Choisya

Choisya
[PLANTA]

Xénero de arbustos da familia das rutáceas ao que pertence a especie C. ternata. Presenta follas perennes, lixeiramente carnosas e trifoliadas con folíolos de marxe enteira e forma ovada de ata 7 cm de lonxitude. As flores son brancas e moi recendentes, de ata 3 cm de diámetro e con cinco pétalos agudos. Orixinaria de México, foi traída a Europa no 1825 polo filósofo e botánico suízo J. D. Choisy (1799-1859). En Galicia foi obxecto de cultivo como especie ornamental en xardíns e pazos.