chacal

chacal

(< turco čakāl

  1. s m [ANIMAL]

    Mamífero carnívoro pertencente ao xénero Canis, da familia dos cánidos, que presentan unha lonxitude de 65 a 106 cm, cun rabo de 20 a 41 cm e cun peso medio de 11 kg. Ten un aspecto esvelto, patas longas e cola grosa, e orellas levantadas e grandes. A dentición combina uns molares potentes cuns cairos afiados. Forman parellas ou grupos familiares, constituídos polo macho, a femia e polos animais novos que quedan normalmente unha tempada cos seus proxenitores para axudarlles na cría dos irmáns, na defensa da camada e do territorio. Aliméntanse tanto de grandes herbívoros, como gacelas, que cazan en grupos familiares tras unha longa persecución de desgaste, así como de roedores, aves, réptiles, invertebrados, preas e froitos. Como outros cánidos, os membros dunha familia transportan alimento no estómago para logo regurxitárllela aos cachorros, unha media de nove, e á femia lactante. Constrúen os seus propios tobos, acondicionan os doutros animais ou mesmo aproveitan niños de térmites abandonados. Distribúense por África e polo sueste de Asia e Europa.

  2. chacal etíope [ANIMAL]

    Carnívoro de ata 61 cm de altura en cruz, de pelame rubio agás o peito e o ventre, que son de cor branca. Vive na alta montaña das rexións etiópicas de Bale e Semién.

  3. chacal común/chacal dourado [ANIMAL]

    Carnívoro de altura en cruz de 40 cm, cun pelame de cor amarela dourada con manchas de cor parda. Vive nas sabanas do N e L de África, no sueste de Europa e do S de Asia ata Birmania.

  4. chacal de lombo negro [ANIMAL]

    Carnívoro que acada os 40 cm de altura en cruz, de pelame rubio e co lombo raiado en negro e branco. Vive en sabanas e bosques abertos do L e S de África.

  5. chacal raiado [ANIMAL]

    Carnívoro que acada os 40 cm de altura en cruz, de pelame cincento, cunha franxa de cor branca que lle percorre os flancos e coa punta da cola tamén de cor branca. Habita en zonas boscosas húmidas da rexión tropical de África.