chicano -na

chicano -na

(< aférese de mexicano)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos cidadáns estadounidenses de orixe mexicana.

  2. s

    Cidadán dos EE UU de orixe mexicana.

  3. s m pl

    Poboación dos EE UU orixinaria de México. Entraron ilegalmente no país nos anos sesenta para traballar na agricultura; sen embargo, axiña se instalaron nas grandes cidades dos EE UU, sobre todo en Los Angeles e Nova York. En 1963 César Chávez fundou a National Farm Workers Association, un sindicato de traballadores agrarios que en 1966 se afiliou ao American Federation of Labor-Congress of Industrial Organisations (AFL-CIO), que conseguiu grandes resultados coas loitas polos dereitos dos braceiros. Os dereitos civís, sen embargo, comezaron a recoñecérselles na década dos noventa, cando o seu peso demográfico no conxunto da poboación estadounidense (ó redor do 20% da poboación), ocasionou que estes fosen obxecto de atención preferente do Republican Party.

  4. teatro chicano [ESPECT]

    Movemento teatral impulsado por un grupo de mozos mexicanos en solidariedade cos xornaleiros procedentes de México e residentes nos EE UU. Iniciado por César Chávez e Luis Valdez, realizaban pequenas intervencións de carácter político e reivindicativo a partir de breves accións escénicas baseadas na improvisación e na adecuación a cada situación e circunstancia conflitiva. Despois da creación do Teatro Campesino en 1965, naceron outras agrupacións como Teatro de la Gente (1967), Teatro de la Esperanza (1971) ou o Teatro Bilingüe (1972), ata conformar un movemento no que se chegaron a integrar máis de cen agrupacións escénicas. Malia que o seu número diminuíu na actualidade, estes colectivos aínda manteñen os seus obxectivos iniciais de educación e mobilización popular, coa organización de funcións e doutro tipo de actividades, amais da publicación de textos dramáticos.