundamental de Galicia, de cronoloxía terciaria. Trátase da Unidade de Betanzos-Arzúa, pertencente ao Complexo de Ordes, caracterizado por unha estrutura de pregamentos deitados que presentan verxencia ao L, cunha litoloxía dominada por xistos e grauvaca, afectada por un metamorfismo rexional de grao baixo. O municipio sitúase nunha área de transición entre as concas dos ríos Mendo, que discorre polo sector oriental do concello, e Mero, que vai polo sector occidental. Ambos os dous ríos instálanse na superficie de erosión cortándoa transversalmente. A paisaxe presenta un aspecto accidentado, cunha sucesión de terras altas (destacan como cotas máximas o alto da Peniña, de 543 m de altitude; Leirós, de 471 m; Cesuras, de 396 m; San Xoán de Medela, de 380 m; Montouro, de 370 m) e vales formados polas numerosas canles fluviais que drenan o municipio.
Xeografía humana
A poboación presenta un grao notable de dispersión polo territorio municipal, asentado fundamentalmente nos vales dos numerosos cursos fluviais que o sucan. Non conta con ningún núcleo urbano. A evolución demográfica experimentada dende o primeiro censo de 1887 (4.767 h) é similar á que tiveron por regra xeral o conxunto dos concellos rurais do interior galego, cun primeiro período de crecemento moderado ata mediados do s XX que logo descendeu de xeito moi acusado. Así, ata 1940 rexistrouse o máximo poboacional con 6.472 h e cun incremento dos efectivos demográficos a un ritmo medio do 0,7% anual, excepto no período entre 1900 e 1910 no que se apreciou un estancamento como consecuencia da saída de emigrantes cara a América. A partir de 1940 o concello perdeu máis da metade dos seus residentes (cunha taxa de crecemento medio no período 1940-1996 do -1% anual) por mor dun extraordinario proceso emigratorio. Ata 1970, o destino principal desas saídas era América (anos cincuenta) e logo Europa (anos sesenta); posteriormente, dirixiuse ás áreas urbanas da Coruña e Santiago de Compostela, momento que coincidiu co maior declive demográfico (entre 1970 e 1981 a poboación descendeu un 28%). Os comezos do s XXI tamén mostra un crecemento negativo -8,93% (2001-2007). O resultado desta evolución é unha estrutura demográfica moi avellentada na que os maiores de 65 anos, que constitúen o 35,9% do total da poboación, case que duplican os menores de 20, que son só o 10,1%; o grupo intermedio representa o 53,9%. O crecemento natural (2006) é negativo (-16,3‰), froito dunha mortalidade moi elevada (19‰) e cunha natalidade moi reducida (19‰). A distribución por sexos amosa un leve desequilibrio a prol das mulleres, que son o 51,09% fronte ao 49,13% dos homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Cesuras é do 34,9% (52,4% a masculina e 27,7% a feminina); a taxa de ocupación é do 35,4% (46,4% a masculina e 24,7% a feminina) e a taxa de paro é do 11,2% (11,3% a masculina e 10,9% a feminina). O sector primario proporciona o 27% dos empregos. Malia a súa importancia, esta actividade acusa algunhas eivas estruturais que constitúen fortes atrancos para o seu desenvolvemento: as explotacións, na maior parte dos casos, corresponden a titulares de avanzada idade e hai un elevado grao de dispersión parcelaria e uns índices de mecanización inferiores aos doutros concellos rurais galegos. A orientación principal é a gandería. O gando bovino está representado por 4.001 cabezas (2007). O aproveitamento dos prados aínda é escaso, pois só ocupa o 12% da superficie, aínda que tende a incrementarse. O policultivo tradicional (millo, centeo, patacas e hortalizas) mantén a súa forza como complemento das economías domésticas. A silvicultura estase potenciando e non deixa de medrar a superficie forestal, que abrangue o 70% do territorio, coa plantación de especies de crecemento rápido (piñeiros e eucaliptos). A industria, que só ocupa ao 18,4% dos traballadores, baséase no aproveitamento dos recursos forestais, fundamentalmente serradoiros. Unha boa parte dos empregados neste sector desprázanse diariamente aos concellos próximos, Curtis e Betanzos, para desenvolver o seu labor. A construción, que acolle o 18,4% dos traballadores, está proporcionada en relación á demanda local de edificación, que en boa medida se nutre do crecente número de segundas residencias xurdidas polas boas condicións naturais do municipio. O sector terciario ocupa ao 35,7% da poboación ocupada, a ausencia dun núcleo urbano no concello e a proximidade de vilas como Betanzos e Curtis fai que os traballadores realicen os seus labores fóra do concello, só destacando, no emprego local, o comercio de produtos de primeira necesidade e o transporte. A principal vía de comunicación é a estrada AC-540 que une Betanzos e Agolada por Melide e que discorre polo sector occidental do municipio.
Historia
A presenza humana máis antiga documentada remóntase á época castrexa, período do que se conservan cinco castros (Borrifáns, Ares, Armucela, Probaos e Castelo). Na Idade Media as terras de Cesuras estaban baixo o dominio dos mosteiros de Sobrado dos Monxes, Santa Baia de Curtis e San Salvador de Cis, en Oza dos Ríos. No s XIII a nobreza laica substituíu o poder monacal e este territorio quedou baixo a autoridade das casas de Andrade e Traba; séculos máis tarde separouse entre as xurisdicións de Betanzos, da provincia do mesmo nome, e a de Mesía, na provincia de Santiago. A primeira, que abranguía as parroquias de Borrifáns, Bragade, Dordaño, Figueredo, Loureda, Mandaio, Probaos, Trasanquelos e Filgueira de Barranca, era xurisdición de reguengo mentres que a segunda, que incluía as parroquias de Carres, Cutián, Filgueira de Traba e Paderne, estaba baixo o señorío do arcebispo de Santiago. Durante a Guerra da Independencia o campesiñado local derrotou os franceses no ano 1808 nunha escaramuza, pero a victoria provocou a imposición dunha multa á provincia de Betanzos, feito que motivou o arrasamento das poboacións. Coa promulgación da Constitución de 1812 estableceuse o concello de Probaos, que tivo vixencia nas tempadas 1812-1814 e 1820-1823, en coincidencia cos períodos alternantes de absolutismo e constitucionalismo que caracterizaron o reinado de Fernando VII. Tanto en 1814 coma en 1823, a supresión do municipalismo supuxo a restauración da administración territorial propia do Antigo Réxime. A definitiva implantación do municipalismo, en 1835, deu lugar á aparición do concello de Cesuras, sen que se producisen variacións posteriores.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destaca a igrexa de Filgueira da Barranca que, malia a restauración, conserva a fábrica románica do s XII de planta e ábsida rectangulares. De transición entre o románico e o gótico é a igrexa de Loureda. As igrexas de Santiago de Paderne, San Vicente de Carres e Santa Baia de Probaos, entre outras, son barrocas. Destacan tamén a capela de San Antón, en Filgueira de Traba, e o santuario de San Gregorio, en Borrifáns. No eido da arquitectura civil cómpre destacar os pazos de Loureda, Filgueira e Vilavide, e as casas de Canedos e Cha. Na capital destaca o modernista sanatorio antituberculoso, obra inacabada de Rafael González del Villar. Entre as festas que se celebran na comarca destacan as de San Antón de Traba e San Xoán de Medela, e a de Cova de Vales, organizada xunto aos concellos de Curtis, Mesía e Vilasantar.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Betanzos |
| Extensión | 79 Km2 |
| Poboación Total | 2323 h |
| Poboación Homes | 1136 h |
| Poboación Mulleres | 1187 h |
| Densidade de poboación | 29.41 h/Km2 |