cetáceo -a
(< lat científico Cetacea< lat cētu ‘cetáceo’ < gr κῆτος ‘monstro mariño’)
-
adx
Relativo ou pertencente aos cetáceos.
-
s
m
[ANIMAL]
Mamífero da orde dos cetáceos.
-
s
m pl
[ANIMAL]
Orde de mamíferos acuáticos que viven permanentemente na auga. Presentan formas hidrodinámicas, nas que converxen cos itiosauros, xa extintos, con algúns peixes de gran tamaño. Carecen de extremidades posteriores e a cola remata en dous lóbulos carnosos transversais. Algúns posúen, ademais das aletas pectorais, unha aleta dorsal carnosa. Evolucionaron a partir de primitivos ungulados terrestres, da familia dos mesoníquidos, ao comezo do Terciario. Entre os cetáceos figuran os animais de maior tamaño, e deles destaca o rorcual azul como o máis grande de todos os tempos. O corpo está cuberto cunha considerable capa graxa, que serve de illamento térmico ademais de reserva enerxética, moi apreciada polo home, o que levou a moitas especies a estar en perigo de extinción. Carecen de pelo, só presentan algunhas sedas no fociño. As glándulas externas están limitadas ás dos ollos, que adoitan ser de pequeno tamaño, e ás mamarias, dispostas en posición inguinal das que que as crías toman o leite altamente graxo. Non presentan orellas, aínda que teñen un complexo sistema de ecolocalización e de comunicación baseado en sons de alta lonxitude de onda. Adoitan ser gregarios e presentan un sistema de comunicación formado por palabras en amálgama que permite a transmisión de mensaxes completas. O seu olfacto é moi limitado e teñen os orificios nasais, que poden pechar nas inmersións, situados na parte superior da cabeza; os aparatos respiratorio e dixestivo son totalmente independentes. Algunhas especies poden permanecer ata unha hora baixo a auga, o que lles permite acceder a presas peláxicas. Os seus ósos, pesados e macizos, facilitan a permanencia baixo a auga ao actuar como lastre. Teñen pulmóns relativamente pequenos, que nas inmersións só almacenan o 9% das reservas de osíxeno; o resto está ligado directamente aos músculos, polo que non sofren problemas coa descompresión ao cambiaren de profundidade e resistiren altas presións nas inmersións. A crenza de que expulsan un chorro de auga cando emerxen á superficie é falsa xa que o que realmente expulsan como froito da exhalación é unha nube de vapor de auga condensado polas baixas temperaturas. Os cetáceos da suborde dos misticetos carecen de dentes, pero teñen unhas formacións córneas denominadas barbas que actúan como filtro para reter o plancto do que se alimentan. Os cetáceos da suborde dos odontocetos presentan numerosos dentes pequenos e cónicos que serven para apreixar os peixes e cefalópodos dos que, polo xeral, se alimentan. Como depredadores, os odontocetos teñen vantaxes sobre os peixes en augas frías, xa que os mamíferos non teñen condicionada a súa actividade muscular pola temperatura das augas. Están presentes en océanos, mares e ríos tropicais. Á suborde dos misticetos pertencen as familias dos balénidos (baleas), neobalénidos (baleas pigmeas), estríctidos (baleas grises) e balenoptéridos (rorcuais e xibardos); e, á suborde dos odontocetos, as familias dos fisetéridos (cachalotes), monodóntidos (narvais e belugas), zífidos (zífios), delfínidos (golfiños, candorcas, caldeiróns, negróns, tucuxis e llampas), focénidos (toniñas), platinísticos (golfiños fluviais da India), ínidos (golfiños amazónicos), lipótidos (golfiños do Iang-Tsé) e pontopóridos (golfiños do Plata).